fbpx
Restos do cruceiro de Tufións / foto Concello deVimianzo

Vimianzo recuperará dous cruceiros destruídos por maquinaria en Casas Novas e Tufións

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Vimianzo segue implicándose co patrimonio a través do seu Plan de Recuperación Patrimonial. Neste caso o plan continuará coa restauración de dous cruceiros, o de Tufións, na parroquia de Cereixo, e o de Casas Novas, destruído vai varias semanas por unha maquinaria agraria,na parroquia de Serramo.

Os cruceiros serán reconstruídos empregarase morteiro tradicional. Trátase dun material que resiste moi ben a climatoloxía, ademais de semellar mellor a pedra e non presentar problemas nas variacións de humidade. No caso de Casas Novas farase un proceso de anastilose, ou recuperación unindo os diferentes anacos resultantes dos importantes estragos froito do golpe.

Restos do cruceiro de Casas Novas / foto Concello de Vimianzo

Previamente á reconstrución, desenvolverase un importante traballo de laboratorio para precisar analiticamente que traballos teñen que ser realizados. Os traballos estarán desenvolvidos baixo a supervisión do arqueólogo Tito Concheiro, en colaboración con Candela Alvarellos, de Terra Arqueos. Ambos están catalogados como Ben de Interese Cultural e datan de hai máis de 100 anos.

Na súa localización orixinal, en cruces de camiños

Na restauración ademais prevese a súa colocación na súa localización orixinal. “Os cruceiros non están deseñados para as vías de comunicación modernas, nin para o tráfico pesado que hai hoxe en día”, destacaba o arqueólogo Tito Concheiro. Os cruceiros quedarán situados nunha rotonda, con paso de vehículos a ambos lados, amosando o seu valor icónico e referencial sobre o lugar.

Tito Concheiro co equipo de restauración / / foto Concello de Vimianzo

O cruceiro dálle valor ao sitio, son iconas”, destaca Concheiro, quen se refire a Galicia como o “país dos cruceiros”, tal e como afirmaba Castelao na súa obra As cruces de pedra na Galiza. “Son parte da nosa vida, do noso pasado”, afirmaba o arqueólogo, quen nos últimos anos se está a ocupar tamén da escavación do Castro das Barreiras.

Como curiosidade é de destacar, ademais, a especial singularidade do cruceiro de Casas Novas que contén unha inscrición votiva na base. Nela pode lerse en castelán “se hizo por bonificación [por devoción] de Mourelle, año 1899”, co que se dá  a coñecer a súa cronoloxía exacta e as circunstancias da súa edificación, relacionada cunha familia aínda residente no lugar.

Inscrición votiva na base do cruceiro de Casas Novas / foto Concello de Vimianzo

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...