fbpx
Inauguración do castro de Subidá / foto Concello de Marín

A Deputación e os tres Concellos inauguran entre enormes críticas os castros “musealizados” por Fomento

Tempo de lectura: 5 min.

“Estou segura de que lle vai gustar ao 99 % da xente que veña. Os gustos son subxectivos, pero obxectivamente non se fixo nunca unha actuación como esta e vaise ver, porque se vai medir polo número de visitantes que van vir”. Con estas palabras presentaba Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra as obras de musealización do castro de Alobre en Vilagarcía, que xunto co de Subidá en Marín e o de Toiriz en Silleda foron inauguradas o pasado xoves día 15.

A presentación foi desenvolvida en tres actos diferentes nos tres xacementos. A presidenta da Deputación estivo acompañada polos alcaldes de cada Concello: María Ramallo de Marín, Alberto Varela de Vilagarcía e Manuel Cuíña de Silleda. Nos actos tamén estiveron presentes os equipos de arqueoloxía da Deputación e da empresa “Patrimonio Inteligente” encargada da actuación.

Presentación das obras no castro de Subidá en Marín / foto Deputación de Pontevedra

Trátase das polémicas obras de musealización levadas a cabo polo Ministerio de Fomento no marco do convenio coa Deputación para a posta en valor dos xacementos galaico romanos da provincia. Unha obra que contou cun orzamento de licitación de 600.651,78 euros, nunha primeira fase na que se desenvolveron traballos de información, percorridos e acondicionamento paisaxístico nos tres castros.

O obxectivo foi de achegar á cidadanía en xeral o coñecemento sobre os modos de vida e a configuración do espazo na Idade de Ferro. “Queríamos poñer en valor o xacemento desde un punto de vista de atracción turística e de turismo sostible”, afirmaba Carmela Silva na presentación dos traballos de Alobre.

Tres intervencións “respectuosas cos elementos históricos e co medio ambiente”

Na presentación dos traballos tanto a presidenta Carmela Silva como os alcaldes dos tres Concellos defenderon firmemente unhas actuacións moi criticadas. Nas súas tres intervencións a presidenta defendeu unánimemente que as obras seguen todos os estándares de calidade arqueolóxica, fixéronse coas sinerxías das administracións implicadas e son respectuosas cos elementos históricos e co medio ambiente.

Sobre o de Subidá afirmaba que ó proxecto “dedicáronse horas e máis horas, e días e días, polos equipos arqueolóxicos. Houbo moito traballo, moita presión sobre o traballo, moitos controis e informes favorables”, afirmaba Silva. Segundo ela, as obras están “nos máis altos estándares de calidade arqueolóxica para a súa posta en valor como reclamo cultural e turístico”.

Tamén enxalzou a presidenta o “rigoroso respecto” na execución do proxecto que tivo, como así indicou o director do proxecto, Ángel Palomino, unha mínima intervención desde o punto de vista patrimonial, “nada invasivo”. De feito, “todas as novas estruturas e elementos encontrados foron recuperados e protexéronse moito máis que ata agora con mallas `xeotextis´ especiais, e mesmo documentando os achados con informes técnicos e inventarios que están en mans da Dirección Xeral de Patrimonio e son accesibles a todas as persoas interesadas”.

Tres obras dunha enorme polémica

Porén, esta imaxe proxectada polos responsables das administracións implicadas dista moito da forte polémica suscitada polas tres obras. Pois, como xa contamos no noso medio, dende o inicio das obras varios colectivos de defensa do territorio e do patrimonio deron a voz de alarma polo impacto das obras nos xacementos ó non axeitarse ós estándares propios dunha intervención nun espazo arqueolóxico, pese a ter as tres o visto e prace da Dirección Xeal de Patrimonio.

De feito varios colectivos chegaron mesmo a dirixirse  á Delegación Permanente de España ante a UNESCO para instar a esta organización internacional a intervir fronte ás obras. Ademais tamén se presentou unha petición en Change.org que acadou máis de 1.500 sinaturas, pedindo a paralización das obras. As intervencións contaron ademais cunha enorme contestación por parte de profesionais e técnicos da arqueoloxía a través de comunicados e de redes sociais.

Entre as críticas destácase ó impacto da instalación de bloques de pedra serrada e estruturas metálicas ancoradas con zapatas de formigón a escasa distancia dos substratos arqueolóxicos. Tamén a arbitraridade das intervencións que, para moitos se achegan máis á estética dos parques urbanos, que a que correspondería cun xacemento, ou ó feito de que os paneis se atopen redactados preferentemente en castelán.

“Resolveranse algúns erros” en referencia á polémica cartelería dos “petrogriflos”

Porén o elemento que máis indignación causou nas ultimas semanas foi a aparición do termo “petrógriflos” nun panel do castro de Subidá en Marín. Un erro que se atopa gravado sobre o propio aceiro nunha pica vertical que identifica un dos elementos destacados do xacemento. Ademais, segundo identificaban expertos, o propio esquema da gravadura que aparece no cartel é de escaso parecido con respecto as marcas que se atopan na propia pedra en realidade.

É por isto que a presidenta provincial quixo quitarlle ferro a este asunto e ademais do compromiso do director arqueólogo, Silva tamén defendeu que se resolverán algúns erros gramaticais da sinaletica. Segundo ela “sempre estamos abertas e a escoitar as cuestións que veñen da sociedade e queremos que o proxecto quede perfecto. Queremos a perfección”, afirmaba sobre este polémico erro.

O turismo como obxectivo

Así os  tres alcaldes destacaron, case unanimemente, o “mimo e o respecto” con que se teñen abordado os traballos, así como que a partir deste momento vanse ir completando con diferentes actividades e actuacións que permitan que tanto a veciñanza como as persoas visitantes poidan coñecer a riqueza patrimonial desta contorna e favorecer a súa promoción.

No caso de Silleda, Manuel Cuíña agradeceu ademais ás propietarias e propietarios dos terreos sobre os que se senta o castro “a súa colaboración desinteresada e o seu amor polo patrimonio que hoxe engrandecemos”. Un “xesto de boa vontade e altruísmo que tiveron a pesar de ter sido presionadas/os directamente polo que se estaba a facer aquí“, así como a  Asociación de Amigos de Toiriz por “todo o traballo que levou a cabo para manter este enclave en condicións durante moitos anos”.

Ademais nos castros de Alobre e Toiriz destacábase que “non é unha actuación arqueolóxica como tal, é un proxecto para a posta en valor do xacemento enfocada ao turismo cultural e sustentable que ten unha enorme atracción”.  “Nós, que apostamos polo turismo sostible vinculado á cultura, cremos que esta actuación vai permitir aumentar as persoas visitantes e sobre todo o perfil de persoas que queremos que veñan, que é xente que ama a cultura e quere coñecer cal era a historia dos pobos que visita como turista”, afirmaba Silva.

Hoxe podemos dicir que foi unha boa decisión poñer en valor este patrimonio arqueolóxico no conxunto da provincia. Se algún dia se acorda ampliar a escavación estará en moitas mellores condicións que antes , porque todo o que se fixo está recollido e coidado ó máximo”. A presidenta asegurou que se cumpriu o obxectivo do proxecto, que é que “a partir de agora toda a xente que veña visitalo vai ter moitos indicios que está chegando a un lugar verdadeiramente salientable”.

Inauguración do castro de Subidá / foto Concello de Marín

Pode que che interese...