fbpx
Mámoa da Chousa Nova tras a súa primeira intervención / foto Nemigo CCBy Wikimedia

Silleda porá en valor a Mámoa da Chousa Nova de Abades, escavada e reconstruída nas obras do AVE

Tempo de lectura: 2 min.

Continuar apostando polo seu patrimonio arqueolóxico. Con este obxectivo o Concello de Silleda traballará na recuperación e posta e valor da Mámoa da Chousa Nova-1, sita en Campomarzo, na parroquia de Abades. Trátase dunha mámoa que foi afectada polas obras do AVE, escavada e remontada e na que se atoparon importantes achados que permitiron a identificala como unha das máis antigas de Galicia.

A intervención estará orientada á súa limpeza, nova sinalética e reparación do peche de madeira que rodea o recinto e que se atopa danado nalgún punto. En concreto mellorarase o peche, colocarase un novo panel informativo, que incluirá textos e códigos QR redactados e supervisados por un arqueólogo/a e a instalación de sinais indicativas dende as principais estradas para chegar ata o xacemento.

As obras, que estarán desenvolvidas pola empresa Acitania Arqueoloxía, terán tamén control arqueolóxico tanto a limpeza do terreo coma os desterres para a colocación dos soportes. Os trámites atópanse xa iniciados tanto ante ADIF, propietario dos terreos, como ante a Dirección Xeral de Patrimonio, que debe autorizar os traballos.

Mámoa da Chousa Nova tras a súa primeira intervención / foto Nemigo CCBy Wikimedia

A intervención estará desenvolvida grazas á liña de axudas da Deputación de Pontevedra para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico-Cultural e contará cun orzamento de 5.500 euros. “Con esta iniciativa queremos continuar poñendo en valor o legado arqueolóxico de Silleda, logo de mellorar a sinalización dos petróglifos e outros xacementos da zona”, tal e como indicaba o alcalde, Manuel Cuiña.

Un túmulo escavado en reconstruído tras as obras do AVE

Colar atopado na Chousa Nova / foto Nemigo CCBy Wikimedia

A mámoa está tamén envolta por unha singular circunstancia. Pois o túmulo foi escavado, desmontado e posteriormente remontado no seu lugar orixinal entre os anos 2007 e 2010, durante as obras de construción da liña do Tren de Alta Velocidade (TAV) Ourense-Santiago.

Durante os traballos de escavación do túmulo os expertos dataron o xacemento entre o ano 4340 e o 4260 a.C., converténdoa nunha das cámaras megalíticas máis antigas das datadas ata o momento en Galicia. Nela atopáronse tamén pezas de gran valor, como un colar de doas de ámbar e variscita, que foi a peza máis antiga das recollidas na mostra “Galicia, un relato no mundo”, e que dá conta da existencia do intercambio comercial nesta época prehistórica.

Pode que che interese...