Nova intervención para converter a mámoa da Chousa Nova nun novo referente turístico de Silleda
A mámoa da Chousa Nova-1, localizada en Campomarzo, na parroquia de Abades, será o vindeiro monumento que o Concello de Silleda poña en valor. Pois o consistorio do Deza, que nos últimos anos está a apostar polo patrimonio cultural e natural como fonte de creación de riqueza, quere converter este megálito nun dos seus monumentos referentes.
Por isto, o Concello está a desenvolver novas actuacións no túmulo, apostando pola súa sinalización e posta en valor, a través dunha liña de axudas da Deputación de Pontevedra para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico-Cultural. Para isto desenvolveranse accións como a limpeza da mámoa, sinaléctica e reparación do peche de madeira que rodea o recinto.
Os traballos realízanse baixo control arqueolóxico tanto no caso da limpeza do terreo coma os desterres para a colocación dos soportes. Os traballos que se están a principiar neste momento fanse grazas a subvención aprobada xa o pasado mes de decembro.

Mámoa da Chousa Nova tras a súa primeira intervención / foto Nemigo CCBy Wikimedia
Dende aquela o Concello iniciou os trámites necesarios ante o organismos como o ADIF, propietario dos terreos, e a Dirección Xeral de Patrimonio, que autorizou os traballos en días pasados. O custe total do proxecto para a posta en valor deste patrimonio, financiado pola Deputación, é de 5.500 euros.
Limpeza, reposición do peche de madeira, paneis e sinalética
Nos últimos días a entidade a adxudicataria dos traballos, Citania Arqueoloxía, xa procedeu á limpeza manual do entorno da mámoa, e nas vindeiras semanas procederase á reposición do peche perimetral de madeira nos puntos onde está danado, así como á colocación de sinais direccionais dende a localidade da Bandeira.
Colocarase tamén un novo panel explicativo, que incluirá textos e códigos QR redactados e supervisados por unha arqueólogo/a, na área de protección deste elemento, complementando os xa existentes, colocados no seu día cando se puxo en valor o xacemento. Tamén se colocarán paneis indicativos direccionais para chegar ata o lugar, na vila de Bandeira e no cruce de Campomarzo e Bazar.

Mámoa da Chousa Nova tras a súa primeira intervención / foto Nemigo CCBy Wikimedia
Así, “con esta iniciativa queremos continuar poñendo en valor o legado arqueolóxico de Silleda, de gran valor, logo de mellorar a sinalización dos petróglifos e outros xacementos da zona sur do municipio nos últimos anos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Unha mámoa salvada da liña do AVE
A Mámoa da Chousa Nova-1 foi afectada entre os anos 2007 e 2010 polas obras da liña do Tren de Alta Velocidade (TAV) entre Santiago e Ourense. O túmulo foi escavado, desmontado e posteriormente remontado no seu lugar orixinal, durante as obras de construción.

Colar atopado na Chousa Nova / foto Nemigo CCBy Wikimedia
Durante os traballos de escavación do túmulo atopáronse pezas de gran valor. Así, no interior da cámara, atopouse un colar de doas de ámbar e variscita, que dá conta da existencia do intercambio comercial nesta época prehistórica.
Ademais a mámoa é unha das cámaras megalíticas máis antigas das datadas ata o momento en Galicia, xa que os expertos a situaron entre o ano 4340 e o 4260 a.C. De feito, a peza foi a máis antiga das recollidas na mostra “Galicia, un relato no mundo”, comisariada por Manuel Gago, que estivo o pasado ano no Gaiás.