Queres coñecer todos os segredos sonoros de Galicia paseando por Compostela?
Imaxina camiñar polas rúas de Santiago de Compostela. Cada punto da cidade agocha un código QR. Escanealo e escoitar cos auriculares do teu móbil un anaco dunha peza da nosa música tradicional. Xunto a el toda a información do audio, a quen lle foi gravado, cando, por quen, e que profesional da nosa música e da nosa cultura escolleu a peza.
Este é a singular proposta do Concello de Santiago para amosarnos un xeito diferente de percorrer e gozar a cidade. Trátase do proxecto Paseo Sonoro que poderá disfrutarse durante catro días, do 24 ao 27 de marzo, nas rúas da cidade. O proxecto contará tamén con espectáculos ó vivo, encontros, unha charla, un obradoiro ou unha escoita comentada en distintos puntos da cidade.
Trátase así dun “paseo” para realizar de xeito autónomo e gratuíto, concebido tamén como unha ruta turística circular e diferente polo Casco Histórico. A actividade conta con 21 espazos seleccionados entres museos, comercios e locais hostaleiros, comezando na Oficina Central de Turismo de Santiago e rematando na Rúa Nova.
Os códigos atópanse nos escaparates e cristaleiras, polo que non é preciso depender dos horarios de apertura dos establecementos podéndose gozar ó noso ritmo e a calquera hora en cada paseo. Tamén haberá con concertos programados no Teatro Principal en función, sempre, dos aforos permitidos.
Arquivos sonoros e creación contemporánea
Ademais este Paseo Sonoro, co que colabora Turismo de Santiago, enmárcanse no programa de “O que non se escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea“, unhas xornadas de aprendizaxe e experimentación sobre o patrimonio sonoro galego e, ó tempo, unha posta en común dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica tan propia como global.
Un proxecto único que pon o foco no que fomos, o que somos e o que tendemos a ser como país musical. As xornadas están organizadas por Luneda Producións e apoiadas polo Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Acción Cultural e de Turismo de Santiago, así como pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.