Un plan para 150 sitios arqueolóxicos no entorno da cidade de Santiago de Compostela
Un total de 150 sitios arqueolóxicos, uns 50 aínda sen catalogar na contorna de Santiago de Compostela. Este é patrimonio que se recollerá Plan Director do parque Compostela Rupestre, que a Deputación da Coruña e cinco Concellos da zona están a desenvolver para promocionar a arte prehistórica gravada na rocha.
Así o adiantaba a empresa Trivium que se está a ocupar da redacción do Plan neste momento. Tamén así se presentaban o pasado o pasado día 27 nunha reunión do Consello Director e o Consello Asesor do proxecto no Concello de Teo, que detenta este ano a presidencia.
Nela a empresa, gañadora do concurso para a súa elaboración, puxo en común co órgano os eixos fundamentais do proxecto de traballo para a elaboración do documento, aprobándose distintas accións para a súa consolidación. Na reunión participaron representantes da Deputación e dos cinco Concellos que compoñen o proxecto, Santiago de Compostela, Ames, Teo, Brión e Val do Dubra.

Algúns dos petróglifos do Parque Compostela Rupestre / foto compostelarupestre.gal
Seis meses para catalogar, deseñar actuacións e crear unha ferramenta de información
Na reunión detallábanse os primeiros pasos do traballo para o que a empresa contará con seis meses de prazo. Tres deles serán para completar o catálogo e outros tres para deseñar actuacións e plan de xestión. Neste momento estase a desenvolver o proceso de recompilación de documentación sobre a arte rupestre do territorio.
Ademais, paralelamente a empresa está a deseñar unha nova ferramenta de información que permitirá acceder a datos non só de estado e localización senón tamén imaxes e material gráfico, cartografía, puntos de interese da contorna ou distancia entre recursos de interese. Trátase dun amplo volume de información que se articulará en distintos niveis segundo o interese e situación dos sitios arqueolóxicos.
O documento incluirá tamén traballo de campo e un profundo proceso de documentación dos xacementos, que se iniciará previsibelmente a semana próxima. Acometerase a recompilación de información como a delimitación perimetral de cada unha das entidades, propiedades ás que afecta, situación dos accesos e outros elementos próximos ademais da análise da situación ambiental do territorio.
A paisaxe como razón de ser do parque arqueolóxico
No plan diferenciaranse distintos niveis dos sitios arqueolóxicos. En primeiro lugar o grupo en que se intervirá, se porán en valor os recursos e se integrarán nos itinerarios. Despois os que se protexerán e intervirán pero que, por distintas razóns, non formarán parte das visitas deseñadas e os que sós se catalogarán e estudarán.

Frame do vídeo promocional de Compostela Rupetre
Ademais un dos eixos fundamentais para a elaboración do Plan Director do Parque é partir de considerar a paisaxe coma un dos elementos fundamentais de análise e fío condutor entre a arte rupestre e outros recursos patrimoniais do territorio. Desde o Consello Director e o Consello Asesor coincidiron á hora de destacar que a conservación da paisaxe é inseparábel á intervención patrimonial, nun proxecto que quere contar coa participación das entidades culturais que actúan no territorio.
Así, tamén o Plan buscará promover a coordinación entre as diferentes administracións que participan no proxecto e fomentar a participación da cidadanía no proceso de elaboración e redacción. Quérese que, ademais, p obxectivo fundamental sexa socializar o patrimonio arqueolóxico do territorio atendendo a tres eixes fundamentais, a comunidade local, centros escolares e turismo cultural.