fbpx
Dolmen con corredor atopado en Friol / Xabier Moure

Atopado un gran enterramento megalítico con corredor en Friol

Tempo de lectura: 3 min.

Os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares, Brais Rodríguez Romero e Xabier Moure, vimos de redescubrir un dolmen de boas dimensións, que se cría desaparecido, no concello de Friol. Atópase no monte de San Cibrao, a 600 metros de altitude, pertencente á aldea de Fontedelo, na parroquia de San Cibrao da Pregación.

A súa localización foi posible grazas a unhas notas de hai trinta anos, inéditas, dos investigadores Juan Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela que documentaron centos de enterramentos do Neolítico ao longo dos concellos de Friol, Lugo e Outeiro de Rei, traballo ímprobo que nunca lle foi recoñecido.

Esta construción megalítica de carácter funerario pasa totalmente desapercibida debido a abundancia de toxos que a cubren, para acceder a ela tivemos que cortar un montón de toxos de groso tronco e duns tres metros de altura.

Dolmen con corredor atopado en Friol / Xabier Moure

Trátase dunha mámoa de terra duns 20 metros de diámetro en cuxo centro hai un gran cono de violación que acolle a cámara funeraria de pedra, de forma poligonal, formada por seis pedras fincadas no chan verticalmente, algunhas removidas da súa posición orixinal. Da cámara parte un corredor formado por varias pedras fincadas paralelas que comunicaban co exterior. O dolmen estaba cuberto por unha ou máis tampas dispostas horizontalmente, tamén de pedra, que foron destruídas, seguramente, a raíz da cédula outorgada no ano 1609 ao crego e fidalgo do couto de Recimil de Parga, Vázquez de Orxas, que recibiu autorización real para buscar tesouros no interior das mámoas, permiso que levou ao campesiñado a profanar  miles de enterramentos megalíticos ao longo e ancho de Galicia. Está documentado que nas antigas xurisdicións de Friol, San Paio de Narla e noutras próximas abriron unhas 400. Tesouros non atoparon, pero a destrución foi sistemática.

Os enterramentos megalíticos con corredor son os máis escasos da provincia de Lugo e de Galicia. Os máis abundantes son os formados por túmulos de terra e pedras e as mámoas que acubillan no seu interior cámaras pétreas simples (sen corredor). Este dolmen do Monte de San Cibrao cremos que é o de maiores dimensións do municipio, en conxunto ten unha lonxitude duns catro metros. A súa construción foi arredor do 4000 antes de Cristo.

Lugar onde se localizou un dolmen en Friol / Xabier Moure

Estes enterramentos foron feitos por unha colectividade para enterrar aos seus mortos, e son a mellor expresión das formas de organización do Neolítico. A uns 240 metros, no Alto de Fontedelo, atopamos outra mámoa, tamén cuberta pola vexetación, formada, aparentemente, por terra e pedras.

Ata o presente, na parroquia de San Cibrao da Pregación só se tiña constancia dun enterramento deste período, o da Aurela, que ao parecer foi destruído. No Concello de Friol temos constancia da existencia duns 270 túmulos, dos que 100 foron totalmente destruídos. O estado de conservación do seu patrimonio Neolítico é máis que malo. O achado xa llo comunicamos a Patrimonio para que procedan á súa catalogación.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...