fbpx
Reconstrucción dunha ermida medieval

As tres universidades únense para crear unha Rede de Estudos Medievais de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Debido ao interese que está a espertar a Idade Media como obxecto de estudo, nace a Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares. Está integrada por grupos de investigación de distintas áreas de coñecemento das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo (os membros que se ocupan da Idade Media en Filoloxía, Historia Medieval e Historia da Arte); xunto aos grupos que traballan neste eido no Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas), na Universidade de Oviedo e na Universidade do Porto, ademais de investigadores a título individual de diferentes procedencias.

A coordinadora da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares é Mercedes Brea, catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago; xunto a Marta Cendón, profesora titular de Historia da Arte da USC. Salientan que “a investigación realizada no ámbito medieval é fundamental nunha comunidade como a galega, que non é doado comprender sen esta etapa histórica particular”.

As coordinadoras da Rede explican que “a interrelación entre os grupos deriva do convencemento de que calquera aspecto concreto que se pretenda estudar relacionado co período medieval resulta máis doado de enfrontar cando se contempla cunha visión o máis transversal posible da sociedade, das estruturas e circunstancias históricas, das manifestacións artísticas, literarias e culturais en sentido amplo”. Así, nos equipos que desenvolven proxectos de investigación competitivos participan habitualmente membros de varios destes grupos, os congresos que se organizan adoitan contar coa presenza activa de investigadores destas áreas e unha boa parte dos volumes misceláneos que se publican conteñen tamén autores de grupos diferentes.

Única torre que se conserva da Fortaleza mediefal de Sarria / Galipedia

Esta Rede xorde como resultado da colaboración que xa se experimentara co Máster Universitario en Estudos Medievais Europeos: imaxes, textos e contextos e o Programa de Doutoramento en Estudos Medievais.

Abrir a investigación

A través da Rede búscase abrir a participación a calquera investigador, equipo de investigación ou organismo galego, nacional e internacional que centre o seu interese na Idade Media. Nesta liña, ten asinados convenios de colaboración con equipos portugueses, franceses, italianos, alemáns, norteamericanos… de cara a favorecer a mobilidade, sobre todo do persoal en formación.

Entre os obxectivos da Rede salienta a contribución á mellora da formación dos investigadores neste campo, sobre todo no relativo ás Humanidades Dixitais. Tamén se procura unha difusión ampla e de calidade dos resultados da investigación. Así mesmo, preténdese incentivar as relacións da Rede cos centros e grupos de investigación nacionais e internacionais especializados en estudos medievais. E, ademais, trátase de facer chegar os resultados destas investigacións ao conxunto da sociedade.

Pode que che interese...