fbpx
Mapa antigo de Galicia con topónimos
Mapa antigo de Galicia con topónimos

Como coñecer Galicia a través dos seus topónimos

Tempo de lectura: 3 min.

O territorio galego é fácilmente recoñecido grazas á toponimia. O Río, A Ínsua, O Castro, O Monte, O Pedregal, Os Mouros, A Mámoa son topónimos comúns na nosa paisaxe. Xa son dous os volumes que se presentaron e que fan un percorrido pola Galicia interior a través da súa toponimia. Un deles, Estudos de Onomástica Galega. Microtoponimia: experiencias de recolla, didáctica e codificación, recolle os relatorios das Xornadas de Onomástica Galega, celebradas o pasado 17 de setembro no Museo de Pontevedra. O outro, Toponimia de Agolada, abre a colección “Terra Nomeada”, un proxecto que se presenta este venres nun acto público nos pendellos de Agolada.

A colección “Terra nomeada” achegaralle ao público non especializado de xeito científico pero divulgativo a importancia da nosa toponimia, “un valioso tesouro do patrimonio inmaterial que describe e define o territorio e garda a memoria da lingua, a sociedade e a historia dun pobo”, salienta Luz Méndez. O proxecto pretende estudar e explicar os nomes de todas as entidades poboación dos concellos de Galicia e dos seus principais montes e ríos para, a través deles, devolverlles aos seus habitantes o importante saber que conteñen. “Moitos destes topónimos están documentados desde hai máis de dez séculos pero son aínda máis antigos, de tempos dos cales non temos memoria escrita”, concreta a autora de Toponimia de Agolada.

Neste primeiro libro, como se fará nos posteriores, ademais do significado e dunha breve explicación sobre a orixe e evolución das palabras que nomean as localidades de cada municipio, sempre que é posible, achegaranse referencias documentais antigas e poñeranse os topónimos en relación con outros nomes de lugar de Galicia ou do ámbito lingüístico galego-portugués.

A microtoponimia

Toponimia de Agolada detense nos nomes das 24 parroquias e 163 lugares deste concello pontevedrés. Aínda que con certas particularidades, non se diferencian moito dos doutros puntos do territorio galego. Parte deles refírense á orografía, como O Coto (lugar da parroquia de Artoño); outros, aos recursos hídricos, como O Río ( parroquia de Ventosa); ás plantas, como Reboredo (parroquia de Borraxeiros), que significa carballeira, ou Cebolido (parroquia de Val de Sangorza), que fai referencia a un lugar onde había cebolas; ou a animais, como Velpellós (parroquia de Vilariño), derivado de velpello, raposo, e que posiblemente faga referencia irónica aos primeiros habitantes do lugar.

A zona é ademais particularmente rica en antropotopónimos, nomes de lugares procedentes de nomes de persoas, xeralmente de orixe xermánica. Entre os exemplos que se poden atopar en Agolada figuran Merlín (parroquia de Agolada), Meixide (Borraxeiros) ou Cendoi (Artoño).

Experiencias da Xornada de Onomástica Galega

As experiencias de recolleita de microtopónimos, os nomes de vales, regueiros, montes, penedos, camiños ou fontes, centraron a Xornada de Onomástica Galega que a Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra celebraron o pasado 17 de setembro no Museo de Pontevedra. O programa incluíu máis dunha ducia de achegas que agora poden ser consultadas en Estudos de Onomástica Galega. Microtoponimia: experiencias de recolla, didáctica e codificación, volume que dá conta do “frutífero traballo” do encontro, salientou Gonzalo Navaza.

A edición, a cargo do académico de número Xesús Ferro, permite repasar exemplos de boas prácticas como a da recollida deexposto por Xosé Lois Vilar Pedreira; os proxectos didácticos arredor da toponimia desenvolvidos no IES Félix Muriel de Rianxo, o CPI de Vedra e o IES Pintor Colmeiro de Silleda, expostos por Valentina Formoso Grande, Xulia Marqués Valea e Xoán Carlos García Porral; os labores de recollida e xeorreferenciación da toponimia en Pontevedra, nun traballo asinado por María Abelleira Fontán e Concepción Cochón Rodríguez; ou a achega de Luz Méndez e Gonzalo Navaza sobre como detectar topónimos en fontes documentais dixitais latinas, galegas ou castelás.

Nun acto que tivo lugar o pasado xoves, o deputado Xosé Leal salientou a acertada elección do formato para “Terra nomeada” e manifestou que é un “orgullo que sexa un concello da provincia de Pontevedra o que inaugure esta colección que terá continuidade con estudos doutros concellos da provincia e do país”. O responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra lembrou tamén a boa acollida da xornada que deu lugar á publicación Estudos de Onomástica Galega. Microtoponimia: experiencias de recolla, didáctica e codificación e amosou a boa disposición da Deputación de Pontevedra para seguir a colaborar coa RAG.

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, felicitou igualmente aos autores dos dous volumes, agradeceu o apoio da Deputación e concluíu reivindicando “o dereito das cousas, das parroquias, dos camiños, a chamárense polo seu nome, non por un falso ou calquera outro”, en referencia á toponimia deturpada ou esquecida que traballos como os recollidos nas dúas publicación contribúen a recuperar.

Pode que che interese...