Unha das augas termais de época romana de Cuntis / Héitor Picallo

Queres coñecer as augas sagradas e os tesouros romanos de Cuntis?

Tempo de lectura: 5 min.

Augas sagradas e termas romanas. Paisaxes medievais e loitas campesiñas. Este sábado Rutas de Historia, o proxecto de valorización da historia e do patrimonio de Galicia, viaxa a Cuntis. Será da man do activista cultural Héitor Picallo con quen falamos nesta entrevista.

Un Cuntis no que se localizan antigas termas e balnearios e nos que os visitantes coñecerán o valor do pozo e burga de Lume de Deus (existente xa no S. I d.C.), a fonte do baño romano (na rúa real), as antigas canalizacións de auga, os altares romanos e outros testemuños arqueolóxicos… Todo isto dando pé a falar non só da época clásica senón, asemade, da Alta e Baixa Idade Media.

As augas sagradas de Cuntis… É a suxerente idea desta nova andaina de Rutas de Historia. Son tan importantes as augas de Cuntis? 

As augas son a razón da existencia da vila e concello de Cuntis. De non ser por tal recurso natural non se tería configurado, outrora, coma unha verdadeira cidade da auga. Así o quixo a cultura romana e, seguramente, antes dela as tribos galaicas gustaron tamén dos mananciais salutíferos. A actual vila termal conta con 19 surxencias (entre fontes, captacións e pozos) con temperaturas que oscilan entre os 25 e 62 ºC. Noutras verbas, son as terceiras máis quentes de toda Galiza. 

Seica Ptolomeo chamoulle a esta vila Aqua Calidae. Que restos romanos quedan en Cuntis? 

Si, certamente Ptolomeo cualifica a antiga cidade romana de Cuntis como Aquae Calidae. E iso tivo que ver coa presenza dun gran número de mananciais, co seu inxente volume hídrico e as significativas temperaturas das augas minerais. Os restos son bastante abondosos, se ben existe un subsolo ateigado de depósitos arqueolóxicos. Por exemplo, unha das burgas e fontes públicas denominada Lume de Deus conta cunha arqueta que foi construída, cando menos, na época de Tiberio (14 a 37 d.C.), temos constancia de varias piscinas romanas, aras dedicadas ás ninfas e a outras deidades, miliarios, zonas de captación de augas –castelum aquae–, tesouros de moedas de cronoloxías diversas que van da época de Tiberio á de Constantino I (306 a 337 d.C.)…

Escultura en Cuntis / Héitor Picallo

E como é a propiedade agora destas augas. Pode a cidadanía desfrutar delas?

Desafortunadamente, todos os mananciais localizados en zonas públicas están rexistrados como propiedade privada (e iso que se trata dun recurso natural!!). A cidadanía só ten acceso libre –con certas limitacións– a dous dos mananciais que están localizados en dominio público, concretamente na Praza de Galiza e na Rúa do Balneario. Por outra banda, antigamente a veciñanza cuntense tomaba as augas de balde nos balnearios locais, hogano só consegue un desconto no prezo dos baños. 

Así e todo, coido que teñen que existir espazos de convivencia entre as iniciativas públicas e privadas; o desenvolvemento hostaleiro e industrial e a conservación dos dereitos públicos e veciñais; os intereses mercantís e o respecto, conservación e divulgación da riqueza cultural, histórica e arqueolóxica deste e doutros municipios galegos. Ora ben, sempre que teñamos postas as miras nun desenvolvemento sustentábel e de calidade e que as reformas de lei garantan as propiedades e dereitos públicos amais do estabelecemento dun canon de explotación de tales recursos naturais.

Cales destas fontes e mananciais visitaremos?

Unicamente visitaremos dúas delas: a burga bimilenaria de Lume de Deus (que conta coa citada arqueta da época de Tiberio, como mínimo) e a da Rúa Real (construída en 1835 pero que dispón, no seu subsolo, dun baño romano de aproximadamente 20 metros cadrados de superficie).

Precisamente unha das grandes riquezas de Galicia son as súas augas termais. A que se debe que haxa tantas fontes termais en Galicia? 

En Galiza existen máis de 300 mananciais de auga termal e isto débese a múltiples factores, pero sobre todo a unha específica xeoloxía e orografía do terreo. A existencia de fallas e fisuras na rocha –na zona de Cuntis e Caldas de Reis esas fendas acontecen en granitos secundarios– facilita as filtracións de auga cara ao interior da codia terrestre que logo, ao ser mineralizada, aflora á superficie con determinadas características físico-químicas. Pensemos, por outra banda, que esas fendas ou fisuras son moi significativas nos cursos fluviais galegos.  Cavilemos, logo así, nos mananciais e antigos balnearios existentes nas ribeiras do Lérez, Ulla, Umia, Miño… Así as cousas, alén de instalacións lúdicas que usan auga termal, no noso país contamos con preto de dúas ducias de balnearios.

Con todo, a riqueza de Cuntis non só son as súas augas. Hai petróglifos, como os de Cartas de Fóra. Que representan?

É certo, son varias as estacións rupestres existentes no municipio, se ben as máis destacas sitúanse nas freguesías de Cequeril, Troáns e Baños de Cuntis. As que visitaremos son as de Cartas de Fóra, nesta última parroquia, onde abondan as combinacións circulares. As insculturas provistas de cérvidos son as coñecidas co nome do Outeiro do Forno da Tella que, por mor do amplo percorrido que imos realizar, moi seguramente non as visitemos.

Imaxe de Cuntis desde Castro Landín / Héitor Picallo

Tamén hai importantes castros, o de Meira, o de Castrolandín… Que destacarías deles?

Castrolandín, hoxe por hoxe, é un dos monumentos que define ao noso municipio e que, por sorte e mercé do labor de institucións e particulares, é visitábel e está bastante estudado. Na vila  do Baño (“capital” do concello) conta Castrolandín cun inmoble que serve de sé da Fundación Terra Termarum, amais de centro de interpretación e obradoiro no que se reproducen vasillas da Idade do Ferro procedentes de diversos castros galegos. 

Por outra banda, no lugar de Laxos existe un outro recinto fortificado  que, dende a USC, foi motivo de investigación. Porén, o de maior envergadura e talvez importancia sexa o denominado Castro da Aurela (ou Castro Loureiro). Do primeiro que comentei destacaría as dimensións das súas vivendas, realmente grandes, o seu dominio no horizonte e a presenza dunha edificación central rectangular que puido ter vinculación coa siderurxia. Logo, en ámbito global, podo sinalar que o concello conta con preto de dous castros por parroquia.

Ademais, Cuntis foi un importante enclave medieval. Diso dan conta varios mosteiros….

Logo da época dos castros e de Roma, o municipio foi unha importante urbe Alto e Pleno Medieval, pois o núcleo urbano –con independencia de edificios civís, vivendas particulares,  torres e posibelmente murallas– contaba con tres igrexas: a máis pequena, realmente unha ermida, amparábase baixo a protección de San Vicenzo; outra, denominada Santa María de Termis (en alusión evidentemente ás augas sulfurosas e ás instalacións balnearias existentes nas contorna) serviu para albergar unha comunidade relixiosa vinculada a unha familia laica local; e por último tamén dispuña do mosteiro real de San Xiao de Caldas de Cuntis. Amais diso, esta vila Cuntis –xunto con outras urbes importantes de Galiza– cuñou moeda e contou con administración pública propia dende cando menos o século XI.

Que outras cousas destacarías desta vila?

Sería difícil destacar algo concreto. Quizais a igrexa parroquial de Santa María, que conta cun patrimonio sacro valiosísimo; a casa dos Castros, antiga vivenda fidalga na que viviu e morreu Vicente Xosé de Castro Lira e Lavandeira (Deputado nas Cortes de Cádiz); os lavadoiros fluviais e termais; a Casa Grande do Cruceiro (vinculada en boa medida a un destacado científico galego do S. XIX), o cemiterio subterráneo de Arcos de Furcos, os pazos abaciais de Troáns e Estacas…

E algunha recomendación para que os veñan ao roteiro?

Sobre todo que teñan moitas ganas de preguntar e compartir conversa, e que así mesmo que gusten da sorpresa. Porque Cuntis, realmente, sorprende.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: