fbpx
Catedral de Sevilla / foto USA-Reiseblogger CC0

A vía da Prata, a historia da porta de entrada de romanos, musulmáns e peregrinos a Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

Dise que en Sevilla, diante da porta oeste da súa catedral é onde comeza a Vía da Prata. Aí comeza unha ruta de peregrinación a Compostela que percorre o centro-oeste español pasando por cidades como Mérida, Cáceres, Salamanca ou Zamora. A ruta entra por Galicia dende a Pobra de Sanabria e na cidade de Compostela polo histórico barrio do Sar. Pero este é o verdadeiro trazado da vía?

O certo é que a Vía da Prata é un itinerario romano que na súa orixe unía unha serie de mansios no centro-oeste da Hispania. Ía dende Emerita Augusta ata Asturica Augusta, e era identificada coa vía XXIV do Itinerario Antinino. En Asturica conectaría coas vías que unían o norte da península, incluídas as vías XVIII, XIX e XX que percorrerían a actual Galicia, separándose as tres en Bérgidum Flavium, Cacabelos, no Bierzo.

A Vía da Prata cruza pola ponte romana de Mérida / foto aperez1121CC0

Mais, tamén como Vía da Prata coñécese popularmente a vía que cruza de norte a sur a Península, dende o porto de Sevilla -ou incluso prolongada ata Alxeciras- ata o cantábrico, no porto de Xixón. No seu día foi unha das rutas máis importantes de España, ata o desenvolvemento no século XVIII das radiais, e hoxe, na súa meirande parte, correspóndese coa autovía A-66, que é unha das autovías non radiais máis importantes do Estado.

Unha vía sen prata

Mais, sexa como for, a Vía da Prata non foi en si unha vía na que se transportara prata. Se ben o norte peninsular era unha gran fonte de metais para o Imperio, incluídos metais preciosos, na época da navegación atravesar o interior da península sería un gran atraso. Si puido ser, porén, como apuntan moitos historiadores unha gran vía para o comercio do estano, xa que esta vía podería conectar algunha das grandes zonas de extracción deste metal.

O casco histórico de Cáceres é Patrimonio Mundial / foto Emer_IglesiasCC0

Porén o nome de Vía da Prata podería proceder dunha antiga denominación como via Delapidata. Isto significa que a estrada por lugares estaría construída a base de lapides, ou o que é o mesmo, adoquinada. Co paso do tempo a denominació pasaría por semellanza á actual. Porén, como apuntan algúns autores, máis que adoquinada é posible que a vía estivera enchida de miliarios ou lapis.​

A ruta medieval

Segundo se conta tradicionalmente, co paso da época romana á Idade Media a vía transfórmase e pasa de estrada romana a ser unha ruta empregada por comerciantes, mais tamén por peregrinos que tiñan como meta Compostela. Era o camiño empregado sobre todo polas xentes do centro e sur do Reino de Castela para peregrinar a Santiago, pasando por cidades como Mérida, Cáceres, Salamanca ou Zamora.

Salamanca tamén se atopa na Vía da Prata / foto alisonhouse780CC0

Porén tras acadar o norte os peregrinos debían escoller entre continuar ata Astorga, para despois entrar polo Bierzo polo Camiño Francés, ou ben coller antes un desvío na Pobra de Sanabria. Esta ruta sería a máis longa que atravesaría Galicia, pasando por localidades como A Gudiña, Laza, Ourense, Dozón ou Silleda.

A lenda de Almanzor

Mais esta ruta atopou na Idade Media cun gran atranco, a Reconquista. A ruta xacobea foi prolongándose a medida que a Reconquista avanzaba. Porén dun lado ou outro da liña, cristiáns e musulmáns conviviron sen grandes problemas. Mais como é de supor, para estes últimos era sen dúbida unha peregrinación allea.

Campás da catedral de Santiago / foto Xacopedia

Porén no norte peninsular a peregrinación si topou no século X coas campañas de Conquista de Almanzor. Entre elas as incursións en territorio galego, nas que o militar sarraceno conquistara Compostela levando como botín as campás. Segundo conta a lenda, prisioneros cristiáns trasladáronas personalmente sobre os seus hombros ata Córdoba, seguindo, segundo se conta, esta mesma Vía da Prata.

Dende diante da Catedral á Triana

Diante da catedral de Sevilla, preto da Alcazaba musulmana, e en pleno corazón de Andalucía pouco nos fai presaxiar que uns 800 kilómetros despois ese camiño que comeza ó pé da porta, despois atravesará as fragas do chuvioso norte rematando na praza da Quintana. Si o fai unha placa, en plena rúa, que nos sinala o inicio da ruta, entre os turistas en pantalón curto, os debotos da Virxe e o paso das calesas.

Triana / foto 12019CC0

Dende alí, pola rúa, en perpendicular á rúa máis importante de Sevilla comeza a ruta. Continúa ó pé da Torre del Oro e cruzando a ponte de Isabel II adentrándose no barrio de Triana antes de seguir por amplos descampados baixo un inclemente sol. Continúa despois pola cidade dormitorio de Camas ata alonxarse na planicie ata o conxunto arqueolóxico de Itálica. Dende ahí preto dun mes de camiño por longas chairas, atravesanto cinco cidades Patrimonio Mundial e algúns dos conxuntos patrimoniais máis recoñecidas de España.

Lugar en Sevilla moi preto de onde comeza a Vía da Prata / foto BarbaraBonanno CC0

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...