fbpx
"Cen historias máxicas pola Mariña encantada", libro de antonio Reigosa

Coñece os encantos, os seres míticos e os tesouros agochados da Mariña

Tempo de lectura: < 1 min.
Cen historias máxicas pola Mariña encantada” ofrece unha viaxe mítica pola Mariña. Trátase de 100 relatos cunha variedade enorme, tanto de protagonistas do lendario popular —demos, trasnos, nubeiros, bruxas, ánimas, mouras e mouros, encantos e tesouros, serpes, sereas, santos e santas…— como de lugares mariños e terrestres como fontes, montes, covas, rochas, illas, fervenzas e outros elementos naturais singulares.
Trátase dunha obra ilustrada, luxosamente editada por Libros Lar de Viveiro e patrocinada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, que contén unha antoloxía de encantos, milagres, seres e lugares lendarios localizados nos 15 concellos que conforman a Mariña lucense: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. Os textos son da autoría de Antonio Reigosa e as excelentes ilustracións do artista de Viveiro, Neira Brochs.
Tamén están, obviamente, os grandes personaxes míticos ou mitificados das terras mariñás. Desde Pardo de Cela ao Conde Santo, pasando por San Gonzalo, a serea Maruxaina, o rei Cintolo e ata o Gardarríos. E os grandes lugares máxicos como a Serra do Xistral, a Frouxeira, san Estevo do Ermo, a illa Coelleira ou a cova da Doncela, e outros imaxinarios  que só existen na nosa fantasía  e nos que habitan cidades mergulladas, augas que curan, santuarios abondosos en milagres, cobizados tesouros, pantasmas e un amplo repertorio de fauna féerica.
Este mércores terá lugar no Claustro do Museo Provincial de Lugo a presentación do libro, acto que contará coa presenza de Maite Ferreiro, vicepresidenta e delegada de Cultura da Deputación de Lugo, Manuel López, editor, Neira Brochs, ilustrador, e Antonio Reigosa, autor.  A asistencia a este acto é libre, ata completar o aforo permitido, pero coa obrigatoriedade de concertar cita previa chamando ao teléfono 982 24 21 12.

Pode que che interese...