fbpx
Asistentes áao roteiro en defensa da mámoa do Salgueirón

Máis dun cento de persoas en defensa dunha mámoa

Tempo de lectura: < 1 min.

Cun primeiro claro obxectivo, protexer, recuperar e por en valor a mámoa do Salgueirón ou Alto do Marco, un cento de persoas de Ponteareas e Mos xuntáronse o pasado 1 de outubro na Serra do Galleiro nun roteiro de defensa patrimonial.

A Asociación de Veciños de Ribadetea (Ponteareas), a Comunidade de Montes de Louredo (Mos), a Asociación Cultural Festa da Prehistoria (Mos), a Agrupación A Cividade (Louredo – Mos) e o Grupo Ecoloxista ADENCO foron as impulsoras desta iniciativa e que xurdiu tras unha desfeita que tivo lugar neste espazo natural.

Os diferentes colectivos buscaron a colaboración local, pero non a atoparon. Así, decidiron solicitarlle á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta a posta en valor do xacemento, con actuacións de sinalización e delimitación da mámoa, para evitar novos impactos, porque “o que non se coñece, non se protexe”. Ademais, esta mesma solicitude que foi remitida aos dous concellos no seu día, sen ningún tipo de resposta, volveu a presentarse a semana pasada.

As organizacións convocantes, ante a boa resposta dos asistentes, “e ante o moito que queda por traballar para pór en valor o patrimonio dos dous lados da serra”, decidiron darlle continuidade a esta actividade, promovendo unha xornada de irmanamento cada ano.

A mámoa do Salgueirón é un lugar de enterramento prehistórico, con máis de catro mil anos de existencia, formado por grandes lousas colocadas en forma de arca, onde se depositaban os corpos dos defuntos e que logo se cubría dunha coiraza de terra e de pedras, e que neste caso amosa a particularidade de estar totalmente cuberta de seixos brancos, moi abondosos na zona.

Este é o manifesto lido ao final desa xornada:

Pode que che interese...