fbpx
Desfeita no Coto do Torrón, en Silleda / Antonio Presas
Desfeita no Coto do Torrón, en Silleda / Antonio Presas

Danos nun castro de Silleda pola apertura dunha pista e a tala de carballos

Tempo de lectura: 3 min.

Patrimonio investiga xa estas acutacións que afectan a parte do Coto do Torrón, un castro na parroquia de Escuadro.Hai unhas semanas visitabamos xunto con Elixio Viéites varios bens arqueolóxicos en Silleda. Tentabamos dar con varias fortalezas propiedade dos Suárez de Deza e que foron usurpadas polo arzobispo de Santiago no marco das loitas entre nobres e relixiosos na Baixa Edade Media.

Curiosamente, un deses sitios arqueolóxicos visitados era o Coto do Torrón, catalogado como castro e que, como xa o seu propio nome indica, tivo unha función defensiva ao longo da historia. Pois ben, ese xacemento acaba de ser afectado por unha tala indiscriminada de carballos e o ensanche dunha pista. O Concello de Silleda xa paralizou estes traballo por falta de autorización.

O Coto do Torrón é un pequeno outeiro que sobresae nunha ladeira, a 495 m. de altitude, no que non se observan estruturas defensivas e polo tanto non se poden precisar as súas dimensións; no lugar aprareceron restos de cerámica castrexa por mor das obras de cimentación dunha edificación. Nas Fichas Arqueolóxicas dos Castro de Silleda elaboradas pola Deputación de Pontevedra, ano 2012, descríbese como exemplo de xacemento de difícil catalogación, xa que non existe a certeza de que sexa un castro. “Só temos un topónimo, aínda que hai abundantes indicios (folclóricos, arqueolóxicos, toponímicos) que nos poden facer pensar na existencia dun xacemento arqueolóxico, non necesariamente castrexo”, recolle este documento.

Situación dos destrozos no Coto do Torrón, en Silleda / Antonio Presas

Situación dos destrozos no Coto do Torrón, en Silleda / Antonio Presas

No Pxom de Silleda do ano 2012, e tal recolle Elixio Viéites en Patrimonio Galego, noutra ficha que se corresponde coa contorna suroeste deste outeiro, localízase o asentamento chamado Chousas da Latiza, e dá conta do achado de pezas dun muíño circular de man.

Antonio Presas xa acaba de presentar un escrito a Patrimonio sobre esta nova desfeita:

DESFEITAS NO CASTRO DE TORRON (ESCUADRO, SILLEDA)

A carón da aldea de O Torrón, parroquia de Escuadro (Silleda), localízase un outeiro de escasa altura sobre o terreo circundante, na cota 498 m. segundo o Mapa Topográfico 1/25.000 do IGN, coñecido como Coto de Torrón ou castro de Torrón. O referido Coto está a uns 100 metros de distancia da estrada N-640, que na localidade de O Cornado enlaza coa N-525 continuando cara a Estrada e Caldas de Reis.
Este Coto está considerado como un xacemento arqueolóxico, posiblemente da Idade do Ferro, tratándose dun castro coa referencia GA36052084 e, tamén, figura como tal, no Catálogo do novo PXOM de Silleda, integrado nun espazo clasificado como SRPPC (Solo Rústico Patrimonio Cultural).
A pesares de non se teren localizadas estructuras castrexas ben definidas (murallas, terrapléns, foxos, parapetos, …), agás unha gabia, de idade imprecisa, polo lado oriental, nin superficies aplanadas artificialmente, sen embargo está considerado como un posible xacemento da Idade do Ferro. O tamaño da parte alta do outeiro pode ser considerado de reducidas dimensións, cun diámetro estimado nuns 70 metros.
Como referencias máis significativas cabe destacar a cercana presenza do “Agro dos Castros” (microtopónimo), localizado ao NO do outeiro e onde se teñen atopado restos arqueolóxicos significativos de época castrexa ou postcastrexa, tales como tégulas.
O mesmo ten sucedido na “Chousa de Latiza”, ao SO do Coto, lugar no que apareceron tégulas e un muiño circular de man.
No ano 1992 tamén se desenterraron, ao pé do Coto, varios anacos de cerámica, posiblemente de época castrexa, por causa dunha cimentación para unha edificación.
A pesares de todos estes indicios toponímicos, folclóricos e arqueolóxicas no seu contorno, non hai certeza absoluta de que sexa un castro, circunstancia que se viu agravada polas continuas e constantes agresións que ten sufrido secularmente:
a- Dúas ou tres canteiras na cima do Coto para sacar pedra de cantería para construccións rústicas
b- Actividades gandeiras no contorno con instalación de granxas vacunas
c- Construccións variadas, tanto vivendas como talleres mecánicos, polos lados SO e Sur
d- Vertidos de lixo
e- Tala e sustitición de carballeiras por plantacións de eucaliptos
f- Rebaixes e explanacións movilizando grandes cantidades de material (rochas, solo, …).
A todas estas alteracións temos que engadir os traballos realizados ultimamente (últimos meses) polo lado Sur, que contribuiron en gran medida á súa desfiguración:
– Tala dunha carballeira
– Explanación e rebaixe da ladeira do Coto ou Castro
– Ensanche da pista de acceso desde a N-640.
Tendo en conta todas actuacións é preciso que se abra unha investigación e que se clarifique o mellor posible a existencia ou non existencia deste castro como tal, tanto para esclarecemento dos feitos como para evitar posteriores agresións de forma tan descontrolada.

 

Pode que che interese...