fbpx
Castelo de Cira, en Silleda / Turismo.gal
Castelo de Cira, en Silleda / Turismo.gal

O castelo de Cira polo que pasaron reis, arcebispos, condes, cabaleiros e irmandiños… Tamén abandonado

Tempo de lectura: 7 min.

Castelo de Cira. Por Antonio Vidal, divulgador do patrimonio do Deza

En Santa Baia de Cira quedan os restos dun histórico castelo que foi o centro da política galega durante o século XII e fortaleza indispensable para entender as diferencias que mantiveron, entón, a raíña dona Urraca e o arcebispo Xelmírez. Destruído polos irmandiños, tamén foi motivo de disputa entre os grandes cabaleiros da Baixa Idade Media.  Hoxe, unha torre en estado ruinoso é o único que queda del.

O primeiro que falou de Cira foi o historiador e arqueólogo D. Antonio López Ferreiro, nun concienciudo traballo aparecido no número 42 da revista O ECO DA VERDADE, que data 16 de xaneiro de 1869, no que recolle o que di a historia desta vella torre ou castelo, e que permite facernos unha idea de como foi a evolución desde a construción ata a súa práctica desaparición, coa única presenza na actualidade da torre en estado de abandono e tomada pola vexetación, con ameaza de que os muros sigan deteriorándose.

A primeira noticia que se acha desta torre ou castelo remóntase ao século XII. En efecto, a Historia Compostelá di que, o arcebispo Xelmírez, co seu cabido, deu autorización a Bermudo Suárez de Deza para edificalo. Pouco tempo despois, no ano 1121, a raíña Dona Urraca desposuíu del a este cabaleiro e entregoullo a outro chamado Xoán Díaz, para que o tivese no seu nome. Así o dá a entender a Compostelá no capítulo 81 do mesmo libro e confírmao unha doazón que don Diego Xelmírez fixo ao Mosteiro de San Salvador de Camanzo. Nesta doazón, que debe ser do ano 1122 e consérvase orixinal no arquivo do Mosteiro de San Paio, subscribe Juan Díaz, que ten a pena ou Torre de Cira, de man da devandita raíña, “Johannes didaz, qui pennam cyrie tenebat de praedicta Regina”.

O motivo que para obrar deste xeito tivo Dona Urraca foi a maquinación que urdía por instigación dalgúns pérfidos e ambiciosos conselleiros, para apoderarse das terras da Igrexa de Santiago, empezando coa prisión do Arcebispo. A ocasión de que se valeu a raíña para cometer este último atentado foi a expedición que D. Diego fixo a instancia súa contra os portugueses, que se apoderaron de Tui e das terras inmediatas. Á volta desta expedición, na que o arcebispo prestou importantísimos servizos a Dona Urraca, está esquecida de todo, apoderouse da súa persoa e confiou a súa custodia a un cabaleiro chamado Xoán Díaz, que non sabemos se é o mesmo que tiña o castelo de Cira ou outro do mesmo nome que figuraba na corte da Raíña. Co arcebispo foron presos tres irmáns seus e o leal cabaleiro Bermudo Suarez, que edificara Cira e algúns outros castelos máis.

A prisión de Diego Xelmírez

Desde o Miño foi conducido D. Diego ao castelo de Orcellón cara a Carballiño e desde aquí a Cira, onde chegou polo 20 de xullo do citado ano de 1121. Permaneceu alí algúns días mentres que a Raíña e os seus conselleiros resolvían o que había de facerse. Entre tanto chegou a Santiago e rendeu por toda Galicia a voz deste feito e a indignación apoderouse de todos os peitos xenerosos, que ao mando do Conde de Traba e do mesmo fillo de Dona Urraca, o rei Afonso, puxéronse en armas para liberar ao arcebispo. Dona Urraca vendo o aspecto importante que presentaban as cousas, deu liberdade ao prelado, que despois de oito días en prisión, entrou triunfante en Compostela no medio das máis indicibles mostras de alegría e entusiasmo dos moradores.

O castelo de Cira está situado nun penedo no que se domina unha ampla vista da comarca do Deza / galipedia.gal

A Raíña, con todo, non por isto desistiu das súas pretensións, nin cesou nas súas esixencias. Custase o que custase quería facerse dona dos castelos da Igrexa de Santiago, ou doutro xeito que se lle entregase unha considerable suma de diñeiro; mais o arcebispo resistíase invenciblemente a menoscabar os dereitos e esplendor da súa Igrexa. En virtude disto dona Urraca apelou ao fatal extremo da guerra: saíu de Santiago; reuniu un poderoso exército e partindo de Cira dirixiuse a Salnés como para atacar esta terra; máis de súpeto deu a volta e ocupou as alturas do Pico Sacro. Diego Xelmírez, o Conde de Traba e o rei don Afonso non se descoidaron e coas súas tropas acamparon ás saias do devandito monte. Mais os dous exércitos non viñeron ás mans, porque o arcebispo propuxo unha arbitraxe, que aínda que non sen dificultades, foi aceptada por ambas as partes.

O arcebispo, en virtude deste arranxo, quedou outra vez dono do Castelo de Cira e deuno en feudo á Raíña por todo o tempo da súa vida. Dona Urraca restituíuno en efecto á hora da súa morte; con todo, polos faceres de Xoán Díaz tardou a Igrexa de Santiago en posesionarse do Castelo.

Cira e os conflitos entre cabaleiros e condes

Posteriormente esta fortaleza veu parar a poder da casa de Altamira cuxos señores foron por moito tempo Pertigueros Maiores da Igrexa de Santiago. Na segunda metade do século XV parece que foi demolido polos Irmandiños; máis Lope de Cadavo volveuna levantar pouco despois do ano 1470 por orde de D. Lope Sánchez de Moscoso, primeiro Conde de Altamira. Non foi isto sen contradición do arcebispo de Santiago D. Alonso de Fonseca II, quen tratou de impedirllo, porque nas terras de Santiago, como nas demais igrexas, ningún señor podía erixir fortaleza. Con este obxecto o arcebispo enviou ao esforzado cabaleiro Esteban de Xunqueiras cun bo golpe de xente; pero os da fortaleza, protexidos polo inexpugnable do sitio e por unha forte estacada que levantaran, rexeitaron con tanto brío o ataque, que o mesmo Xunqueiras saíu mal ferido e tivo que retirarse coa súa tropa.

O noso antigo xenealoxista Vasco da Ponte, de quen tomamos estas notas, refírenos tamén unha conspiración fraguada en Cira contra o Conde D. Lope. Lope de Cadavo e outros catro cabaleiros, Xoán Rodríguez do Campo, Rui Gómez Sevil, Xoán Rodríguez de Seles e Vasco Fariñas de Lamas, vían con despeito que o Conde depositase a súa confianza no valente e astuto cabaleiro García Martín de Barbeira, tanto que este era o que máis privaba con D. Lope e o que máis poder e influencia exercía no seu ánimo.

Fiestra do arruinado castelo de Cira / turismo.gal

Por esta razón resolveron desfacerse por calquera medio de tan temible rival. Para isto aseguráronse de afastar ao Conde para quedar con máis liberdade para obrar e botar man a Martín de Barbeira. Mais este, que pronto coñeceu onde ía dirixido o tiro, encerrouse con catro ou cinco criados nunha torre e empezou a gritar con todas as súas forzas desde as xanelas:

“Moscoso! Ah, traidores, que en mal lugar colleuvos a sesta; non vos cumpre agardar aquí!”

A cantos acudían ás voces, dicía que corresen a botar apelido ou levantar xente nas terras do Conde. A outros mandaba dar aviso a D. Diego Andrade, o Conde de Camiña e ao Mariscal Soro Gómez de que D. Lope de Moscoso estaba preso.

Con isto a alarma estendeuse pronto por toda a comarca; non se vían nin ouvían máis que apostas militares, corridas de homes armados, voces belicosas e o eco vibrante das campás da comarca que tocaban a rebato; polo que os conxurados, temendo caer na mesma rede que eles tenderan, fuxiron de Cira deixando en liberdade ao seu señor.

E a historia, en ruínas

Tales son as principais memorias do castelo de Cira. Hoxe non subsiste máis ca unha torre de pedra de cantaría, que pola parte máis alta terá 10 pés de elevación. Para penetrar nela hai que escalar unha informe pena e logo rubir polo punto ata a estreita porta, que ten catro cuartas de ancho e nove de alto ata o vértice da oxiva.

No segundo piso, no lenzo que mira ao oriente, ábrese unha ancha xanela cos seus correspondentes asentos de pedra. No lenzo do Sur non hai máis ca unha estreita aspilleira; o do Norte non ten luz ningunha; e no do Poñente está a porta. A planta é un rectángulo de 10 varas de longo e 9 e medio de ancho, incluso o espesor das paredes, que é de dúas varas. A súa construción debe ser de fins do século XV, en tempo do Conde D. Lope. Hoxe dentro daqueles muros espidos e gretados, xa non hai cabaleiros, nin condes, nin damas, nin doncelas, nin nas súas xanelas aparecen picas, nin béstas; nin detrás das almeas que os temporais abateron, inmóbiles vixías. Hoxe só habitan alí os falcóns e outras aves de rapina, que, máis afortunados que os seus antigos donos, conservan aínda o señorío dos aires.

Apresurámonos a recoller os débiles raios de luz que reflicten aquelas paredes, antes que a acción inexorable do tempo os encubra co seu propio po.

Situación de abandono na que se atopa o Castelo de Cira, en Silleda, lugar no que estivo preso o arcebispo Xelmírez por orde de dona Urraca

Neste famoso castelo situado en Santa Baia de Cira residiu Dona Urraca, Xelmírez deixoullo en herdanza a unha sobriña e logo pasou ao seu descendente. Posteriormente o posuidor foi o Duque de Medina de las Torres, D. Fernando Osorio de Moscoso e López, Marques de Mosteiro desde 1902, título que data de 1625 e co que pasou ao devandito señor a propiedade do Castelo, un tempo fortaleza da Mitra Compostelá e logo dos Osorio de Moscoso.

No ano 1927 aparecía no xornal o Compostelán, un anuncio de venda dunha leira sita no lugar de Altamira, parroquia de Santa Baia de Cira, concello de Silleda e partido xudicial de Lalín, con casa para caseiros e restos do Castelo de Cira; composta de monte, toxeira, labradío e prados; bañada polo río Ulla, de extensión setecentos corenta e nove ferrados.

En 1960 Fernando Cort Boti, enxeñeiro de Minas, que dirixiu durante moitos anos a explotación do complexo mineiro de Silleda, persoa de gran cultura, ligado a múltiples empresas galegas, residente no Pazo de Pinzás en Balboa, adquiriu a leira e o Castelo de Cira, cuxa reconstrución se propuña realizar e que a súa morte en 1969 lle impediu realizar. Na actualidade a Torre é propiedade da familia Cort.

Publicado en https://historiadeza.wordpress.com

Pode que che interese...