fbpx
Museo do Pobo Galego, en Santiago /páxinasamarelas

A Fundación Antonio Fraguas premia proxectos sobre toponimia e arqueoloxía

Tempo de lectura: 2 min.

A X edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas premiou ao CPI Plurilingüe de Vedra e ao IES A Pinguela de Monforte de Lemos polos seus traballos de recuperación etnográfica e antropolóxica, concretamente, no campo datoponimia e da arqueoloxía e arquitectura tradicional.

Entregarase un premio de 7.000 euros a cada proxecto, ambos do ensino secundario, xa que a modalidade de primaria quedou deserta. Os traballos realizaranse durante o curso seguinte 2016-2017 e os resultados serán expostos en setembro de 2017.

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas é un xeito de premiar a comunidade escolar polos seus esforzos cara á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do noso acervo cultural, a través de traballos sistemáticos de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico da contorna dos centros escolares.

Nesta edición acordouse premiar ao CPI Plurilingüe de Vedra por Vedr@ medra por unha aposta polo patrimonio inmaterial como eixe de dinamización lingüística e cultural nun centro educativo do rural galego. Segundo o xurado, este proxecto consegue implicar non só a comunidade educativa senón tamén distintos axentes sociais e culturais co fin de darlle valor á riqueza lendaria e sobre todo toponímica das parroquias e contorna do Concello de Vedra. Alén diso, recoñéceselle o feito de estar inscrito no Programa Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a posibilidade de incluír o alumnado dos tres ciclos educativos no mesmo.

Tamén se premiou ao IES A Pinguela de Monforte de Lemos polo proxecto Figuras de antonte e de onte. Figuras para o mañá. Destaca a novidade de poñer o acento na recollida das manifestacións plásticas na arqueoloxía e na arquitectura tradicional, e polo feito da súa proxección con novas experiencias artísticas cara ao futuro.

O xurado, reunido este luns 20 de xuño, estivo composto por Francisco Fariña Busto, representando ao Presidente da Fundación; María Xosé Fernández Cerviño, en representación do Director do Museo do Pobo Galego; Pura Galán Boutureira, en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística; Clodio González Pérez, en representación da Fundación Antonio Fraguas Fraguas; e Francisco J. Sanjiao Otero, como Secretario.

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, que cumpre dez edicións, está integrado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no Plan Proxecta.

Pode que che interese...