Cando os carballos eran árbores curandeiras e fonte de devoción | Historia de Galicia
Carballo de Vilar de Francos en Carballo / foto turismo.gal

Cando os carballos eran árbores curandeiras e fonte de devoción

Tempo de lectura: 4 min.

Dicíase deles que tiñan un zume vermello, semellante ó sangue, que xurdía no caso de romperse unha póla ou danalos. Dicíase tamén deles que eran milagreiros e que tiñan a capacidade de sandar enfermos, conceder favores amatorios ou de axudar á concepción. E é que moitos carballos de Galicia foron dende tempos inmemoriais fontes de devoción, carballos centenarios que en moitos casos seguen vivos nos nosos montes e o pé das nosas igrexas e pazos.

Pois aínda hoxe o carballo é unha das árbores máis estendidas de Galicia, así como das máis lonxevas, da que aínda se conservan exemplares de excepcional antigüidade, algunhas con moitos séculos. En latín o seu nome robur significa forte. Comparte en galego etimoloxía con asturiano ou portugués, na raíz preindoeuropea kar-, para moitos de orixe celta co significado de pedra. A árbore de pedra, ou a árbore forte, sexa como for, segue aínda en moitos casos sendo a árbore totémica de Galicia e fonte de devoción nalgúns lugares.

Carballo de Santa Margarida, en Pontevedra / panoramio.com

Por isto moitos carballos en Galicia son aínda elementos de culto. Debaixo deles rézase ou desenvólvense rituais baixo o amparo de determinadas advocacións hoxe cristianizadas. Cultos deidolátricos, fitolátricos (culto a vexetais) ou de carácter animista, reminiscencia de tempos remotos, que, coa chegada do Cristianismo e a resistencia a seren eliminados, foron asimilados ás novas crenzas a redor de santuarios, capelas ou espazos dalgún xeito sagrados.

Fontes de lendas, devocións ou superstición

Xa en outro artigo falabamos do carballo milagreiro de Vilar de Francos, en Carballo, de máis de 7 metros de perímetro e preto de 2 de diámetro. Del cóntase que naceu debaixo dun altar mentres, segundo a lenda, Santo Antón se atopaba oficiando unha misa. A tradición conta que ten poderes sandadores e casamenteiros, e fala da tradición de dar tres voltas ó seu redor e lanzar unha pedra de costas a través da súa fendedura que se conta foi orixinada por un raio.

Tamén é o caso do carballo de San Fins de Cambeda, en Vimianzo, moi preto da propia vila. Baixo el é costume rezar unha oración e dar nove voltas ó seu redor para pregar por saúde. O carballo atópase o pé dun dunha capela, mais tamén dunha fonte. A súa festividade celebrase no derradeiro día de xullo.

Unha pola de Carballo / foto CocoParisienneCC0

E é que ó longo do noso territorio existen moitas tradicións comúns asociadas a diversos carballos centenarios. A apelación á saiba da cor do sangue, a curación de doenzas e males, sempre con rituais tales como romper unha pola , ou dar un número de volvas determinado ó seu redor, introducirse entre as súas ramas ou as súas fendeduras ou o rezo de algunha oración baixo elas. Tamén de moitas delas se conta que son protexidas por trasnos ou mouras ou que simplemente de facerte dano cortándoa a ferida sería mortal.

Ó pé de santuarios

Outro dos casos é o do carballo de Santa Columba das Pías entre as comarcas das Terras de Melide e Arzúa. Atópase ó pé dun santuario fundado a finais do século XVII de forte devoción. Atópase tamén ó pé dunha fonte milagreira. O carballo centenario, e de inmenso porte, está localizado no flanco sur da igrexa e conta cunha pía ós seus pés. A tradición manda encher dita pía con auga da Fonte Santa e dar nove voltas ó redor, dándolle un bico ó tronco en cada volta. Dise que o carballo cura os males como o de reuma.

Outro exemplo é o Carballo de Santa Margarita na parroquia de Mourente, Pontevedra, nun entorno algo máis urbano, onde tamén se atopa unha fonte. Dise que tanto o carballo como a auga da fonte posuían poderes curativos dende tempos inmemoriais, e que no lugar pregábase pola curación da lepra. É un dos carballos de máis porte de Galicia, pasando dos 18 metros de altura, máis de 8,5 de perímetro e cubrindo un espazo de preto de 22 metros de diámetro.

O Carballo de Santa Margarida, en Pontevedra, será recuperado / pontevedraviva.com

O certo é que en Galicia, non son poucos os exemplos deste tipo de cultos que se reproducen ó longo de todo o territorio, con exemplares de maior ou menor porte. Moitos arredor de capelas mais moitos outros simplemente nos nosos montes ó carón de fontes ou camiños. O seu carácter totémico foi documentado por etnólogos como Vicente Risco ou Xaquín Lourenzo.

As súas follas dalgúns destes carballos teñen un carácter sagrado e, en xeral, a folla desta árbore emprégase tamén como herba de San Xoán. Tamén existen ou existiron cultos os seus bosques ou carballeiras. Dise que a raíz preindoueropea Nemeth empregada nalgúns topónimos galegos significa bosque sagrado e mesmo os romanos outorgábanlle un valor semellante a aqueles lugares onde existían grandes carballeiras que eran nomeados como lucus.

Carballo de Cereixo en Vimianzo / foto HdG

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: