fbpx
Penedos de Traba / foto Turismo de Laxe

Así será a excepcional ruta de sendeirismo pola paisaxe ameazada dos Penedos de Pasarela e Traba

Tempo de lectura: 3 min.

A posta en valor da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba. Este é o obxectivo principal do traballo que están a desenvolver os Concellos de Vimianzo e Laxe para, entre outros traballos, homologar a ruta de sendeirismo que une a Paisaxe dos Penedos de Pasarela e Traba, un espazo natural que ambos comparten.

Esta actuación está enmarcada dentro da folla de ruta que ambos Concellos están a seguir dende o ano 2019. Foi daquela cando se proxectaron unha serie de accións coordinadas, para impulsar un Plan Estratéxico conxunto da Paisaxe Protexida, recollido no pasado 2020 pola Dirección Xeral de Turismo de Galicia.

E é precisamente por isto tamén que no día de onte tivo lugar unha reunión nesta Dirección Xeral, entre as rexedoras dos dous Concellos,  Mónica Rodríguez de Vimianzo e o rexedor de Laxe, José Luis Pérez Añón, técnicos de ambos e a directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro. Na reunión avanzouse o desenvolvemento deste proxecto.

Penedos de Traba / foto turismo.gal

Unha ruta excepcional

A ruta aproveita sendeiros tradicionais e servidumes de paso. A través deles é posible percorrer unha dorsal que se alonga dende a Torre da Moa, pasando pola Pena Forcada, ata o Outeiro da Cachucha, con miradoiros naturais únicos sobre o Val de Traba.

Este espazo alberga tamén unha importante variedade de fauna e flora na que predominan as matogueiras coma os toxos, uces, breixos e sobre todo as queirugas, catalogadas como hábitat de interese comunitario pola Unión Europea. “O noso obxectivo prioritario é conservar, dinamizar e protexer toda a contorna dos Penedos de Pasarela e Traba”, declararon ambos rexedores.

Pasarela de Traba / foto acostadamorte.info

Un plan de xestión da paisaxe baixo a ameaza dos eólicos

O proxecto está a desenvolverse con enorme interese por parte de ambos Concellos, pero a Paisaxe Protexida dos Penedos atópase baixo a ameaza de dous grandes parques eólicos.

De feito, non foi ata  despois de coñecerse que estes dous grandes parques ameazaran con situarse literalmente sobre os penedos, que a Xunta de Galicia anunciara, o pasado mes de abril, que a licitación do Plan de Xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba era inminente. O Plan levaba preto dunha década de agarda.

Porén, dende os dous concellos da Costa da Morte acolleuse con satisfaccióna aínda agardada nova. Neste sentido, tanto Laxe coma Vimianzo están tramitando a aportación da documentación e información requirida no relativo a aplicación do Plan, tanto na Paisaxe coma nas zonas próximas que presentan unha posible influencia sobre a mesma.

O que se pretende impulsar dende ambos executivos é complementar este proxecto coa homologación da ruta o longo deste espazo natural e patrimonial. O proxecto, segundo ambas rexedoras, considérase “indispensable non só para os nosos municipios, senón para a Costa da Morte e toda Galicia”. Non en balde trátase dunha das paisaxes máis excepcionais de toda a Costa da Morte.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: