fbpx
Cano dunha fonte / CC0

Restauran a fonte de San Pedro, en Compostela, despois de que un vehículo a esnaquizara en febreiro

Tempo de lectura: 2 min.

A fonte do Cruceiro de San Pedro en Santiago de Compostela xa loce no seu esplendor de novo. Os técnicos do Concello procederon a recolocar os peitorís que a protexían e a restaurar os danos causados por un accidente de tráfico na madrugada do 3 de febreiro. Os danos que foran causados maioritariamente nos peitorís foron reparados coa recolocación das pedras e a reposición a súa forma anterior a través do tradicional morteiro de cal. A fonte loce intacta a día de hoxe a falta de que o clima compostelán devolva á pátina ás novas xuntas das pedras.

O incidente ocorreu no mes de febreiro cando un vehículo non identificado bateu na madrugada do sábado día 3 contra a fonte do Cruceiro de San Pedro, no extremo da histórica rúa compostelá. O vehículo que tería fuxido, a pesares dos esforzos da Policía Local por dar con el, ata onde coñece este xornal, non foi localizado a día de hoxe. Tralo accidente os bombeiros de Santiago acordoaron a zona e retiraron os bloques para garantir a seguridade dos peóns. Finalmente as pedras retiradas foron retornados ó seu lugar orixinal devolvéndolle ó seu aspecto ó surtidoiro.

Fonte de San Pedro xa arranxada / foto Historia de Galicia

A fonte, que se atopa na rúa Cruz de San Pedro, moi preto do cruceiro, entre a Costa do Vedor e a Corredoira das Fraguas, á beira da Tasquiña de San Pedro, forma parte do Ben de Interese Cultural, Casco Histórico de Santiago de Compostela, polo que é ademais Patrimonio da Humanidade. En si a fonte, aínda que é sinxela, conserva unha gran tradición no histórico barrio compostelán, aparecendo en imaxes dende o século XIX. O lugar é ademais un espazo integrado no casco histórico da cidade integrado nunha praciña que foi deseñada no terceiro cuarto do século XX polo arquitecto compostelán Francisco de Pons Sorolla e Arnau.

Costa do Vedor / barriodesanpedro.gal

 

Pode que che interese...