fbpx
Zeltia, imágenes históricas / foto Youtube CGAI

Que teñen en común Sargadelos, Zeltia e Cementos do Noroeste?

Tempo de lectura: 3 min.

Que teñen en común Sargadelos, Zeltia e Cementos do Noroeste S. A.? A resposta é sinxela, a excepcional mente dun dos investigadores máis brillantes de Galicia. É o xeólogo e doutor honoris causa da Universidade de Santiago Isidro Parga Pondal. Este persoeiro nacido na vila de Laxe e neto do irmán de Eduardo Pondal, e do que xa falamos noutros artigos, foi co seu coñecemento de química e xeoloxía un dos grandes promotores da industria galega.

Unha mente brillante nun momento escuro

Isidro Parga Pondal / foto histórica Wikimedia

Xusto antes da Guerra Civil, Isidro Parga Pondal era un dos investigadores máis brillantes da Universidade de Santiago, un dos profesores máis innovadores e un dos grandes promotores do Seminario de Estudos Galegos. Porén, polo seu traballo a prol de Galicia e a súa relación con galeguistas como Castelao, en plena Guerra Civil, Isidro foi apartado dos seus cargos na universidade polo bando sublevado.

Foi nese momento cando decidiu adicarse de cheo a actividade empresarial, fundando a empresa mineira Kaolíns de Laxe. A empresa adicábase a extracción e transformación do caolín da mina de Coens e á súa venta para a produción de cerámica. Esta actividade, xunto coa súa amizade con persoeiros como Isaac Díaz Pardo, foi un dos elementos que fixeron posible a gran industria cultural que foi Sargadelos.

Isidro e os irmáns Fernández López, un tándem perfecto

Pero non foi a súa única empresa no campo da minería. Isidro aproveitou os seus coñecementos de xeoloxía para desenvolver outras actividades industriais. Xunto cos empresarios e irmáns Fernández López fundaría a empresa Titania S.A. adicada á explotación dunha mina de titanio, en Valarés, preto de Ponteceso. Foi unha das iniciativas máis salientables tamén dentro do ámbito social e mineiro.

Despois disto Isidro continuaría o seu traballo na fábrica de Laxe, creando no ano 1940 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe. Dende el colaboraría con diversas institucións e universidades. Neste tempo, nas décadas de 1940 e 1950 do século XX, traballou tamén cos irmáns Fernández López en outros proxectos empresariais. O máis destacado foi a Zeltia, unha empresa galega que presume aínda a día de hoxe de ser unha das químicas mellor valoradas de Europa. O traballo de Isidro Parga foi esencial nos seus comezos.

Un investigador de Zeltia en imágenes históricas / foto Youtube CGAI

Crear riqueza onde ninguén a vía

Mais, hai unha terceira gran empresa que tamén permaneceu viva ata a recente crise da construción, e que tivo a súa orixe nos irmáns Fernández López e no pulo innovador de Isidro Parga. Trátase de Cementos del Noroeste S.A. Esta compañía naceu nun consello de Administración de Zeltia onde se comentaba a escaseza de cemento en Galicia e o seu alto prezo.

Este era un dos motivos polo que aínda a mediados de século en Galicia a construción continuaba a ser maioritariamente en pedra. Considerábase que existía unha falta de terras calizas en Galicia para a elaboración de cementos. Isidro, porén, discutiuno, plantexando lugar e forma nas que podían explotarse. Foi así como se fundou, pouco despois, entre 1958 e 1962, en Lourenzá, Samos, unha das cementeiras máis importantes do Estado.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...