fbpx
Estudantes nunha aula da Facultade de Historia de Ourense / Universidade de Vigo

Como é estudar Historia en Galicia sen acudir á facultade

Tempo de lectura: 3 min.

A Facultade de Historia do campus de Ourense ofrece desde o curso 2014/2015 o grao en Xeografía e Historia non só na súa modalidade presencial senón tamén na semipresencial. Esta opción naceu coa idea de atender a demanda daquelas persoas interesadas en adquirir coñecementos en Historia, Arte e Xeografía e que, por diferentes motivos, non podían cumprir o requisito de asistir con asiduidade ás aulas. Tres cursos despois do seu nacemento, esta modalidade vén de dar un paso máis coa posta en marcha dun proxecto piloto de gravación de materias impartidas na modalidade presencial.

Na actualidade, sinalan desde o centro, en terceiro curso do grao hai dous estudantes na modalidade semipresencial, en segundo curso oito e en primeiro dez. A obrigatoriedade deste grupo é a de asistir a titorías previamente concertadas ca persoa responsable da materia e ás probas de avaliación. O proxecto piloto posto en marcha agora, indican, ten como obxectivo “facilitar ao estudantado semipresencial non só o acceso aos contidos da materia senón tamén unha aproximación máis realista ao profesorado”.

“Para facilitar tanto o acceso ao material docente como ao profesorado, xunto o uso da plataforma Moodle dos servizos de Faitic da Universidade de Vigo, a Facultade de Historia leva a cabo unha serie de innovacións de carácter tecnolóxico utilizando diferentes servizos desta institución académica”, explica Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, no xornal da UVigo. Desde xeito, apunta, desde o curso pasado cada docente do grao dispón dunha aula e-Meeting, subministrada polos servizos do Campus do Mar, que permite un contacto directo entre o alumnado e profesorado responsable da materia tanto para titorías como para a presentación de traballos e outras cuestións.

Proxecto piloto

Dando un paso máis, engade a docente, “acabamos de pór en marcha un proxecto piloto que ten a súa orixe nunha proposta do servizo de UVigo TV, ofrecéndonos tanto a formación necesaria nas diversas posibilidades de gravación como o apoio técnico”. Nesta primeira fase do proxecto, sinala Susana Reboreda, “a nosa aposta foi realizar pílulas sobre aspectos xenéricos de determinadas materias e, ademais, gravar as clases presenciais de dúas materias do segundo cuadrimestre”.

Trátase concretamente dunha materia de primeiro curso, Historia da Arte Clásica, impartida polo docente Ángel Domínguez, e outra de segundo, Arqueoloxía Aplicada, impartida por Fermín Pérez. Á hora de pór en marcha esta iniciativa, apunta a decana, atopáronse coa dificultade de que o Edificio de Ferro, onde está situada a Facultade de Historia, non contaba coas instalacións necesarias para realizar as gravacións. Esta problemática solucionouse, comenta, equipando con fondos da Vicerreitoría de Economía e Planificación unha aula deste edificio para dar servizo tanto á facultade de Historia como a de Ciencias da Educación.

As materias comezaron a gravarse a finais de marzo. “O proceso é sinxelo e permite visibilizar dúas pantallas, unha enfoca ao docente e outro á pantalla na que se apoia para desenvolver a súa docencia. Unha vez feita a gravación, o material procésase nas instalacións da UVigo TV e remítese aos docentes un enderezo que, en principio, só será accesible para o alumnado matriculado nesa materia”, describe Susana Reboreda.

Incorporar máis materias

A idea, engade, é que paulatinamente sexan máis os docentes do grao que se animen a realizar estas gravacións. “Penso que o maior cambio para o profesorado relaciónase coa propia actitude. Non é en absoluto doado dar o salto e permitir que todas as túas clases sexan gravadas, nunca o fixemos antes e sen dúbida impón certo respecto”, recoñece a decana. O formato das clases non ten que cambiar nacesariamente, detalla, xa que a gravación é dobre, captando ao docente e a pantalla de apoio.

“Quizás afecte algo a mobilidade, xa que non é recomendable desprazarse por toda a aula, porque pode afectar á calidade do son. Outro aspecto é que comezamos gravando as clases en castelán, pola posible proxección que poida ter esta modalidade semipresencial máis alá da nosa comunidade autónoma”, comenta por último a decana da Facultade de Historia.

Pode que che interese...