fbpx
Castro de San Cibrán de Las / terraarqueos.com

Guía turístico, xeógrafo, historiador e arqueólogo todo terreo… O perfil profesional do futuro

Tempo de lectura: 3 min.

O vindeiro curso académico 2017/2018 impartirase por primeira vez no campus de Ourense un programa conxunto dos graos de Turismo e de Xeografía e Historia, que permitirá a dez estudantes obter as dúas titulacións en cinco anos e medio.

Co obxectivo de visibilizar ante a sociedade esta nova oferta académica e sobre todo a súa potencialidade, complementariedade e relevancia, os dous centros implicados nesta iniciativa, as facultades de Historia e a de Ciencias Empresariais e Turismo, organizan este sábado un roteiro aberto á cidadanía no que o turismo, a xeografía e a historia camiñarán da man.

Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, foron as encargadas de explicar este martes as características xerais tanto deste novo programa conxunto de graos como do roteiro promocional que se levará a cabo para difundilo. Este será o primeiro programa conxunto no que participe a Facultade de Historia e o terceiro para a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que xa conta con programas que permiten simultanear os seus estudos de Administración e Dirección de Empresas tanto con Dereito como con Enxeñaría Informática.

“Un perfil máis adecuado para a sociedade competitiva”

Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, e coordinador da campaña da Lanzada, explicando o que se ten atopado neste sitio arqueolóxico

Segundo explicou Elena Rivo, os dez estudantes que realicen este programa Turismo-Xeografía e Historia conseguirán ter “un perfil moi demandado pola sociedade e competitivo”. Deste xeito, apuntou, o perfil de egresado en Turismo terá un plus de formación útil de cara ao seu desenvolvemento profesional como guías ou xestores patrimoniais e o perfil de egresado en Xeografía e Historia adquirirá coñecementos de xestión turística útiles para os seus proxectos e empresas. Salientando como este programa conxunto é único en Galicia e, que teñan coñecemento en España grazas a que abrangue tamén a formación en xeografía, Susana Reboreda salientou pola súa banda a importancia de contar con el nunha comunidade autónoma como Galicia, “na que o turismo é un eixe fundamental de desenvolvemento”.

O programa conxunto destes dous graos, tal e como informa do Duvi, terá unha duración de once cuadrimestres, de cinco anos e medio. O número de créditos necesario para superar o programa será de 390 ECTS, dos cales 108 ECTS son créditos de formación básica e 282 materias obrigatorias. Os cursos impartiranse na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e na Facultade de Historia do campus de Ourense, garantíndose un horario de clases en franxas horarias, tanto teóricas como prácticas, que permita ao alumnado organizar o seu tempo adecuadamente, para facilitar o estudo, a realización das actividades formativas e a súa integración na vida de cada centro.

Percorrido pola Ribeira Sacra

O roteiro que se organizará para dar a coñecer esta nova oferta e a súa potencialidade terá lugar pola Ribeira Sacra e levará por título Aprende xeografía e historia facendo turismo. Pola mañá, a actividade levará aos participantes ao Monasterio de Santo Estevo de Ribas de Sil e a realizar unha ruta polos canóns do Río Mao. Xa pola tarde, o roteiro continuará visitando o conxunto arqueolóxico de San Vítor de Barxacova.

Durante o percorrido, egresados dos graos de Xeografía e Historia e de Turismo intervirán tanto para contextualizar o roteiro como para visibilizar a idoneidade e complementariade entre as áreas de turismo, xeografía e historia. No roteiro tamén terá protagonismo destacado a auga, tendo en conta o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. A inscrición, de balde, é aberta a todas as persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, ata esgotamento das 50 prazas dispoñibles. A saída será desde o campus de Ourense.

Pode que che interese...