fbpx
Vista xeral da Penadauga, en Silleda / Elixio Viétes

Penadauga, a pedra máxica de Silleda e os santos que viven nas casas

Tempo de lectura: 5 min.

Penadauga é un pequeno santuario cheo de historia, de tradición e devoción. A ese pequeno penedo acoden milleiros de romeiro o día 2 de xullo, día de Santa Isabel. Está na parroquia de Escuadro, en Silleda, un lugar no que todo está relacionado. Hai un gran castro, unha fermosa igrexa románica con simboloxía castrexa e un curioso vía crucis ao seu redor e, a menos dun quilómetro, a orixe precristiá de toda esta gran paisaxe histórica; a Penadauga.

Penadauga é en realidade un santuario pagan cristianizado. É unha peneda cunha gran pía, cuxa auga, as xentes consideran sagrada. Igual que toda a pedra. Xusto ao seu pe, un oco serve de pequeno santuario onde se pousan cantidade de velas e cirios, exvotos de cera que representan brazos, pernas, cabezas, tamén amuletos caseiros e todo tipo de obxectos que teñen certo significado para as persoas que os deixan alí.

A pedra está moi vencellado a Santa Isabel, a santa que se venera na igrexa de Escuadro e á cuxa romaría, que se celebra o 2 de xullo, acoden milleiros de persoas. Os romeiros van a ela porque din que ten poderes de sanación de doenzas da pel, vista e ósos. E fano con invocacións á Santa e a realización de rituais a carón ou sobre a mesma pedra sagrada.

A Penadauga, santuario en Escuadro, Silleda / XS

A Penadauga, santuario en Escuadro, Silleda / XS

A orixe da Santa

Por iso, Penadauga é visita obrigada. E alí fomos, xunto con Elixio Vieites, para comprobar e tentar percibir algo desa maxia da que falan os que din terse curados coa súa auga.  O lugar encanta, atrae e, mesmo, chama a levitar sen saber moi ben por que. Unha sensación que percorre o corpo sen moita explicación.

Tentamos saber o por que do seu enfeitizamento. Buscamos polas poucas casas do arredor e damos con Obdulia, unha das poucas veciñas do lugar –só viven tres familias–. Como esas petrucias de aldea que teñen toda a tarde para falar, e ás que, ademais, lles encanta contar e transmitir esa rica historia oral que temos no país, a muller non ten problemas en falar das milagres e das historias que oculta Penadauga.

A súa orixe está relacionada cunha muller que ía todos os días a lavarse á parroquia próxima de Graba e no camiño quedaba a durmir na parte de enriba dunha peneda, existente no lugar de Penadauga. Un día a muller desapareceu, pero no seu sitio chantouse a súa figura feita en pedra. Os veciños de Graba reclamaron a estatua declarando que era súa, pero aínda que a levaron, ela sempre volvía para a rocha. Así que, finalmente, a santa quedou na pena. E alí se lle fixo un santuario.

De feito, ao carón da peneda había unha antiga capela, quizais a primeira igrexa de Escuadro, e alí se gardaba a primeira estatua da Santa. “Pero un día, hai quen sabe xa cando, o cura decidiu collela e levala para Escuadro”, lembra Obdulia.

Os Santos dos Veciños

Obudilia conta a historia que oculta Penauga / XS

Obudilia conta a historia que oculta Penauga / XS

Así que a capela quedou abandonada e o resto dos santos pasaron a ser posesión dos veciños do lugar. Uns quedaron cun Santo Antón, outros cunha virxe e a familia de Obdulia cun San Xoán. O San Xoán “érache ben feíño”, pero a súa familia cuidouno como se fora un máis da prole. Limpábano e lavábano ata que se foi abandonando a tradición e acabou metido nun faio e alí os vermes comezaron a facer das súas. Uns xitanos souberon do santo. “Estaba xa moi mal. Eles víñanme todos os días a preguntar por el ata que cansei e dínllelo”, apunta.

Pouco despois apareceu o cura a preguntar polo santo. “Pois chegou xa tarde. O santo levárono os xitanos”, díxolle a muller. “E iso?”, preguntou o cura. “Porque o santo era meu… E acabou a discusión”, aclara Obdulia.

Esta veciña tamén garda na súa casa unha peza dunha columna da antiga igrexa que tamén un día o cura quixo levar. “Pero non a levou que xa lle dixen que era nosa, que para iso a colleramos alí medio esquecida”, insiste esta muller rexa e falangueira. Así que, novamente, o cura marchou de vacío. Pero que non se queixe, que en Escuadro xa teñen a Santa e a campá da capeliña.

Parte dunha columna da antiga capela de Penadauga / XS

Parte dunha columna da antiga capela de Penadauga / XS

O ritual da pena

O día 2 de xullo os romeiros, que se contan por milleiros, con doenzas de pel (psoríase, espullas, dermatite), de vista ou de ósos, teñen un protocolo que seguir. Primeiro, asisten a unha misa na honra da Santa, logo pasan por debaixo da imaxe cando sae a procesión e, finalmente, acuden á Penadauga para lavar as partes danadas na auga que está sobre a rocha, ou ben refregarse coa parte do corpo doente.

A auga da Santa é máxica ou, cando menos, milagreira. Iso cren os romeiros e as xentes do lugar. Obdulia di que antes da festa lavan ben a pía e botan auga. Desa auga beben as centos de persoas que van alí. “E non sei que ten a pena que esa auga, aínda que faga moita calor, sempre queda nela. Se tocas o fondo da pía está húmida faga calor ou non”, suliña a muller.

Ofrendas dos romeiros que van a Penadauga, en Silleda / XS

Ofrendas dos romeiros que van a Penadauga, en Silleda / XS

Para completar o programa terapéutico e na medida das posibilidades, o romeiro pode doar en ofrenda un animal, ou calquera outra cousa á igrexa para que sexa poxada publicamente entre os asistentes, no adro do santuario. “Agora xa son poucos os animais, algunhas galiñas. Antes había de todo; porcos, vacas, cabalos…”, sinala Obdulia que di que eses cartos serven para pagar a festa.

Certamente, en Penadauga todo é maxia. Desde o penedo, ata as súas xentes. E, a pesar do lugar onde se atopa, os poucos veciños do lugar coas cabras, as ovellas e as vacas son os que se encargan de limpar este fermoso santuario da Galicia rural.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...