SOS para un castelo medieval ameazado por un parque eólico
Ismael López Pérez, presidente da Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo
O castelo de Sueiro, en Laxe, tamén coñecido como castor da Estrela, stella ou do sol, pode desaparecer debaixo dun muíño eólico do futuro parque eólico Forcada-Catasol II. O ben está sen catalogar e está afectado polo Proxecto eólico Pena Forcada- Catasol II que tramita Gas Natural Fenosa e máis polo Proxecto de evacuación de enerxía do futuro parque, arestora en fase de consulta pública.
Esta fortificación, de época medieval, non está catalogada pola Xunta, a pesares da súa relevancia na paisaxe. Hai constancia da súa existencia desde os séculos XI e XIV e aproveitaba a situación estratéxica e a orografía rochosa do lugar dominando o val de Traba e de Soesto. Ao pé do castelo unhas chanceiras ou rebaixes do terreo (chá, planicie) facilitarían o acceso dos señores ao mesmo. Aos lados, pedras sólidas garantírían a seguridade do castelo (Cal de Moreu).
Desde a súa ubicación pódese apreciar á redonda unha paisaxe de alto valor estético e paisaxístico; a praia de Traba, Soesto, lagoa de Traba e a paisaxe protexida “Penedos de Pasarela- Traba“. A Asociación Petón do Lobo xa lle solicitou á Consellería de Cultura a súa inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
Precisamente, esta falta de protección fai que está afectado directamente polo proxecto eólico que está a tramitar Gas Natural Fenosa. Por Resolución do 17 de novembro de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña, sometíase a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación que iso implicaba, da autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico Pena Forcada Catasol II no concello de Laxe, na provincia da Coruña (expediente IN661A-2010/3-1) (DOG do 11 de decembro de 2015).
Agora sométese a consulta pública o documento ambiental do proxecto da Liña de evacuación do parque eólico Pena Forcada-Catasol II (2016/0103).
A orixe do nome
O seu nome está vinculado ao apelido Sueiro que é un patronímico de Suar, pero tamén o pode ser de Soro e de varias formas máis. Entre as teorías para a etimoloxía do apelido Sueiro son salientables a que apunta a que é un patronímico, derivado do nome propio Soro, hoxe nome de pila pero moi usado na Idade Media, de orixe xermánica, de “sug-hari” ou “sub-hari”, “Sugerius” ou “Sudarius” nas transcricións notariais da baixa latinidade e que se traduce por “O exército do sur ou do sol“.
A obra “Os fenómenos de homonimia e homofonía na toponomástica e a súa repercusión nas etimoloxías cultistas e populares da Europa Occidental”, de Joaquín Caridade Arias, respecto da etimoloxía do nome medieval Soro, di que vén do antropónimo celta Surus, que é un nome teofórico que contén o nome da divindade celta que se chamou Sirona, Stirona ou Tsirona, sobre a raíz *ster (latín stella, “estrela”).
Outras zonas afectadas
O proxecto eólico de Unión Fenosa tamén porá en perigo outras zonas de especial interese paisaxistico e ecolóxico. Así, o aeroxenerador A1 do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II, afecta ás zonas e espazos protexidos ZEC “COSTA DA MORTE” ES 1110005 no concello de Laxe, da ZEPA COSTA DA MORTE (NORTE) ES 0000176, Lagoa de Traba e da Paisaxe Protexida “Penedos de Pasarela e Traba”.
Por outra banda, o aeroxenerador A3 do proxecto Pena Forcada- Catasol II toca directamente á ZEPA”COSTA DA MORTE (NORTE)” ES 0000176, Lagoa de Traba.
O grande interese da lagoa de Traba e dos seus arredores foi recoñecido ó ser declarada pola Unión Europea no ano 2003 “refuxio de fauna C-20 dentro da Zona de Especial Protección de Paso de Aves ZEPA “COSTA DA MORTE (NORTE)” ES0000176.
En relación ao aexenerador A2 do proxecto Pena Frocada-Catasol II, afecta directamente ao ZEC “COSTA DA MORTE” ES 1110005, Franxa litoral do Concello de Laxe.
O grande interese da franxa litoral de Laxe foi recoñecido por ser declarada pola Unión Europea no ano 2004 Lugar de interés Comunitario LIC “COSTA DA MORTE” ES 1110005.