Murallas dun novo castro atopado en Guitiriz / Patrimonio dos Ancares

Que grande e rico é o patrimonio de Galicia… Seguen aparecendo mámoas e castros

Os bens patrimoniais en Galicia xa non se contan a centos, senón a milleiros e é imposible a día de hoxe coñecer cantos, exactamente, hai no país. Membros de Patrimonio dos Ancares informaron de que atoparon unha nova mámoa e un novo castro en Guitiriz, nas inmediacións da aldea de Ferreiros, na parroquia de Santa Cruz de Parga.

A mámoa, situada nunha pradería, ten unhas medidas duns 16 metros de diámetro e 0,50 de altura. No centro obsérvase un cráter de violación moi colmatado. Atópase a uns 650 metros das dúas mámoas da Fonte de Pedrasos que si están catalogadas pola Xunta de Galicia.

Mamoa atopada en Guitiriz / Patrimonio dos Ancares

A uns 300 metros desta mámoa, moi cerca da aldea, documentaron un novo castro. Está situado a uns 500 metros de altitude, nunha pequena elevación do terreo que cae cara o río de Fonte Ribeira. De forma case circular, ten unhas medidas duns 90 metros de diámetro. Conserva case toda a muralla no seu perímetro, excepto uns 20 metros polo norte, polo que se aprecia á pefección; nalgúns tramos acada os 2 metros de altura.

O interior do recinto foi utilizado para labores agrícolas; na actualidade úsase como pastizal. “Chámanos a atención que estea sen catalogar xa que se trata dun castro moi claro, ademais de ser coñecido polos veciños co evocativo nome de O Castro”, apuntan.

Estas novas descubertas xa foron comunicadas por correo electrónico a Patrimonio da Xunta de Galicia.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: