fbpx
Castro de Castronela, en vilalvite, Friol / Patrimonio dos Ancares

Descubertos un castro e unha mámoa nunha zona que será acondicionada como área recreativa

Tempo de lectura: 2 min.

Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de documentar dous novos xacementos arqueolóxicos sen catalogar no concello de Friol, ambos preto da aldea do Carballal, na parroquia de Vilalvite.

O primeiro trátase dunha mámoa situada a 480 metros de altitude. Ten unhas medidas de 18 metros de diámetro e 1,2 de altura. No centro do túmulo vese un cráter de violación aberto para buscar inexistentes tesouros. A súa antigüidade ronda os 6.000 anos, no período Neolítico.

A 200 metros da anterior localizamos un castro da Idade do Ferro. Chama a atención que estea sen catalogar xa que aínda conserva o evocativo topónimo de A Castronela. Erixido a 476 metros de altitude, presenta forma ovalada, cunhas medidas de 90 por 75 metros. Conserva parte do sistema defensivo en todo o seu perímetro.

Mámoa atopada en Vilalvite, Friol / Patrimonio dos Ancares

Segundo noticia aparecida en La Voz de Galicia do pasado 30 de decembro de 2021, o Concello de Friol e a Área de Medio Rural da Deputación Provincial de Lugo asinaron un convenio para o acondicionamento dunha área recreativa situada entre a mámoa e o castro. Por isto imos a poñernos en contacto coas dúas administracións para comunicarlles estes novos achados que serían un valor engadido para a zona, solicitándolles que os sinalicen.

BIB para o gravado do sol nunha mámoa

As descubertas xa llas comunicamos a Patrimonio da Xunta de Galicia para que procedan á súa catalogación. Por outra parte, o gravado coa figura do sol que o pasado mes de maio de 2021 localizamos nun esteo dun dolmen da necrópole funeraria da Costa de Mera, na parroquia de Guldriz, tal e como recolleu Historia de Galicia, despois da comprobación realizada polos arqueólogos de Patrimonio, xa foi documentado. Por posuír esta excepcional representación, escasísima nos enterramentos megalíticos galegos, pasa a ter a consideración de Ben de Interese Cultural.

Pode que che interese...