fbpx
Combinación de pías naturais e gravados rupestres no Pousadoiro II / Capitán Gosende

Descuberto un santuario rupestre en Cerdedo

Tempo de lectura: 5 min.

A tropa do Capitán Gosende atopou no monte de Cuíña, en Quireza (Cerdedo) a uns 540 m de altitude con outro sitio arqueolóxico. Tan só a primeira impresión abastou para cualificalo como un dos máis importantes do territorio cerdedense.

Os novos achados e a consulta toponímica efectuada na aldea aconsellan mudar a denominación rexistral das descubertas. A partir de agora, empregaremos “O Pousadoiro” para a súa identificación, xa que este é o chamadeiro polo que se coñece a porción de monte máis achegada ao casal e que se estende ao leste dunha valgada seca. Denomínanse Os Caveiriños, os predios monteses situados a poñente da dita valgada. Tanto Os Caveiriños coma O Pousadoiro, mesmo a propia Cuíña, son colados da vertente sueste da Conla (768 m de altitude).

No Pousadoiro, a montaña fai relanzo. Naquela penechaira, camiñantes, cargadores e xugadas detiñan o avance e recuperaban o alento. Nós fixemos o
propio. Hai 4.500 anos, os antigos poboadores de Cuíña escolleron aquel planalto para erixir acaso un santuario, acaso un observatorio astronómico, talvez ambas cousas. Insuflándonos novos azos, quixo o destino que fósemos nós os agraciados co seu descubrimento.

Outros achados

Daquela, a escasos 300 m ao noroeste do petróglifo do Pousadoiro I (antiga denominación: Os Caveiriños), sitúase o santuario rupestre do Pousadoiro II. O sitio arqueolóxico caracterízase pola presenza dun bolouro granítico diminuído por extracción (coordenadas.- X: 543.951; Y: 4.711.143). Polo lado noroeste, o pelouro érguese 120 cm do nivel do chan; polo sueste, a altura acada os 4 m. A lonxitude do penedo atinxía, orixinalmente, uns 7 metros, acadando tamén uns 6 m de largura.

Como dixemos, foi obxecto de corta, apreciándose a desaparición dun fragmento de 4,5 m de largo, 6 m de longo e 2,15 m de alto (é dicir, uns 58 m 3 de material pétreo). No anterior artigo xa sinalabamos que boa parte da pedra empregada nas casas, pendellos, hórreos e valados de Cuíña se baixou do Pousadoiro. As marcas de corte nas laxas son abundantísimas.

Membros de Capitán Gosende a carón do petróglifo do Pousadoiro II

Pías e círculos

Na parte superior do penedo (na actualidade: 4,5 m x 2,1 m), os axentes erosivos obraron a talla de trece bacías de cabida disimilar. Cinco pías forman un conxunto independente, en forma de trevo, comunicadas por canles de desaugadoiro. Neste conxunto, dúas pías posúen unhas dimensións superiores ao resto e presentan fondo plano. Outras cinco pías forman un conxunto independente e graduado, comunicadas entre si por unha canle de desaugadoiro que verte no chan. O tallado natural complétase con outras dúas pías conectadas por canle de desaugadoiro e unha terceira, illada.
No fondo plano das dúas pías de maior tamaño o ser humano prehistórico tallou senllos agrupamentos de coviñas. Nunha delas (70 cm de diámetro),
contamos media ducia de coviñas. Na outra (50 cm de diámetro), contamos 3 coviñas. Nestes agrupamentos, a coviña meirande mide 9 cm de diámetro e a máis pequena, 4 cm.

No espazo que bordea as pías meirandes, advertimos a existencia de tres gravados moi desgastados. Un deles componse de catro círculos concéntricos,
coviña central e raio; combinación de elementos circulares que acada os 47 cm de diámetro. O segundo gravado fórmano tres coviñas arrodeadas por trazos curvilíneos. Un risco curvilíneo semella por en comunicación os devanditos elementos. O terceiro gravado componse dun agrupamento de cinco coviñas.

Outro panel

A uns seis metros cara ao norte do penedo, descubrimos un segundo panel inscultórico (coordenadas.- X: 543.954; Y: 4.711.152), tamén moi luido. O tallador prehistórico empregou a parte superior dunha laxa granítica (4 m x 1,80 m de superficie visíbel) para tallar dous círculos concéntricos con coviña central e dúas coviñas illadas. O diámetro das combinacións circulares acada os 20 cm. Círculos e coviñas semellan asociarse a unha greta de trazo sinuoso que atravesa o panel lonxitudinalmente.

A uns seis metros cara ao sudoeste do penedo, descubrimos un terceiro panel (coordenadas.- X: 543.943; Y: 4.711.138). A superficie visíbel do soporte granítico supera os 8 m 2 . Neste caso, a inscultura componse de 5 círculos concéntricos con coviña central. A figura acada os 84 cm de diámetro. A coviña central ten 9 cm de diámetro. Apegadas ao gravado e en sentido lonxitudinal, alíñanse sete marcas de corte, evidencias dun labor de extracción interrompido. Unha das entallas abriuse a 6 cm da figura. A leve pendente do soporte oriéntase cara ao leste. Os seis metros de laxa que afastan o terceiro panel do panel principal desapareceron por extracción.

Terceiro panel do Pousadoiro (Quireza, Cerdedo) / Capitán Gosende

Dende o lombeiro do Pousadoiro contémplase unha belísima panorámica da derrega oriental da comarca de Montes. Con día claro, a vista dexerga na distancia a inconfundíbel silueta do monte Coco. Máis perto, o cordal do Seixo. Aínda máis, tras o val de Quireza, érguense os cumes ben coñecidos do Coto Laceiras (petróglifos), de Pedrouzos (túmulos), do Campo dos Cans-Outeiro do Corvos (túmulos), de Castrodiz (castro-petróglifos), da Lomba e Daquelcabo, das Corvas-Pernide (petróglifos)… Dende aquel punto, cara ao sur, xa en Cotobade, sobrancea a picota do Caveiro.

Visión nocturna

Cómpre unha visita nocturna aos petróglifos do Pousadoiro. Estamos certos de que a luz indirecta das lanternas potenciará ou fará reaparecer os elementos máis esvaídos. Así e todo, o emprego intensivo do lugar como canteira debeu provocar estragos irreparábeis na arte rupestre daquela chaeira. Os frecuentes incendios forestais aceleraron o proceso de luído. Probabelmente, por unhas circunstancias ou por outras, os gravados localizados no sitio arqueolóxico do Pousadoiro (Cuíña-Quireza) son apenas unha pequena mostra dos que se insculpiron orixinalmente.

O Pousadoiro II é unha das estacións petroglíficas máis salientábeis de Cerdedo. Os 84 cm de diámetro das combinacións circulares do terceiro panel (5 círculos concéntricos e coviña central) fan deste petróglifo o cuarto en atención ao tamaño. Lembremos que as combinacións circulares de Laxa das Filloeiras I (5 círculos concéntricos e coviñas centrais) acadan os 164 cm de diámetro; a figura 1 da Laxa da Romaxe II (8 círculos concéntricos e coviñas centrais) acada os 112 cm e a figura 2 (7 círculos concéntricos e coviñas centrais), os 106 cm de diámetro. Laxa das Filloeiras I e Laxa da Romaxe II son, ambas as dúas, estacións petroglíficas localizadas na parroquia de Pedre e foron descubertas polos exploradores de Capitán Gosende en 2012 e 2015, respectivamente.

Botemos contas. O número de gravados rupestres inventariados en Cerdedo ascende a día de hoxe a 54. O número de petróglifos descubertos por Capitán Gosende en Cerdedo ascende a 43. O número de insculturas descubertas na comarca de Montes acada a cifra de 74.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...