fbpx

Ponte Nafonso (s.XIV), os perigos dunha restauración da Xunta que os veciños queren remediar

Tempo de lectura: 3 min.

Na Idade Media chamábanlle Ponte das Pías, e aínda que agora se coñece como Ponte Nafonso, esta ponte centenaria segue a unir os concellos de Outes e Noia sobre o río Tambre, creando unha das imaxes máis populares da contorna. Porén, as últimas obras de reparación e posta en valor do monumento que se levaron a cabo son consideradas polos veciños como un “desastre”.

A través da plataforma “SalvemosPonteNafonso”, un grupo de profesionais e veciños queren visibilizar o resultado das obras que se levaron a cabo para pedir responsabilidades e explicacións. O pasado 3 de maio creábase a conta de Facebook Salvemos PonteNafonso, que ata o de agora é o principal medio de comunicación da plataforma, onde, despois de meses de queixas, seguen activas as protestas e demandas polas obras realizadas.

“Adeus ti, Ponte Nafonso, non sei quen acabarache, 30 anos me levaches, flor da miña mocedá”, recolle unha copla popular. Construída no s.XIV, esta ponte, un dos símbolos da ría de Muros e Noia, garda séculos de historia, como a lenda recollida na copla sobre o arquitecto que dirixía as obras, que como castigo por non cumprir unha promesa co seu irmán, quen construía o mosteiro de Toxosoutos, non puido rematar a construción. Aínda que se descoñece a data exacta da súa construción, crese que a actual ponte de pedra substituíu a unha máis antiga de madeira mandada construír por Alfonso II.

Dos 27 arcos que existían nun principio, agora consérvanse 20, aos que se lle suman dous tapados. Na actualidade mide 270 metros, e ten unha anchura 5 metros. Ao longo dos anos, foi sufrindo diferentes remodelacións, destacando a dos anos 1842 e 2844. A última delas comezouse no 2021, traballos que se deron por finalizados neste mes de xuño seguindo un proxecto de construción publicado co título “Reparación e posta en valor de Ponte Nafonso” no 2019 e autorizado por Patrimonio.

Máis de 700.000 euros foron destinados a estas obras por parte da Consellería de Infraestruturas, unha reparación que non quedou exenta de polémica. Unha das principais queixas por parte da veciñanza e da Asociación Salvemos PonteNafonso é a elevación da cota do pavimento “que provoca (irremediablemente) un desencaixe no novo peitoril de pedra e un afundimento dos tallamares – construcións nos piares da ponte para cortar e repartir a corrente de auga, que neste caso se atopan a ambos lados polas correntes provintes do río e do mar, como efecto da marea- “, como expoñen. É por iso que o pasado 5 de xuño os veciños decidiron concentrarse nun dos extremos da ponte, onde se procedeu á lectura dun manifesto e se amosou o seu descontento cos resultados.

Segundo o colectivo, esta obra non estaba contemplada dentro do primeiro proxecto, polo que esixen explicacións para coñecer a autorización por parte de Patrimonio con respecto a este cambio.  “Infraestruturas insiste en que a obra de Pontenafonso conta con autorización de Patrimonio”, titulaba o xornal La Voz de Galicia o pasado 6 de xuño, destacando declaracións por parte da consellaría de que o proxecto “respecta ao máximo a configuración histórica da ponte”. Ademais, insistiron en que as obras se realizaron “baixo a consideración do proxecto da ponte documentado no século XVII”.

Así, o que nun principio sería unha varanda que só subía uns centímetros con respecto dos tallamares, agora está 20cm máis alto do previsto, como consecuencia da elevación do pavimento. A solución, ante isto, coi recuperar o peitoril de pedra “de maneira improvisada”, como explican dende a Asociación.

“Preguntámonos… e logo, unha vez apareceu parte do marabilloso enlousado de pedra baixo a terrible capa de asfalto, de verdade ninguén pensou que podía ser unha fermosísima posta en valor integrar estas lousas no novo adoquinado?”, compartía a asociación no seu muro de Facebook. Refírense a lousas aparecidas durante as labores de conservación, adxuntando fotografías que así o demostran.

Tamén chegaron críticas de parte do BNG de Noia e Outes, que acompañou nas súas protestas a #SalvemosPonteNafonso , esixindo respecto polos “sete séculos de historia da nosa prezada Ponte Nafonso”. A deputada do grupo político Rosana Pérez tamén fixo chegar as protestas ao Parlamento o pasado o abril: “A vós o resultado da obra parécelles que responde á preservación que o patrimonio histórico merece?”, preguntaba.

Agora, a través dunha campaña en change.org xa suman máis de 500 firmas para “expresar a total repulsa contra esta actuación que nos arrebata séculos de historia, e exiximos responsabilidades, explicacións, e reflexión, para adoptar solucións a esta desfeita”. “Alfonso deixounos a oportunidade de rematar a súa gramde obra, por contra, optaron por esnaquizala, mostrando unha total falta de sensibilidade e amor polo propio”, explican na descrición campaña. Por iso, dende a organización seguen loitando polo que consideran “unha deturpación do patrimonio”.

Pode que che interese...