fbpx
Recreación dos horrea do castro da Acea / foto frame do vídeo - Secretaría Xeral de Política Lingüística

Vídeo: Así son os hórreos milenarios do castro de Acea

Tempo de lectura: 1 min.

Os antecedentes máis antigos do que hoxe é un hórreo. Así son os horrea ou celeiros palafíticos do Castro de Acea localizado entre os concellos ourensáns de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía. Trátase de depósitos para gardar o gran elevados do chan por pés de pedra baseados nunha necesidade común cos hórreos actuais de evitar a omnipresente humidade galega para facer sobrevivir en bo estado a colleita.

Estes silos palafíticos, moi diferentes dos hórreos actuais, foron identificados en varios castros galaicos. Mais nas campañas de entre 2018 e 2020, os atopados neste castro amosáronse como paradigmáticos deste tipo de construcións, pois poderían considerarse os máis singulares e máis grandes dos atopados ata o de agora. As intervencións, promovidas en colaboración por ambos Concellos, son un verdadeiro foco de luz para entender esta tipoloxía.

 

É por isto que a Dirección Xeral de Política Lingüística ven de publicar un documental sobre este tipo de construcións que conta coa testemuña dos arqueólogos que no seu día se ocuparon da escavación. A peza fai unha crónica dos tres anos de traballos, con imaxes aéreas, recreacións e a coidada explicación dos expertos como David Perez, Andrés Teira ou Xurxo Ayán. Trátase dunha peza dirixida por Xosé Méndez con imaxe aérea de Woldrone e realidade aumentada de Xoia Software, que nos achega a un dos tesouros do noso pasado.

Horrea do castro da Acea / frame do vídeo

Pode que che interese...