Santiago lembra a Isaac Díaz Pardo cunha escultura no histórico xardín da Alameda
A cidade de Santiago xa ten a súa lembranza en forma de escultura ó extraordinario artista Isaac Díaz Pardo. Trátase dunha escultura de César Lombera na que se representa a Isaac en actitude introspectiva, sentado nun banco da carballeira. A escultura atópase colocada no camiño que discorre entre o paseo dos Leóns e a carballeira de Santa Susana, á altura das escaleiras metálicas, moi preto das de Valle Inclán e Castelao.
Porén, a localización é provisoria. Pois situarase definitivamente nun espazo ó final do paseo dos Leóns, fronte á rúa do Cruceiro do Gaio, unha vez que termine o proxecto de obras do muro do Pombal. Daquela a estatua situarase contemplando a cidade que el coñeceu e as rúas nas que viviu: a de Carretas e a Rúa das Hortas.
- Estatua de Isaac Díaz Pardo no paseo de Ferradura / foto Concello de Santiago
- Inauguración da Estatua de Isaac Díaz Pardo no paseo de Ferradura / foto Concello de Santiago
- César Lombera, Camilo Díaz e José Sánchez Bugallo na inauguración da Estatua de Isaac Díaz Pardo no paseo de Ferradura / foto Concello de Santiago
- Inauguración da Estatua de Isaac Díaz Pardo no paseo de Ferradura / foto Concello de Santiago
A escultura, que quere conmemorar o centenario do seu nacemento, foi inaugurada nun acto presidido polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. En representación da familia estivo un dos seus fillos, Camilo Díaz Arias e durante a inauguración a concelleira Mercedes Rosón fixo unha ofrenda floral ó tempo que Claudio Rodríguez Fer leu unha poesía en homenaxe ó histórico artista.

Placa que conmemora a Isaac Díaz Pardo / foto Concello de Santiago