fbpx
10. Felipe-Senén López Gómez. Fotografía: Xurxo Lobato.

Felipe Senén: “Coido que a cultura galega está en mal momento… Podemos volver á situación do río Leteo”

Tempo de lectura: 7 min.

Felipe-Senén López Gómez, Licenciado en Historia da Arte, de 1975 a 1996,  director do Museo Arqueolóxico da Coruña, de 1977 ao 2015 Técnico de Xestión Cultural da Deputación da Coruña, numerario da Academia Galega de Belas Artes, do Instituto Cornide de Est. Coruñeses, creador e animador de Amigos dos Museos de Galicia, cunha ampla obra e actividade como divulgado e conferenciante da cultura galega. Especialista en simboloxía, viaxeiro que interrelaciona Galiza con outras partes do mundo, especialmente cos países do occidente atlántico, de tradición “céltica”.

1. Coa decisión da Real Academia Galega de Belas Artes este 1 de Abril celébrase o Día das Artes Galegas consagrado a Domingo de Andrade. O escultor Francisco Asorey tomou moito destes mestres, ao igual que o artista Camilo Díaz Baliño, entre moitos outros, para idear as súas ilustracións e as súas escenografías. Como un dos maiores arquitectos do Barroco Galego, cales pensa que foron as aportacións do seu estilo a linguaxe visual galega?

Domingo de Andade, como Asorey e coma moitos outros creadores galegos crean unha arte en función do seu contexto que é paisaxe e paisanaxe, escenografías de contrastes, de sombras e luces, nas que furar, a través das que ver o “pracido luar”: pórticos abertos, torres, cheminés erguidas ao ceo. Proba de que todo se interrelaciona aquí, parte dese animismo panteísta que nos identifica no mundo.

9. Cernunnus. Felipe-Senén López Gómez

2. Nesta época tamén xurdiron figuras como Simón Rodríguez, Andrade, Sarela, Ferro Caaveiro…. Con eles xurdiu o Barroco de Placas, unha constante fonte de formas e motivos que tanto empregábanse na arquitectura como nas artes decorativas. De qué xeito definiría este estilo e que innovación supón dentro do contexto artístico europeo?

Falariamos máis alá dun contexto Europeo , senón tamén colonial Español (crioulo). O Barroco ten fondas orixes en Galiza e Portugal, caracterizado fronte a clasicismos anteriores ou posteriores polo seu dinamismo, provocando ao espectador a través de contrastes, en planta, na decoración na visión integral da urbe nas súas diferentes perspectivas. O barroco galego ten unha música especial, de órgano, que penetra por todos os sentidos e se mestura co devalar da paisaxe a través das horas do día e das estacións do ano, nas súas pedras florecidas. Don Ramón Otero Pedrayo, entendeu e re-creou sobre esa estética de Nós e como moi ben se di no preámbulo da pregunta, todos aqueles que buscaban unha arte de Nós, mensaxes e formas apelidadas “galegas”.

3. 2020 é o ano do centenario da Xeración Nós. Vostede coñeceu a Ramón Otero Pedrayo. Que cuestións e arelas deixou en vostede? Cómo vían as personalidades da Xeracións Nós as xeracións futuras?

Deixou algo moi importante no que recalar neste tempo confinado do coronavirus: o valor de espírito fronte a todo materialismo tinguido de supermercadeo. Trunfa o que se ama, comezando polo Nós, plural, entre o que está a marca do que somos. O Seminario de Estudos Galegos trataba diso na súa “sementeira”, a que incluso frutificou en días grises da ditadura, por exemplo a través do Laboratorio de Formas de Galiza, obra dese tándem, que deixa o seu ego pra tramar unha obra colectiva que chegue aos bazares, Díaz Pardo -Seoane…Pasado o tempo, enxergo que non se entendeu ben esa lección que debe ser permanente, a de crear unha imaxe digna dun país de seu fronte a un mundo que rebenta globalizado.

4. O grande selo de figuras coma Vicente Risco é o humanismo. El mesmo deixou un enorme legado as nosas artes visuais. A consciencia dunha imaxe propia foi unha delas, así como a dunha identidade visual, a modernidade das formas orixinais, a contribución ao progreso e a innovación universais que a cultura galega -a cidadanía galega- dende a súa orixinalidade pode facer. Mesmo o seu vínculo con Díaz Baliño e Ramón Cabanillas deu lugar a unha linguaxe iconográfica pangalaica, europeísta, universalista. Ve vostede hoxe posibilidades abertas no concepto estético que deixaron?

Moi de acordo, Risco foi o gran ideólogo, por iso il asumiu a persecución que lle esperaba e tivo que encuncharse dalgún xeito, manifestar cousas que non sentía…outros non entenderon iso e esmirriaron o significado dunha obra que respondían á modernidade plena, europea: a cultura, costa é de xente “a rebours” (contrapelo), “inadaptados”….o asunto, a cuestión desa dignificación é transmitila, asumir non quedar na endogamia de intelectuais pra intelectuais, pra normalizada entre un gran público que tende e busca o esperpento, a escatoloxía…aos feísmos e outras fórmulas campantes de aculturación, de anomia (efectos da crise de identidade)… Risco estivo á altura dun Yeats irlandés ou de un Huysmans francés, dun Teixeira de Pascoaes portugués.

8. Luis Seoane, Maruxa Seoane, Manuel Colmeiro e a súa dona no patio de entrada do Palacio de Versalles. S.d. Cedida amablemente por Xosé Díaz Arias de Castro

5. En relación coa pregunta anterior, cal é a súa perspectiva do legado do Sargadelos enfocado por Isaac e Seoane? Un legado herdeiro da Xeración Nós e que, como ben sabe, acada moi diferentes niveis, fondamente unido a sociedade. Eles pensaban non en chuchar da cultura nosa senón en estar ao servizo dela para construír no individual e no colectivo. É un bo ideal.

O tema daría pra moito. Industrias da memoria, cun senso de ser en función das necesidades dun país, incluíndo traballo digno pra homes e mulleres (en tempos de emigración, desarrollismo barato, contaminación) aproveitando os recursos e a cultura de Galiza: Cerámicas do Castro, Sargadelos, o deseño, a editorial do Castro, o Laboratorio de Formas, o Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside, o Seminario de Estudos Galegos co legado xeolóxico de Parga Pondal, o Instituto Galego da Información…Xa din moito: rescatar o senso de Nós de xeito integral baixo unha filosofía de re-crear sobre a identidade…“os chinos poden facer o mesmo e máis barato…pero sen a base cultural…”. Ética e estética camiñan xuntos, iso é a lección máis importante, pero non so se valora o Isaac e o Seoane pintor….a parte individual, sen a gran dimensión social e de futuro. Repito non se entendeu a lección, senón non estaba todo ese legado na situación que hoxe está…

6. Temos o Rexurdimento, a Xeración Nós, Sargadelos, o tecido cultural que se foi construíndo co paso dos anos. De feito leva Portas Ártabras como un centro de dinamismo artístico, histórico… Considera a cultura galega un Ave Fénix?

Non. A cultura cultivase nunha Terra ou acultúrase. Amigos dos Museos de Galicia e o seu espazo de cultura na cidade Vella da Coruña, son unha plataforma, un aula aberta, popular, pra informar formando, pra concienciar…Algo que coido fundamental nesta sociedade. Coido que a cultura, a base de todo, está en mal momento. Mesmo agora, ao superar este tempo podemos volver á situación do río Leteo, ao esquecemento….e a sepultar os nosos herdos co supermercadeo e outras fórmulas de engano. O humanismo é cultura, máis sensibilidade arredor do que facemos ou desfacemos.

7. Citouse antes o Humanismo da cultura galega. Nunha situación como a actual a lectura, a música, a danza ou a filosofía son mais necesarias ca nunca. Eu penso que precisamente por ser ramas humanísticas devolven ao ser humano a súa plenitude, dálle unha independencia intelectual e persoal, o que foi, e i será. Cal é a súa visión dunha educación cunha raíz humanista?

Pois iso mesmo: o mellor que pode facer o ser humano é filosofar, pensar, crear, fundamentalmente códigos, tamén poéticos pra entenderse, relacionarse, pra salvarse il, a sociedade e a rica variedade que singulariza o planeta. UNIVERSIDADE, significa unidade da diversidade, iso dicían aqueles distinguidos intelectuais, dandis tamén, “á rebours”, como Risco ou Unamuno.

8. Poden ser as escolas de Arte, as bibliotecas, os museos ou as asociacións culturais xeradores dunha constante vitalidade á sociedade que a vez comprenda o seu valor?

E cada individuo e si se une en colectivos con afinidades, de “servir a”, non de “servirse de”, pois mellor: son camiños de madurez. Coa seguridade de quen fai as cousas ben e con creatividade, con necesidade de ser e servir pasará tamén a Historia. Penso naquela parábola de Castelao: “plantaron un arboriño e protexérono de estacas/ as estacas medraron e o arboriño secou”. Iso pasa nesta sociedade de egos, consellos, academias, asociacións, museos….que perden o norte e o fin de “servir a”. Conviría agora unha cultura galega, aberta e madurada nas redes das novas tecnoloxías, con mensaxes científicas, creativas, divertidas tamén…. que seguiran a abrir camiños nunha cultura con orixe, con orixinalidade.

1. A Torre do Reloxo. 1676-1700. Domingo de Andrade. Imaxe tomada dende o patio do claustro catedralicio, Catedral de Santiago, Compostela. Fotografía: Iria-Friné Rivera Vázquez

9. É un grande viaxeiro. Cal é a súa percepción da xestión de museos e centros de interpretación arqueolóxica no mundo e, concretamente, na Europa?

Sedúcenme centros museísticos de Provenza ou Irlanda, co seu centro de recepción de visitantes, previo á entrada, con todo o que implica: recibir, servicios, cafetería, ate taberna enxebre, restaurante, merchandising, museo o centro de interpretación… a fin de evitar a tendencia ao chiringuitismo minifundista, terceiromundista…. Aquí xa se ve como está o Tegra, Fisterra, a Torre de Hércules, Teixido, as Catedrais….E os

museos, a maioría seguen administrando edificios antigos rehabilitados nos anos 60, pra salvalos, crear coleccións, formarnos….hoxe compre o museo feito para museo. A Museoloxía como ciencia da xestión do museo e mesmo a Arqueoloxía, pese a ser bases fundamentais na educación e na madurez cultural, non están en bo camiño.

10. Vostede é museólogo. Cal é a súa idea dunha exposición? Cal é a relevancia que pode ter unha obra artística a actualidade…comunicativa, simbólica?

Eu son licenciado en Historia da Arte, xa quixera que nos meus tempos houbera na universidade de Compostela unha especialidade chamada Museoloxía. E agradezo esa pregunta, xa que a calquera mostra se lle chama exposición: colgar cadros, cartelas ilexibles na parede, acumular cousas en vitrinas…Entendo unha exposición cunha mensaxe e unha filosofía en interrelación de forma e fondo, que seduza e quede na memoria. Aínda nos tempos de Billy Gates e dos audiovisuais, pesa a Galaxia Gutenberg cargar todo de cargantes textos. Vin exposicións xeniais con cousas moi sinxelas e sempre con imaxinación. Pon exemplo vin en Cerdeña unha exposición sobre “o Pan noso de cada día”: a arquitectura do pan, hórreos, muíños, fornos, os pans (millo, trigo centeo…) as formas do pan, dende a bola á filloas, o os moldes, o pan eucarístico…. recreando un forno, coas súas mesas…e sen explicacións aburridas…. A cultura “vende”, como a arpa emociona se hai bos xestores, bos arpistas, con enxeño.

11. Falamos en distintos momentos da Morte en Venecia de Mann e Visconti. Non podo evitar pensar que nun intre como o actual débese coidar de ter unha luz no futuro. Se afogamos unha perspectiva no futuro e no presente, so nos queda o pasado. E o pasado non vai volver. Que nos queda quedaría entón…Qué di vostede?

Moi ben: o trunfo da luz, da beleza, de Venecia e do adolescente Tadzio sobre a negrura da peste, Eros e Thanatos sempre camiñaron xuntos, a dialéctica co tese da vida…o trunfo do mellor que pode facer o ser humano, cos pes asentados sobre o humus que nos sostén, o Humanismo. Todo pasa e todo queda…. despois da encrucillada esperamos seguir no camiño.

Sobre este Día das Artes Galegas:

http://www.felipesenen.gal/index.asp?registro=175

Por Iria-Friné Rivera Vázquez

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...