fbpx
Porto da Coruña / Íñigo M.R.

O ambicioso proxecto para facer dos peiraos históricos da Coruña un gran museo

Tempo de lectura: 9 min.

O futuro está sobre a mesa na cidade da Coruña. A maior renovación urbanística dos últimos tempos está planeada e aberta á discusión para a cidadanía. No ano 2004 o Concello da Coruña liderado polo aínda rexedor socialista Francisco Vázquez encargaba ó equipo do arquitecto-urbanista catalán Joan Busquets un novo Plan Xeral para a cidade, cun ambicioso obxectivo: desprazar ó porto do interior da cidade e crear un novo porto externo na costa arteixá. Con isto, e cos beneficios que daría a venda dos peiraos para a construción de vivendas, non só se crearía un novo porto lonxe do centro urbano, senón tamén se sanearía a fachada marítima interior da urbe cos espazos comúns xerados polas obras de construción.

Para isto contábase co traslado completo das actividades industriais dos peiraos de Batería, Calvo Sotelo, San Diego e Centenario e cun presuposto catro veces superior ó da Cidade da Cultura de Galicia, uns 1300 millóns de euros a data actual, en parte adiantados por Fomento. Tres lustros despois todo está preparado para o definitivo traslado, pero dende o estalo da burbulla inmobiliaria e co paso do tempo e a chegada de novos gobernos municipais o proxecto de construír 370.000m2 nun dos escasos espazos baleiros do interior da cidade tivo que ser, por necesidade, seriamente repensado.

Así, entre diversas polémicas, e tralo enfrontamento de diferentes institucións públicas, foi o pasado día 22 de marzo cando finalmente o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, planteou dunha forma concreta ós seus plans para este importante sector da cidade: a creación de un distrito azul, xardíns e un futuro  Museo do Mar nos espazos liberados. O anuncio produciuse nos almorzos do Forum Europa de Nova Economía, Tribuna Galicia, un acto no que se reúnen periodicamente os axentes económicos da cidade e que contou coa presenza de autoridades coma representantes da Cámara de Comercio, da Xunta, do Concello e o presidente da Deputación da Coruña. O acto foi nos salóns do Hotel Finisterre e tivo unha ausencia destacable, a de Eduardo Losada, o presidente da Autoridade Portuaria da cidade.

Para o alcalde calquera proxecto para os terreos debería chegar dende un pacto de cidade e dende un consorcio de administracións públicas que implicara a Fomento, Xunta, Porto, Deputación e Adif, ademais do Concello. Tamén considera necesario que o Porto descargue a súa débeda con Fomento con fórmulas diferentes á recalificación e privatización dos peiraos. O proxecto da alcaldía plantexaría, por tanto, un Distrito do Mar dedicado á economía azul nos peiraos de San Diego e un Museo do Mar e da Emigración xunto cunha gran alameda na fachada interior da cidade, nos peiraos de Batería e Calvo Sotelo. Unha zona dotaciónal pública e axardinada con árbores que trataría de suplir a falta de zonas verdes da cidade e un distrito vinculado coa economía marítima, un lugar de investigación e desenvolvemento asociada á economía naval e os recursos marinos coa lonxa como centro. Este Distrito do Mar contaría con centros universitarios, espazos para a investigación desenrolo e recursos para emprendedores, e en xeral “un espazo de oportunidade ó carón da costa dende o que impulsar sectores estratéxicos coma a pesca, a acuicultura, a economía sostible, ou a investigación en enerxías renovables”. No tocante á estación de San Diego quérese que siga funcionando como estación de proximidades no corazón do conxunto.

As posturas da oposición parecen estar de acordo nalgúns elementos, sobre todo secundarios, como reducir parcialmente a edificabilidade dos peiraos e do uso público de espazos para o ocio, pero tanto o PP coma o PSOE din que o proxecto de Ferreiro é “máis do mesmo”.  O grupo municipal do PP é partidario de crear un Museo do Mar, zonas verdes e espazos tecnolóxicos nos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, pero sinala que as ideas xa estaban expostas en Coruña Futura. Tamén está de acordo na creación dun consorcio. O PSOE, sen embargo, cre tamén na creación de dita entidade, pero defende o seu proxecto e considera a necesidade da venta dos peiraos para sufragar a débeda do novo porto. O BNG, sen embargo, oponse ó financiamento do Porto coas recalificacións, e denomina, do mesmo xeito que Xullo, de lastre o convenio asinado en 2004 entre Fomento, o Porto e o Concello.

O certo é que prevíase a construción de 4.000 vivendas, unha ocupación  de 370.000 m2 de arredor de 400.000 que ten o peirao de San Diego. Ademais prevíase unha edificabilidade especialmente densa con edificios de ata 9 e 10 alturas en cadras compactas atravesadas por un único xardín que desafogaría a zona da Avenida de Oza. A proposta, a pesares das achegas de diferentes administracións, coma fondos europeos, xerou un sobrecuste dun 75% e unha débeda de arredor de 300 millóns, que a Autoridade Portuaria debe devolver a Fomento e que Ferreiro considera que poden ser asumidos pola institución como noutros portos de titularidade estatal, como o exterior de Ferrol ou o Musel de Gijón. “Hai que deixar que Coruña repense e debata o seu porto”, argumentaba Ferreiro, xa que é un espazo dun “enorme potencial para o futuro económico e social se consegue alonxarse da especulación“. O que si é certo e que coa nova proposta, e coa metade da lexislatura por diante, este sector da cidade converterase sen remedio nun dos obxectos de debate políticos e cidadán, creándose de seguro unha grande reflexión colectiva. 

Vista dun dos peiraos da Coruña / Íñigo M.R.

Os peiraos da Coruña

 O porto da cidade e os peiraos que compoñen a operación urbanística, son máis de 6 km que moven carbón, peixe, cereais, contedores e fuel, entre outros produtos, á zona norte de Galicia, con calados de entre 6 e 20 m. É un porto histórico ligado por completo á historia da cidade e relacionada cos seus momentos de decadencia e progreso. Entre os peiraos da cidade que o Plan Busquets deixaría fora do proxecto destacan a dársena da Marina, unha espazo histórico recentemente reconvertido en praza, que data de 1906, se abre á cidade histórica e á praza de María Pita, e que serve de amarre para embarcacións de pesca e recreo. Con ela o Peirao de Transatlánticos data do ano 1991 e por el pasan preto de 70 cruceiros ó ano, así como naves militares e iates de gran eslora. Ten unha lonxitude de 484m e 11 de calado. Dende 2011 é peirao de atraque regular das compañías MSC Cruceros e de Pullmantur.

Os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, os que seguen a este corazón portuario da urbe, e nos que se plantea a construción de alameda e museo, representan na actualidade o sector dos materiais de construción sendo o símbolo do progreso nos anos 60 e 70. Dende eles se exporta e importan materias primas como o cemento, o cinc, xeso ou aluminio. Ten unha plataforma para ferris, e conserva grandes silos cementeiros propostos como patrimonio industrial no Plan Busquets, así coma grandes guindastres que por décadas foron un dos grandes símbolos do porto da Coruña, e, sen embargo perdidos tristemente nos últimos anos.

Os peiraos de Linares Rivas e a Palloza, outros dos que deixa fora o plan, forman parte do que foi unha das primeiras expansións históricas do porto, e estivo ligada ó que por moito tempo foi o polo fabril da zona da Palloza, coa Tabacalera, pero tamén fábricas de mistos, cristal e empresas accesorias. Grandes peiraos que seguiron a liña de costa que foron nacendo progresivamente durante o século XIX e materializándose dunha forma compacta no ano 1924. Ampliaríanse sucesivamente ata alcanzar as dimensións actuais sendo o verdadeiro centro do desenrolo do porto da Coruña no século XX. Nos seus peiraos se conservan actualmente as dúas grandes lonxas da Coruña, a de baixura, unha das máis importantes da península, de arquitectura singular, e a de altura, ampla e funcional. Ambas ocupan lonxitudimalmente a dársena, e supoñen, ademais, un gran tránsito de mercadorías e de tráfico de camións. No Plan Busquets non se prevé o seu derrube, e de feito a de baixura se atopa protexida no actual Plan Xeral.

peirao de San Diego foi construído na década de 1960 como outro dos símbolos portuarios na cidade, como peirao de carga e descarga asociada á actividade da recén inaugurada refinería de petróleo da cidade. É o peirao dos buques de grande calado, dos grandes cargueiros cerealistas e petroleiros. Correspóndese ó momento de desenrolo da cidade no que se constrúen grandes polígonos industriais como o de Agrela ou Pocomaco, e de grandes proxectos industriais como o da refinería ou Alcoa. O seu nome provén do castelo de San Diego, un dos que xunto a Santa Cruz e San Antón defenderían a entrada na baía da Coruña. O peirao do Centenario é de feito unha ampliación deste. Data de 1984 e duplicaría os movementos de barcos daquel momento, con calados de ata 18 m. Nestes peiraos se descarga o carbón para as centrais de Meirama e Sabón, as grandes xeradoras de enerxía do noroeste peninsular xunto coas Pontes, que ten o seu tráfico dende o porto de Ferrol.

Tamén estes peiraos conteñen o tráfico de contedores que chegan dende diferentes portos de América, Europa e China, a través de Brest, Lisboa ou Rotterdam. Non é un tráfico intenso, sobre todo debido a que é bastante recente, xa que data de 2005, pero sen embargo, nestes pouco máis de dous lustros xa se converteu no segundo porto de contedores de Galicia por detrás do de Vigo e adiantando ó de Ferrol. No ano 2006 construíuse o silo chamado A Medusa, do brillante arquitecto coruñés César Portela, para evitar dispersións de partículas de carbón no aire da cidade. É unha gran estrutura cupular de aceiro que ten estruturas irmáns na mesma Meirama, e, xuntas, son unha das grandes estruturas de carácter fabril e arquitectónica levadas a cabo na Comunidade no presente século. O de Oza é un porto pesqueiro de baixura e altura, así como de reparación de barcos, nel se amarran os pesqueiros que descargan no  peirao da Palloza. Ten arredor de 12 m de calado.

Casco vello da cidade da Coruña no que se poden ver algún tramo das murallas

 A importancia dos peiraos

Historicamente o Porto interior da Coruña, foi un dos máis importantes de todo o Estado, un porto con procedencia romana que dataría do século II, momento no que se fundaría a cidade de Brigantium e para a que se construiría o faro da Torre de Hércules, ou farum, coma o gran elemento infraestrutural que sinalaría as rutas do occidente europeo e a entrada do gran porto ártabro, nunha cultura esencialmente marítima. Suponse que xa sería daquela un gran punto de comercio, de gran, aceite, peixe e metais, con grandes factorías na zona, como a do castro de Langosteira, seis séculos precedente ó asentamento romano. En época de Vespasiano foi o grande porto de Lucus Augusti, a través da Vía Per Loca Marítima e ó longo dos séculos coa caída do Imperio e as invasións por mar  sufriu a sorte da cidade abandonada. A refundación da cidade é de época de Alfonso IX, de 1208, surxindo a actual Cidade Alta e o porto orixinario, no estuario do Parrote, no lugar que ocupa o actual Hotel Finisterre e A Solana. Foi porto de comercio co Atlántico e Mediterráneo, porto de peregrinos que viñan dende o Reino Unido, e lugar de embarque de personalidades tales como algúns reis.

Tamén o da Coruña foi porto militar, ligado á cidade como praza forte, a partires do século XV, momento no que se construíu a Capitanía General e Real Audiencia, como cabeza garda e antemural do Reino de Galicia, e máis tarde con defensas barrocas e grandes cuarteis coma o das Atochas. No lugar da actual Dársena da Marina o desenrolo dun gran sector pesqueiro, que superou a escala da cidade precedente, levou o centro de operacións do porto da cidade a esta zona, constituíndose o embrión do porto actual. Sen embargo este espazo non sería materializado con peiraos ata o século XIX, a pesares dos grandes tráficos que tivo dende a Ilustración, coma o de comercio e postal con América.

No século XIX o da Coruña foi o gran porto de Galicia no tocante á pesca e a emigración. En 1867 xa se aproba o proxecto da dársena da Marina obra de Celedonio Uribe, pero que por falta de investimentos do estado non se rematará de feito, tal e como hoxe o coñecemos, ata 1906, asinando o proxecto o enxeñeiro Eduardo Vila. Este xa fora autor do peirao de Ferro, un peirao construído en 1870 dun xeito pionero en Galicia e que foi un dos símbolos da industrialización da cidade, pero que se demostrou como insuficiente para o mar da cidade e foi demolido en 1914. En 1877 créase a Xunta de Obras do Porto, institución que é o precedente da Autoridade Portuaria actual. En 1882 Eduardo Vila e Algorri asina o Anteproxecto Xeral do Porto, que o dividía en 3 dársenas, segundo o seu destino e en 1894 se rematan os peiraos orixinarios de Linares Rivas e Santa Lucía, e o da Palloza en 1909, que se irían ampliando sucesivamente ata o ano 2004.

En 1906 a actual Marina remátase tal e como a coñecemos hoxe en día, e con obras en 1918, 1923, e despois da Guerra, remátase tamén o xerme do peirao de Transatlánticos e Calvo Sotelo, coa derruída Estación Marítima. O proxecto Xeral do Porto, de 1946, inicia as obras do dique de abrigo, de Eduardo García de Dios, unha das grandes obras de enxeñería de todos os tempos da cidade, e un dos factores determinantes para a asignación da refinería de petróleo da Coruña e da nova industrialización dos anos 60 e 70. En 1962  constrúese o dique Barrié de la Maza, concluído en 1965, e o dique de San Diego, e nas décadas de 1980 e 1990 remátanse os perfís tal e como os coñecemos hoxe, do actual porto, cos peiraos do Centenario, Transatlánticos, a Medusa e o Parrote. Estas infraestruturas por moito tempo fixeron do porto da Coruña o 5º porto de España. Dense 2004 co inicio das obras do porto exterior, e de 2006 coa sinatura do Plan Busquets, agárdase e debátese o futuro dos peiraos históricos da cidade, e, con eles, dunha das actuacións urbanísticas máis importantes de Galicia e do contexto do noroeste peninsular.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...