fbpx
Fonte Troncoso a comezos do século XX e hoxe / foto histórica e foto Listaxe Vermella do Patrimonio

En perigo a excepcional obra de Antonio Palacios sobre o lugar no que nacerían as augas de Mondariz

Tempo de lectura: 3 min.

A Fonte de Troncoso, no concello de Mondariz-Balneario, é a única construción do histórico arquitecto Antonio Palacios que se atopa incluída na Listaxe Vermella do Patrimonio, desenvolvida por Hispania Nostra. É, ademais, unha obra clave, no lugar que deu pé ás Augas de Mondariz e máis ó histórico balneario. Porén, a obra atópase en perigo inminente de derrube.

E é que en marzo de 2019 a excepcional arquitectura, asentada sobre a primeira fonte, sufriu o colapso da cuberta, provocando o seu derrube máis a totalidade do piso elevado. Dende aquela non foron poucas as voces que se pronunciaron denunciando o estado do histórico edificio.

Fonte Troncoso / foto Listaxe Vermella do Patrimonio

Entre elas está a Universidade de Santiago de Compostela, Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, Escola de Restauración de Bens Culturais de Galicia ou o Consello da Cultura. Porén o seu propietario, a empresa Fuentes Capital S.A. con sede en Madrid, así como a administración local e autonómica, con competencias en Patrimonio Cultural, ata o de agora non interviron para salvala.

Fonte Troncoso / foto Listaxe Vermella do Patrimonio

O lugar que deu orixe ó balneario

Cóntase, a xeito de lenda, que no ano 1858 o párroco Domingo Blanco Lage descubriu a fonte no lugar. Tras a análise das augas e sabendo das súas capacidades mineiro-medicinais, instalou unha bañeira no lugar e comezou tomar baños nela dun xeito regular. Dise que esta foi a orixe das augas de Mondariz e do histórico balneario, que sería inaugurado en 1873.

Porén naquela antiga fonte, coñecida tamén como Saidoiro ou As Augas de Abaixo, interviría no ano 1907 o prestixioso arquitecto Antonio Palacios. Faríao formando un conxunto de dous volumes, a fonte -un volume aberto- e as oficinas máis a antiga planta embotelladora, creando un excepcional conxunto ó gusto ecléctico da época.

Fonte Troncoso a comezos do século XX e hoxe / foto histórica e foto Listaxe Vermella do Patrimonio

SOS Troncoso e apoio do Consello da Cultura Galega

Polo de agora o único protector que ten o histórico edificio é plataforma SOS Fonte de Troncoso, que o pasado 18 de xullo volveu limpar o manancial para evitar danos aínda maiores. Foi polo tanto a veciñanza quen en ausencia das administracións, tivo que botar unha man para a preservación do histórico edificio.

Durante as labores de limpeza o edificio foi visitado tamén por Rosario Álvarez, a presidenta do Consello da Cultura Galega. Álvarez fixo entrega á plataforma dun informe elaborado pola Comisión de Patrimonio. Nel se solicita á administración galega que “aplique as medidas de protección activas que garantan a conservación dos bens protexidos que formen parte do patrimonio cultural de Galicia”. 

Tendo en conta os valores da Fonte de Troncoso como elemento representativo da arquitectura relacionada coa auga realizada polo arquitecto Antonio Palacios en Mondariz-Balneario, o seu papel dentro da unidade do Conxunto do Hotel-Balneario de Mondariz, o seu grao de protección e o estado en que se atopa”, así debería facerse. Tendo en conta, sobre todo,“que os titulares da Fonte de Troncoso non están levando a cabo a súa obriga na protección deste elemento”.

Fonte Troncoso / foto histórica

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...