A mobilización contra a destrución da paisaxe dos Penedos de Traba materialízase nunha nova plataforma
Máis dunha ducia de asociacións culturais, ambientais, veciñais ou de turismo rural acaban de crear unha nova plataforma para salvar a Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba fronte a ameaza de dous parques eólicos que se situarán directamente sobre ela. Foi o pasado 20 de febreiro a través dun encontro virtual no que se chegou a unha conclusión: os penedos serán un lugar libre de enerxía eólica.
E é que na reunión cualificouse de inconcibible a implantación do parque eólico na paisaxe protexida e pedirán á Xunta a retirada dos proxectos. En ningún caso chegarán a acordos coa empresa mentres se planee a instalación de eólicos na área de influencia dos Penedos. Para isto a plataforma continuará coas mobilizacións, empezando por pedir á cidadanía alegacións ó proxecto.
Beneficio para uns poucos e hipoteca para o turismo
Segundo a plataforma a preservación da paisaxe é fundamental para a Costa da Morte, desde o punto de vista ambiental, cultural, turístico e económico. A zona da Costa da Morte produce gran cantidade de enerxía eólica, pero “non obtemos ningún beneficio desta enerxía e a instalación de parques eólicos supón un serio problema para o turismo, perdemos o principal atractivo: unha paisaxe”.
De feito esta é a mesma conclusión á que chegou vai ó redor de dúas semanas a recén creada Plataforma de Turismo e Hostelería da Costa da Morte. A Plataforma amosouse “en total desacordo co novo plan eólico que invade os Penedos”. “Non entendemos que se viole unha paisaxe protexida. Estamos cansos de que se nos considere un dos motores económicos de Galicia, e que non se coide o que tanto ben nos fai ó noso traballo, como é unha contorna natural de grande valor tanto social como económico”.
15 anos da mobilización que salvou os Penedos
O próximo mes de xuño cumpriranse 15 anos da marcha da primeira protesta que salvou os penedos. Foi pola ameaza dunha canteira a ceo aberto autorizado polo Concello. A mobilización parou o proxecto e o lugar foi declarado Paisaxe Protexida, na época do bipartito. Agora tres lustros despois desta primeira mobilización moitos dos que participaron daquela volven participar dun novo movemento para salvar os penedos, hoxe unha paisaxe única teoricamente protexida.