fbpx
Sobreira de Siador / foto Concello de Silleda

Un futuro turístico para unha das árbores máis impresionantes do corazón de Galicia?

Tempo de lectura: 3 min.

Ó redor de 500 anos de antigüidade, 2,7 metros de diámetro, un perímetro de 8 metros e unha copa de 30. Así é a excepcional sobreira de Siador, en Silleda, unha das árbores con máis porte do Concello e unha das máis impresionante da comarca do Deza.

É ademais a única unha árbore incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia do concello, declarada o 1 de xuño de 2009 da Dirección Xeral da Conservación da Natureza da Xunta de Galicia. É tamén unha das árbores con máis significación histórica e cultural de Silleda.

Sobreira de Siador / foto Turismo das Rías Baixas

A protagonista da parroquia de San Miguel de Siador

Trátase dunha sobreira, Quercus Suber, unha árbore perennifolia da familia dos carballos que crece dende hai ó redor de cinco séculos nun cruce de camiños non moi lonxe da parroquia de San Miguel de Siador. A árbore atopase situada nunha parcela privada, acondicionada cun peche de madeira.

E é que a árbore constitúe un dos sinais de identidade dunha parroquia que aparece xa citada co nome de Senator ou Seador en varios documentos medievais. O lugar é coñecido por ser o primeiro santuario á Virxe da orde saletina en Galicia e nel destaca a súa singular igrexa barroca, e o seu patrimonio como cruceiros, pendellos, ou un baldaquino pétreo nunha casa preto da parroquial.

Por tanto a sobreira non é o único elemento singular da parroquia. Pois nela podemos atopar tamén os castros do Marco e Cartimil, as mámoas de Montedas e Gandaracha, os petróglifos da Pena do Encanto e o Pazo de Sestelo. Todo un conxunto preparado para no corazón de Galicia.

Sobreira de Siador detalle do seu tronco / foto Concello de Silleda

Un futuro turístico?

Agora o Concello de Silleda vén de solicitar unha subvención para a posta en valor da sobreira de Siador. Faino ó abeiro da orde da Consellería do Medio Ambiente, publicada o pasado mes de decembro pola que se establecen axudas para a conservación, protección e melloras das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras.

A proposta presentada inclúe a dotación de varios paneis indicativos para chegar ata o lugar de Penadagra, dende a PO-201. Tamén un panel informativo in situ coas características desta árbore senlleira que substitúa ao actual, cun notable deterioro. O lugar, ademais, atópase xa bastante coidado limpándose de xeito habitual.

Santa María de Siador / foto Xas en Silleda PD Wikimedia

Un conxunto excepcional

E é que esta sobreira, ademais, atópase no corazón de Silleda e pode constituír xunto a outras árbores senlleiras da comarca un mostrario de excepcional valor natural. Trataríase dos carballos de Bermés, Vilatuxe e Soutolongo en Lalín, todas elas, de xeito semellante á sobreira, árbores senlleiras de entre 200 e 600 anos e que acadan perímetros de ata preto de 30 metros.

Son xunto coa Fraga de Catasós, tamén en Lalín, as árbores catalogadas dunha comarca cunha forte vocación natural. E é que o Concello de Silleda pretende que con esta actuación a sobreira se consolide como un dos reclamos do seu concello.

Nel e a menos dunha hora de Santiago poden atoparse monumentos históricos e naturais como o mosteiro de Carboeiro, o Salto do Toxa, unidos por un excepcional roteiro de sendeirismo. Tamén outros monumentos naturais como a carballeira das Pedrosas ou o salto de Ferveda. Todos eles en pleno corazón xeográfico de Galicia.

Sobreira / foto Concello de Silleda

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...