fbpx
Traballos arqueolóxicos da USC na procura dunha aldea Sueva colaboración do Concello de Mondoñedo / USC

Na procura dunha aldea sueva de Mondoñedo

Tempo de lectura: 2 min.

A nova fase dos traballos arqueolóxicos na localidade mindoniense de San Vicente de Trigás permitirá, a partir do luns 27, “coñecer, dende a colaboración científica e de xeito interdisciplinario, tanto as persoas que viviron aquí durante a alta idade media como a evolución do uso do territorio”. Así o afirma José Carlos Sánchez Pardo, director científico dos traballos que levan a cabo USC e a empresa Tempos Arqueólogos.

Tal e como explica o tamén investigador principal do proxecto ‘Arqueoloxía das paisaxes monásticas na Galicia altomedieval’ (ARPAMED), estas accións “son fundamentais para entender a paisaxe rural de Galicia nese período”. A intervención, que permitirá o afondamento na época sueva, está dirixida pola investigadora posdoutoral Celtia Rodríguez González, pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), do que tamén forma parte a USC.

Os traballos estenderanse ata o 7 de xuño e contan coa colaboración do Concello de Mondoñedo a través do asesoramento do arqueólogo Abel Vigo, así como da especialista en arqueobotánica Leonor Peña Chocarro, do CSIC de Madrid, quen realizará unha análise das especies de plantas e cultivos que se utilizaban durante a fase altomedieval do xacemento.

Estruturas dos séculos V-VII

Durante esta intervención, levarase a cabo a ampliación das sondaxes abertas o ano pasado en dúas fincas propiedade de Miguel Chao. No ano 2023, os traballos arqueolóxicos deron lugar á localización dunha estrutura habitacional (posible casa) e a un forno, cuxos restos dataron dos séculos V-VII. “O noso obxectivo este ano é continuar coa delimitación e documentación desta estrutura así como confirmar que estamos ante unha aldea altomedieval, un tipo de asentamento moi pouco coñecido para os séculos dos que estamos a falar”, relata Celtia Rodríguez González, directora da intervención. Para iso, alén de continuar coa sondaxe realizada en 2023, avaliaranse os posibles muros descubertos a través da prospección xeofísica realizada en marzo pola empresa SOT.

Ao longo do ano 2023 e principios de 2024, a investigación continuou executándose a través do traballo dos materiais, a elaboración da memoria científico-técnica, así como a realización da prospección xeofísica. “Os resultados foron importantes e significativos porque demostran que a superficie do xacemento é moito maior do que se pensaba e ten moito potencial”, subliña José Carlos Sánchez Pardo.

Esta intervención vincúlase aos proxectos ‘Ecoloxías e economías locais na Alta Idade Media” (ECOLOC), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e á investigación ARPAMED, financiada pola Axencia Estatal de Investigación a través da convocatoria do ‘Plan Nacional Xeración do Coñecemento 2020’.

Pode que che interese...