fbpx
Graffiti pintado nun muro de Sallent (Barcelona) que representa a loita dos guerrilleiros antifranquistas e do maqui / CC/Yeza

A Galiza libre que soñaban os antifranquistas da emigración e a censura dun artigo

Tempo de lectura: 4 min.

Gabriel Rei-Doval, profesor na University of Wisconsin-Milwaukee

Esta recensión do segundo volume publicado polo doutor Bernardo Máiz foi silenciada pola revista Grial en 1990, cando o entusiasmo da transición autonomista ninguneaba o relato da memoria histórica. Tres décadas despois, e tras xacer inerte nunha gabeta do mugardés Lugar do Baño, esa recensión ve agora a luz.

MÁIZ VÁZQUEZ, Bernardo. Memoria-Catálogo das Publicacións Galegas Antifranquistas. Edicións do Castro, Sada 1989. 228 páxinas.

Bernardo Máiz, autor de Galicia na IIa República e baixo o franquismo, sorpréndenos cunha compilación de documentos que deixan a unha banda a análise da historia oral para centrarse na documentación escrita; é pouco máis dun cento de publicacións periódicas das que reproduce a portada e fai un breve comentario en poucas liñas. A ordenación do material corresponde ós criterios xeográfico, cronolóxico e ideolóxico-profesional, por esta orde. Segundo o primerio, temos publicacións en zona republicana, do exilio e do interior. Polo segundo, establécense dous períodos, que teñen como corte 1966, momento no que comezan a agroma-las novas xeracións da oposición antifranquista, trala liquidación -física ou non- dos defensores da República. E, a partir do ideolóxico-profesional, hai publicacións da guerrilla, obreiras, campesiñas, estudantís, etc., dentro sempre das dúas coordenadas ideolóxicas que se deron: a esquerda nacionalista e a esquerda estatal.

Cada un destes criterios responde a perspectivas diferentes da en cada momento historia recente e presente, e tamén das correspondentes circunstancias vitais e análises da realidade. Así, por só ver un exemplo, a anarquista Galicia libre (20 de setembro de 1939) salienta “la lucha de Galicia por su libertad y por la subsistencia de España como nación madre de pueblos y de gloriosas tradiciones”; tamén El miliciano gallego (12 de xaneiro de 1937) pide seguir “defendiendo a Madrid para rescatar también la Galicia explotada y oprimida”. E mentres Nova Galiza (maio de 1938) di estar “ao servizo do esprito e da liberdade do povo galego”, Nueva Galicia (17 de maio de 1937) afirma que “luchando en Madrid aproximamos la liberacion de Galicia”. En contraposición con todo isto, Adiante (voceiro das Mocedades Galeguistas) afirmaba en 1951, case quince anos despois, que “conquerida a nosa independenza [de Galicia]” se poderán facer concesións; e en 1974 Galicia Emigrante. Unión do Pobo Galego chega a falar dos “movimentos dos países colonizados pola súa liberación nacional”.

O que pretende salientar o profesor Máiz é “quen estaba con Franco, quen calaba, quen estaba contra Franco e quen nin estaba”. Así por exemplo, o PSOE non existiu de feito desde 1939 ata outubro de 1974; na década dos 60 pásase dun goberno de Ministerios militarizados a un despotismo ilustrado da tecnocracia do Opus Dei; o galeguismo interior converteuse nun culturalismo latente pois o seu anticomunismo lle impedía achegarse a unha única organización antifranquista; o nacionalismo galego dos 60 contrastaba pero non se opoñía ó obreirismo estatal, porque “se a loita antiditatorial era o motor o galeguismo estaba nela e ía impreganando tódalas manifestacións da disidencia”, o nacionalismo pasa do cenáculo elitista á entrada no sindicalismo en 1972; algúns dos políticos que gobernaron ou gobernan o noso Estado e a nosa Nación tiveron fortes responsabilidades no Réxime Franquista… Son opinións que sen dúbida fomentan a polémica, pero que se nos presentan necesarias nesta nosa amnésica sociedade de hoxe, e que enriquecen un cohesivo e significativo prólogo.

O historiador Bernardo Máiz

Galicia foi privada do caldo de cultivo entre o que tiñan que agroma-los nosos dirixentes; un país o noso que, salvo honrosas excepcions, non tiña ó final do franquismo líderes de envergadura… Outra das constantes reflexións, que o profesor mugardés ten explicado con máis detalle en traballos precedentes e que entronca coa desfeita que, a tódolos niveis, se produciu na sociedade galega; trauma tan importante cando un país se encontra en perigo de extinción.

¿É lexítima unha sublevación contra os poderes emanados da vontade popular? ¿Éo a masacre franquista? ¿E as mortes subseguintes producidas polo bando republicano? Importante antinomia a da lexitimidade do poder, que o profesor Máiz resolve a favor dos frustrados e aniquilados pola violencia fascista. Onde xa aparecen dúbidas de que se adopte o enfoque correcto é no canto que se fai ó valor do soldado (neste caso republicano), concepto que hoxe semella en franca decadencia.

En calquera caso, hai que agradecer ó xa mellor especialista na guerra civil en Galicia que nos agasalle de novo con esta entrega de comunicación, porque a prensa é, ante todo, iso: comunicación, neste caso dun pasado histórico no que os estudosos ou non queren entrar ou se distancian tanto que non entenden nada. E non esquezamos que remexendo e lendo nos textos é como poderemos adoptar unha opinión propia e persoal da historia. Como diría Sartre, “a cultura e a información libre non son luxos senón armas contra a estupidez e a brutalidade”, a estupidez dun Grande Irmán à la Orwell que impón a súa versión dos feitos e que destrúe brutalmente o pasado colectivo e persoal, ese que, de esquecérmolo, estamos condenados a repetir, máxime nun mundo do que estamos ausente e no que xa son os satélites quen transmiten a correcta versión da información, única para tódolos países… Afortunadamente, algúns comezan a pensar en construírmos un nós e deixar así de recibi-los partes históricos a partir do Intelsat da fría e distante estepa mesetaria.

Pode que che interese...