fbpx

“brig”, o legado celta que perdura en Ferrolterra e máis alá das fronteiras da Gallaecia

Tempo de lectura: 2 min.

Gran Bretaña, Bregamçon, O Grove ou Bergantiños teñen máis en común do que parece. Detrás de todos estes lugares, dende Irlanda ata Galicia, pasando pola Bretaña francesa, todos eles son topónimos cunha orixe celta, que ademais esconden a mesma orixe, a raíz brig, que dunha maneira ou doutra foi evolucionando ata os nomes que atopamos hoxe en día.

“O elemento máis frecuente entre os topónimos da Galicia é brigs, significando outeiro, lugar alto, e por extensión hillfort”, explican no artigo Lista de topônimos celtas na Galiza. “É ben coñecido que os compostos con -brig-, -briga non son particularidade da zona lusitanio-galaica, senón que son o mía importante fósil condutor de toda a Hispania indoeuropea, dende Lacobriga no Algarve ata Ioliobriga en Cantabria e Segobriga na actual provincia de Cuencia. Porén, é notable que aparecen con maior frecuencia en Galicia e zonas veciñas”, explica pola súa banda Dieter Kremer na súa Onomástica Galega.

Así como fixeron pobos posteriores como os romanos, cos seus nomes, os pobos celtas tamén reflectían a situación ou características das súas aldeas, e polo tanto aos lugares altos que ocupaban. Coñecer estes topónimos que perduran a día de hoxe tamén e unha porta de acceso ao pasado celta da comunidade, pois a toponimia permite relacionar diferentes territorios a través das raíces que ocultan os nomes.

Esta referencia a outeiros a través da raíz -brig- atópase actualmente en diferentes formas, como pode ser as terminacións -obre e -briga ou o sufixo berg-, entre outras. Son raíces similares as que se atopan en diferentes partes nas que as culturas celtas estiveron presentes.

No caso da Gallaecia, destaca o actual territorio da Costa da Morte e Ferrolterra, onde se concentran de maneira singular topónimos rematados en -obre.  Maiobre, Ixobre, limodre, Sillobre, Bañobre, Callobre, Borbre ou Limodre atópanse uns dos outros a poucos quilómetros, configurando un espazo que destaca pola especial densidade de topónimos recoñecidos pola súa orixe celta.

“A abondísima e impresionante serie de topónimos exclusivamente galegos rematados en -obre xa chamou a atención, no ano 1946, de Méndez Pidal, quen reparou na súa coherencia e conexión xeográfica, certamente moi significativa, ao estaren estes topónimos agrupados maiormente nunha concreta e ben delimitada zona, que se circunscribe case en exclusiva, a actual provincia da Coruña”, explican dende a Asociación Cultural Ferrolterra Antiga.

As diferentes evolucións do outeiro celta, brig, destacan tamén -briga, como un substantivo que fai referencia a eses lugares elevados. Brigantium, e a súa derevición en Bergantiños poderían ser un exemplo.

Son os topónimos unha marca da ocupación celta de Gallaecia, e dos topónimos rexistrados, apúntase a que un 40% son nomes da súa orixe. Porén, este dato é moi relativo, tendo en conta que o Nomenclátor só recolle arredor de 37.000 nomes, que exclúen unha abundate e rica microtoponimia.

 

Pode que che interese...