fbpx

A cheminea das Pontes, BIC por ser un elemento “relevante” do patrimonio industrial de Galicia

Tempo de lectura: < 1 min.

A cheminea da central termoeléctrica das Pontes conta os días para ser considerada un Ben de Interese Cultural, despois de que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades fixese pública a resolución pola cal anuncia o comezo da declaración.

Cunhas dimensións de 36,40 metros de diámetro exterior na súa base e unha altura de 356 metros de altura, dende a Consellería consideran a cheminea de formigón “un elemento esencial, relevante e representativo do patrimonio industrial de Galicia”. Por iso, coa súa incorporación ao catálogo dos BIC, queren asegurar a conservación da construción.

Destacan, ademais, que dita cheminea foi a máis alta de Europa no seu momento. Engaden a isto a importancia que tivo a central en canto á súa capacidade de produción eléctrica, que producía o 5% da electricidade de todo o Estado, e a relevancia que tivo para as persoas das Pontes e de toda a comarca, deixando nelas “unha fonda pegada nas súas formas de vida”.

É o elemento máis destacable, único e singular do conxunto, tanto en termos cuantitativos como no relativo á caracterización da paisaxe e representatividade do total das instalacións e a súa actividade”, conclúen dende a Consellería. Máis información en Galicia Confidencial.

Pode que che interese...