fbpx
Torres de Altamira / foto GFDL CCBy Wikimedia

Comeza a recuperación das Torres de Altamira con catas arqueolóxicas e a restitución das súas vistas sobre o val

Tempo de lectura: 2 min.

A Deputación da Coruña, por medio da súa área de Patrimonio, inicia as actuacións para recuperara as Torres de Altamira, no concello de Brión, unha das fortalezas máis importantes da historia de Galicia. Trátase de recuperar as ruínas deste monumento histórico para retornarllo á cidadanía e convertelo nunha verdadeira referencia monumental e cultural da comarca.

Así o poñía de relevo onte, no inicio dos traballos, o deputado de Patrimonio Xosé Luís Penas, xunto co arquitecto Mario Crecente e o arqueólogo Luís Francisco López. Esta primeira fase da intervención estará desenvolta pola empresa Terra Arqueos e supervisada por ambos técnicos.

Detalle da torre conservada nas Torres de Altamira / foto turismo.gal

Unha acción integral non só no arqueolóxico senón tamén no paisaxístico

A recuperación e posta en valor deste monumento histórico iniciase cunha primeira fase na que se desenvolverán catas e tomas de mostras arqueolóxicas dentro das propias Torres e tamén na súa contorna. A intervención seguirá as actuacións contempladas no Plan Director do monumento.

O obxectivo é recompilar toda a información necesaria nun primeiro momento para desenvolver despois unha análise con dróns e tecnoloxía LIDER, así como con pulses e puntos láser. Con toda esta información farase un mapeo cartográfico total da zona patrimonial da que se derivarán todas as actuacións de recuperación e estabilización e divulgación do monumento.

Neste primeiro momento, xunto cos traballos de carácter técnico e arqueolóxico especializado, desenvolveranse tamén as primeiras actuacións, que incluirán a limpeza da zona e eliminación de obstáculos visuais. Trátase dunha acción integral que permitirá non só o traballo no ámbito patrimonial e arqueolóxico senón tamén no paisaxístico.

Detalle da capela nas Torres de Altamira / foto turismo.gal

Un verdadeiro referente histórico e monumental da comarca

E é que “queremos que, despois de rematar a actuación prevista, as Torres de Altamira sexan unha referencia cultural na comarca da Maía, en consonancia coa relevancia histórica do sitio en episodios fundamentais do pasado deste territorio”, explicou o deputado Xosé Luís Penas.

“Con estes traballos as Torres de Altamira dan o primeiro de moitos pasos para conseguir voltar a ter toda a importancia histórica e cultural na comarca da Maía e en todo o país”, explicaba.

Afondaba tamén na necesidade da divulgación da súa importancia histórica e monumental, para a que a Deputación programou a conmemoración dunha festa histórica sobre a importante batalla de Altamira. A conmemoración estivo programada para xuño de 2020 pero tivo que ser adiada por mor da pandemia en dúas ocasións.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...