fbpx
Proxecto do futuro acceso ao castro de Santa Trega / Fundación Santa Trega

A nova porta do Trega, o gran castro de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

O castro e o museo do Trega, o gran castro de Galicia e un dos máis visitados do país, terá un novo espazo de recepción de visitantes, con tres viais e varias casetas.

O pleno do padroado do Trega aprobou o pasado mércores a proposta de remodelación da coñecida como porta de acceso ao castro. Unha medida á que xa deu o seu visto e prace a Comisión permanente, formada polas Comunidades de Montes da Guarda e de Camposancos e polo Concello.

Castro de Santa Trega / turismo.gal

A proposta do arquitecto guardés Mauro Lomba consiste na construción dunha nova caseta de cobro cos espazos adecuados para o desenvolvemento do traballo que controlará o tres carrís da estrada que sobe ao monte; un para o control de visitantes, un carril de servizo para as persoas que suban a desenvolver o seu traballo e profesionais de repartición e un carril de baixada. Na zona peonil máis próxima á caseta proponse a instalación de dúas pequenas edificacións: unha que sirva de zona de recepción e información ás persoas que soben a pé ao Trega e outra para servizo do encargado da caseta.

Segundo informa Turismo da Garda, estas edificacións, que distan algo máis de 100 metros, irán unidas por unha lámina que quedará perfectamente integrada no bosque e que simboliza a porta de entrada a unha das iconas da paisaxe e do patrimonio máis importantes de Galicia. A obra deberá contemplar a rexeneración forestal con especies autóctonas do ámbito de actuación.

A partir de agora comeza a fase de redacción deste proxecto que está financiado pola Dirección Xeral de Turismo que ten unha reserva de 200.000 euros para investir no Trega este ano 2017.

Pode que che interese...