fbpx
Unha das viñetas da obra A Torre dos Mouros, de Manel Cráneo

Manel Cráneo: “A época castrexa, romana, a Prehistoria, a Guerra Civil… A nosa historia dá para facer banda deseñada a patadas”

Tempo de lectura: 5 min.

O ilustrador Manel Cráneo

Manel Cráneo é un dos grandes ilustradores galegos e o coordinador artístico do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia que comeza este venres, ás 20.00 horas, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Un evento, di, que é único en toda a Península, e no que colabora este portal, Historia de Galicia.

 

I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia…. Un título fermoso para unhas xornadas que comezan en Lugo este venres. Cóntanos de que se tratan?
Este Encontro supón un primeiro achegamento a través dun foro común a un xénero dentro da banda deseñada que en países veciños coma Francia xenera grandes beneficios culturais e económicos. Coñecer a historia a traverso do cómic da man de auténticos profesionais especializados e contala de xeito entretido e coa forza visual que ofrece a ilustración.
Algúns dos obxectivos principais son a divulgación da historia o achegamento da banda deseñada histórica ao gran público, a interrelación de profesionais do medio e tamén a captación de novos e potenciais lectores atendendo tanto adultos como rapazada, os nenos son a chave do futuro e tamén da conservación do noso patrimonio histórico.

Estarán algúns dos grandes expertos da banda deseñada histórica de Galicia; ti, Víctor Boullón, Tokio, Miguel, Tomás Guerrero ou Pepe Carreiro. Que destacarías de cada un?
Víctor sabe chegar coa historia aos nenos/as, o seu cómic “Aleida. CIdade sen alma” ambientado na Compostela medieval é unha mostra perfecta.
Tokio, ademáis de pioneiro da bd galega, sorprendeu coa súa obra “Cabana de Balieiros”, un guión profusamente documentado e ambientado na Costa da Morte a finais do XIX.
Miguel Fernández é un dos máis prolíficos debuxantes de bd histórica que temos agora en Galicia, que eu saiba non ten unha soa obra que transcurra na actualidade.
Tomás Guerrero é un autor completo e versátil como debuxante, a súa obra a “Deserción de Stalin” encaixa dentro da parodia histórica, un xeito distinto de ver o drama da historia a través dun humor sutil e afinado.
De Pepe Carreiro podería falar un bo anaco porque leva décadas producindo bd en Galicia e aínda que é recoñecido polos seus existosos Bolechas, paga a pena achegarse a todos os seus cómics ambientados en diferentes etapas da historia de Galicia.

E por que o primeiro. Non hai ningún evento semellante en Galicia e no conxunto do Estado?….
É a primeira iniciativa deste estilo en Galicia, e o marco do Arde Lvcvs pinta idóneo. Ata onde eu alcanzo non hai ningún evento similar na península. Así que aínda que isto comeza cunha total participación de autores galegos non estaría mal que medrase e puidesemos ver por Lugo autores doutros países que practiquen o xénero histórico. Creo que este é un evento fácilmente internacionalizable, ao final todo é cuestión de orzamentos.

I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia

Entón podemos dicir que Galicia é unha “potencia” en cómic histórico?
Non, xa me gustaría poder dicilo, sí somos unha potencia en panorama autoral, temos grandes autores e autoras e chegan novas fornadas pisando forte, unha marabilla o fenómeno galego pero en bd de xénero histórico temos que medrar moito máis sobre todo porque coa a de xente que hai traballando no sector e a de patrimonio e historia que ten Galicia só é cuestión de espertar e incentivar a máis xente para practicar esta disciplina que permite contar calquera tipo de historia (acción e aventura, intriga, terror, romántica, etc.) pero dentro dun contexto histórico, o cal é un valor engadido.

Con todo, por que cres que hai tan bos ilustradores galegos gañandose o pan e tendo un gran recoñecemento no estranxeiro?
A resposta éche ben sinxela, en Francia ou EEUU tes millóns de lectores potenciais e aquí miles, iso resúmese en que neses mercados cobras de miles de euros e aquí centos, por dicilo de xeito entendible, o rendemento económico para un profesional é maior fora, non só de Galicia, senón tamén de España.

Non hai cultura do cómic aquí, entón?
Habelas hainas. Falta tecido industrial e polìticas culturais que desde a administración potencien a lectura porque sen políticas culturais non hai lectores e sen lectores é inviable unha industria propia.

En todo caso, hai material abondo da nosa historia para ilustrar. Cal cres que é o periodo histórico galego máis atractivo para levar á banda deseñada?
Hai moitos períodos que nin tocamos aínda. Tan só o xénero biográfico da para séculos de produción de bd pois tivemos grandes figuras, e non falo só de grandes nomes da historia senón de moitas historias anónimas que podemos atopar en calquera familia sobre a guerra carlista, a guerra civil, a transición ou buscando en prensa antiga eu teño atopado crónicas acontecidas no século XIX que son de película. A época castrexa tamén está pouco explotada a este nivel, de romanos ambientado en Galicia poderíamos ter bd a patadas, a prehistoria, a emigración, as diversas épocas de colonización desde o século XV ata o XIX. Xa me estou mareando. O que máis se tocou ata agora é a Idade Media e aínda así está todo por facer pois só co acontecido entre os séculos XIV e XV sacas temas para rechear unha biblioteca.

Ti tes feito varias historias sobre o medievo; Os Lobos de Moeche, ambientada nas Guerras Irmandiñas, ou A Torre dos Mouros, ambientada nos ataques viquingos a Galicia. Cal é a mensaxe final destas historias?
Son obras aparentemente sinxelas de debuxo e guión pero de gran densidade no transfondo.
Ao final os contextos históricos serven para falar dos grandes temas que acompañan a conciencia humana desde que temos uso de razón: as diferencias sociais, as loitas polo poder, o ansia de conquista, a aventura do coñecemento ou elementos básicos que entende todo o mundo como o amor, a amizade, a familia, as creenzas,… No meu caso o obxectivo principal soe ser achegarse ao pasado para reflexionar sobre o presente e futuro da sociedade pois vivimos nun bucle en que constantemente perdemos memoria e dalgún xeito hai que facela e aprender do pasado dunha vez por todas.

E é difícil pintar a nosa historia?
Depende do contexto ou época, hai épocas escuras para as que hai que tirar moito da imaxinación pois ofrecen pouco patrimonio tanxible, poñamos por exemplo a prehistoria ou a alta idade media. Houbo culturas que deixaron o rastro xusto e Galicia non ten un patrimonio tan monumental coma Exipto ou Mesopotamia, a terra nosa é abrupta, complexa para que se puidesen dar grandes civilizacións a nivel arquitectónico e ademáis é terra ácida que traga con todo. A nosa historia, desde o meu punto de vista, e grande tamén sen chegar a ter pirámides nin templos ciclópeos pero máis ben por ser un crebacabezas de microhistorias.

Este venres falarás, precisamente do proceso técnico e creativo da banda deseñada histórica. Que consello lles das a aquelas persoas que se queiran animar a debuxar a nosa historia ademais de que se pasen este venres polo MIHL?
Primeiro que lean moito, que se documenten, que investiguen en arquivos, hemerotecas e que pateen Galicia enteira deixándose sorprender. A máis grande historia pode estar soterrada baixo unha pequena aldea, por iso e grande Galicia. A partir da experiencia e o interese pola túa propia cultura sempre xurden ganas de contar algo, de xogar con ela e de transformar unha vella historia nunha nova historia.

HdG anima a todos e todas as nosas lectoras a achegarse a esta interesante cita que coninuará o vindeiro venres e na que tamén haberá sesións prácticas con obradoiros para aprender a debuxar personaxes históricas. Máis información aquí.

Pode que che interese...