fbpx
Situación e defensas do castro de Bexo, en Dodro / manuelgago.org

O castro de Bexo, a aldea dos asterix galegos

Tempo de lectura: 4 min.

O castro de Bexo é unha fortaleza que se levanta aos pes do río Ulla. Un balcón privilexiado no Concello de Dodro desde o que se pode ollar desde os confíns da ría de Arousa ata os vales da Maía e o val de Herbón. Unhas vistas que fan del un lugar estratéxico desde a Idade de Ferro.

A pesar de que as canteiras levaron parte das súas pedras e de que foi comesto por varios incendios, esta fortaleza segue resistindo os envites do tempo e das calamidades. E é que o castro de Bexo non é un castro calquera. É o castro da xente, do pobo de Bexo, que quere facer del un símbolo, un emblema.

Vistas do río Ulla desde o castro de Bexo / XS

Vistas do río Ulla desde o castro de Bexo / XS

Dá gusto coñecer a esa Galicia activa, persistente, loitadora… Esa Galicia guerrilleira do seu patrimonio. Bexo é a aldea galega do ilustrador Uderzo e Xoán Xosé Vicente o seu Asterix. Un Asterix acompañado por uns galegos irredentos que toman pocións máxicas para manter o seu patrimonio a salvo do esquecemento.

Xoán Xosé Vicente é concelleiro de Unidade Veciñal de Dodro e membro da Comunidade de Montes de Bexo, que é a que está a impulsar a recuperación deste castro da Idade do Ferro, sito xunto ó monte Carboeiro. Con el recorremos este espazo máxico que, a pesar do espolio de pedra que se fixo nel para construír casas en Bexo, Teaio, Burés e Bacariza, aínda conserva frescas as pegadas do que un día foi un gran poboado sobre o Ulla.

“Aquí está o primeiro muro… e alí o segundo… Como ves o camiño actual é artificial. A entrada está do outro lado”, suliña Xoán Xosé que coñece cada milímetro do chan que pisa. Con el entramos no que podería ser un amplisimo antecastro e rematamos na plataforma superior.

Pequenas acrópoles

Restos dos muros do castro de Bexo/ XS

Restos dos muros do castro de Bexo/ XS

O castro está rodeado de varios parapetos e foxos que o fan case inexpugnable. E na súa croa hai dous recintos que sobresaen, pequenas acrópoles que, nalgún momento, mesmo puideron chegar a ser pequenos castelos.

De feito, e a pesar da súa adscrición á época galaica-romana, o certo é que o castro de Bexo puido ter certa actividade na etapa alto medieval, cando os viquingos eran os donos e señores das rías e dos ríos galegos. E desde a súa privilexiada posición poderían dar conta da chegada das súas naves pola ría de Arousa, e do seu percorrido polo Ulla ata Iria Flavia.

Pero, polo momento, todo son suposicións. Por iso, a comunidade de montes e os veciños queren coñecer máis sobre o seu monte sagrado, e acaban de iniciar un proxecto para adecentar o castro, estudalo e poñelo en valor. Polo momento, o único que se fixo foi unha primeira limpeza do recinto por parte do concelllo. A segunda fase será unha pequena intervención arqueolóxica que dirixirá o arqueólogo Carlos Otero, do CSIC.

O divulgador Elixio Vieites e o impulsor do proxecto de recuperación do castro de Bexo, Xoán Xosé Vicente / XS

O divulgador Elixio Vieites e o impulsor do proxecto de recuperación do castro de Bexo, Xoán Xosé Vicente / XS

“É un recinto excepcional pola súa privilexiada posición”, suliña Otero que aclara que se realizará unha pequena campaña, probablemente na primavera vindeira, para tentar atopar cronoloxías concretas que dean máis luz sobre a historia do xacemento. Esta intervención centrarase, probablemente, na acrópole máis elevada e fortificada. O punto máis alto do recinto e desde o que se divisan os confíns da ría de Arousa, ata Corrubedo.

“O interesante do xacemento é que, aparentemente, está ben conservado”, apunta. E é que no recinto aínda se poden ver as ubicacións do que puideron ser vivendas e os muros exteriores do castro. De feito, a arqueóloga municipal rexistrou ata 30 posibles vivendas cando se realizou a limpeza do castro.

Ubicación das estruturas do castro de Vexo / Xoán Xosé Vicente

Ubicación das estruturas do castro de Vexo / Xoán Xosé Vicente

Primeira campaña

A primeira e tímida campaña do castro de Bexo non será a única. Detrás dela virán máis. Ou iso é o que apunta Xoán Vicente que mesmo avanza a posibilidade de asinar un convenio con Finsa para que, ademais de levar madeira, contribúa a conservar o monte e o patrimonio que atesoura, precisamente, para que sexa un valor de futuro.

Por iso, o castro galego de Uderzo pode recuperar o seu antigo esplendor en sucesivas campañas arqueolóxicas. A idea da comunidade de montes e dos veciños é iniciar un proxecto colectivo e duradeiro no tempo que faga del un emblema para toda a aldea. Un castro que, grazas a súa privilexiada situación, pode constiuirse como un perfecto referente para estudar a evolución da paisaxe histórica de toda a comarca. Niso traballarán Xoán Xosé Vicente, Carlos Otero e todos os que están envoltos no proxecto… Quen sabe, quizais acaben descubrindo, finalmente, o segredo da súa poción máxica.

Restos de posibles vivendas no castro de Bexo / Xoán Xosé Vicente

Restos de posibles vivendas no castro de Bexo / Xoán Xosé Vicente

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...