fbpx
Xacemento de O Cabrón, en Arbo, con evidencias de industria achelense e mustariense

Galicia conserva acumulacións de industria lítica de hai 300.000 anos únicas en Europa

Tempo de lectura: 2 min.

Unha tese acaba de confirmar o que xa algúns investigadores dicían coa boca pequena; que Galicia ten un papel moi importante para entender o periodo achelense en Europa. De feito, o xacemento de Porto Maior, nas Neves, cunha cronoloxía comprendida entre os 270.000 e os 240.000 anos, contén o único caso coñecido en Europa de escenario de ocupación caracterizado por grandes acumulacións de configurados achelenses (LCTs).

Este tipo de lugares unicamente foran recoñecidos, ata o momento, no continente africano e en Oriente Próximo. As características da ocupación e as condicións tecnolóxicas deste xacemento reafirman a conexión entre o achelense ibérico e o africano e suscita novas preguntas sobre o proceso de poboamento humano do suroeste de Europa durante o Plistoceno Medio.

Xacemento de Porto Maior, nas Neves, con evidencias de ocupación humana de hai case 300.000 anos

Tamén en Arbo

Non é o único punto de interese que suscita grandes desafíos científicos. Outro xacemento, o do Cabrón, en Arbo, cunha cronoloxía próxima aos 100.000 anos, é un dos exemplos máis recentes da tecnoloxía achelense no occidente europeo e do mesmo xeito que o xacemento de Porto Maior, inciden na problemática da coexistencia do tecnocomplexos achelenses e musterienses na península ibérica.

Estes dous xacementos foron escavados no contexto de varias investigacións e cubrirían un rango cronolóxico comprendido entre os 300.000 e 100.000 anos. Serían as evidencias ben datadas máis antigas de presenza humana nesta rexión. Unhas evidencias que se conseguiron grazas a datacións realizadas mediante luminiscencia, e mediante o método de resonancia oaramagnética electrónica nos laboratorios do CENIEH.

Tese doutoral

Precisamente, o investigador do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), Eduardo Méndez Quintas. acaba de presentar estas conclusión na defensa da tese doutoral “Caracterización y variabilidad tecnomorfológica de las industrias achelenses de la Cuenca Baja del río Miño”, dirixida por Manuel Santonja Gómez e Alfredo Pérez González

Esta tese trata de solucionar o reducido coñecemento da poboación humana durante o Plistoceno Medio no noroeste peninsular que en ocasións se considerou atípico e anacrónico no contexto da Europa Occidental. “A esta problemática non axudaron as conclusións presentadas sobre as investigacións desenvolvidas durante os anos 1960 no xacemento de Gándaras de Budiño (Pontevedra), que non fixeron máis que lastrar o futuro da investigación desta etapa da Prehistoria en Galicia”, segundo apuntan nun comunicado.

Con esta tese doutoral, veñen a superar dita problemática inicial coa formulación dunha secuencia de poboamento humano equiparable en cronoloxía e en características tecnolóxicas ao resto da península ibérica.

 

Pode que che interese...