fbpx
Tímpano gótico da antiga igrexa gótica de Santa María de Vigo, hoxe no Museo de Pontevedra / arqueovigo.com

Onde está a réplica do tímpano gótico da concatedral de Vigo?

Tempo de lectura: 3 min.

A colexiata de Santa María de Vigo é o edificio relixioso máis importante de Vigo. Desde 1959 ten a consideración de concatedral, compartindo a sede catedralicia da diocese de Tui-Vigo coa catedral de Tui. Pero o actual edificio nada ten que ver co que alí houbo. Foi construída entre 1816 e 1834, substituíndo a antiga colexiata, danada trala explosión dunha polvoreira en 1809.

Precisamente, as orixes deste templo vigués están no século XII, baixo a advocación de Santa María. A primitiva igrexa era románica e seguiulle outra de estilo gótico, construída a finais do século XIV e finalizado en 1403. Este templo gótico, existente entre o século XV e o XIX, estaba formado por unha nave central e unha serie de naves laterais coroadas con bóvedas de cantaría. E tiña un fermoso tímpano de entrada que representaba a Anunciación máis a Adoración do Magos.

Curiosamente, o único que queda daquel magnífico templo gótico é este tímpano. Un tímpano que ten 260 centímetros de ancho e 135 de alto e que se atopaba na entrada principal á igrexa. Pero hoxe non está na concatedral, senón a bo recaudo no Museo de Pontevedra.

A réplica

O pasado ano, e coincindo co segundo aniversario da reconstrución do novo templo, o cura párroco da diócese, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, decidiu poñer en marcha unha iniciativa para construír unha copia desta obra e poñela no hall dereito de entrada da actual igrexa.

Igrexia Colexiata de Santa María de Vigo / wikipedia

As obras comezaron xa en 2015, realizadas pola escola de canteiría da deputación, que rematou a obra hai xa algúns meses. Sen embargo, o cambio de goberno na institución provincial provocou que esta iniciativa quedara paralizada sen saber moi ben por que.

A copia, moi similiar a anterior en dimensións, aínda que non en peso, custou 7.000 euros e, polo momento, atópase depositada nun almacén á espera de ver que se fai con ela. Nin o cura párroco, Moisés Alonso, nin na deputación saben moi ben que vai pasar con ela. “Só podo dicir que estamos á expectativa por se algún día a traen. Onde se pon non hai problema ningún”, explica en Atlántico Diario. “Estamos a esperar a contestación. Hai case dous meses. Douno por perdido, pero non quero falar do asunto. Se deciden traela ou non é cousa da Deputación, porque non hai ningún motivo, ningún, para que non estea aquí xa pero non quero que se me malinterprete”, engade.

O tímpano

O tímpano orixinal, que presidía o templo e saudaba aos fieis á súa entrada, foi o único que sobreviviu da antiga igrexa gótica, destruída por unha explosión. Logo, os restos do antigo templo foron utilizados noutras construcións, ben en estradas e muros ou ben en vivendas particulares. Só o tímpano se salvou deste expolio e crese que foi, precisamente, por ser un símbolo da anterior igrexa.

Co tempo caeu no esquecemento, arrimado ao carón dun valado da colexiata actual, ata que un descoñecido a mercou e logo o Museo de Pontevedra adquiriuna. Este museo fixa a súa cronoloxía ao final do século XV, coincideindo coa elevación de igrexa a Colexiata, que foi en 1497. Un artigo de 1994 do estudioso Xosé Filguera data a peza como unha obra “cuatrocentrista” e destaca a rareza que supón que un artista desenvolvese dúas composicións no mesmo lado do dintel o que lle confire un gran valor.

Pode que che interese...