Estas son algunhas das xoias museísticas galegas que podes visitar estes días sen saír da casa
A cultura hoxe non entende de fronteiras e moito menos de limitacións físicas. Por iso nestes tempos difíciles a cultura segue sendo unha grande aliada para afrontar momentos de reclusión como o que nos toca vivir. Como xa vimos, artistas de todo o mundo chegan á casa de cada quen a través do streaming. Mais tamén a tecnoloxía permite experiencias inmersivas especialmente interesantes a moitos dos nosos museos. Estes son só algúns exemplos:
Ósos de balea no Museo Provincial do Mar de Cervo
Unha das máis ricas experiencias de inmersión na súa rede museística é a da Deputación Provincial de Lugo. Esta inclúe o Museo Provincial de Lugo, O Museo Provincial do Mar en Cervo, o Museo Fortaleza de San Paio de Narla e o Pazo de Tor. Todos eles teñen visitas virtuais inmersivas a través da súa web. Entre eles un dos grandes descoñecidos é este museo de Cervo. Nel podemos ver dende pezas de Sargadelos, arqueoloxía subacuática e ata inmensos ósos de balea. A visita foi desenvolvida polo equipo do fotógrafo Jesús Barral.
Brocados da Idade do Ferro do Museo do Castro de Viladonga
Sen saír da provincia de Lugo, podes visitar tamén de xeito inmersivo un dos nosos castros mellor escavados e estudados. Trátase da visita virtual en 360 ó castro de Viladonga en Lugo. A visita permite achegarnos non só o museo e percorrer as súas salas, con pezas singulares, senón visitar tamén o propio xacemento, unha experiencia cando menos excepcional. Este é o seu acceso.
A Compostela Medieval do Museo das Peregrinacións
O Museo do Castro de Viladonga pertence á rede da Xunta de Galicia. Moitos destes museos contan coa súa propia visita virtual, mais non todos. Un deles é o Museo das Peregrinacións, na praza de Praterías de Compostela. Este museo localizado no antigo Banco de España é moito máis que un recurso turístico para os peregrinos. Nas súas salas faise un verdadeiro percorrido pola historia da cidade e das peregrinacións a Compostela con elementos dunha didáctica máis que singular.
A escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego
Tamén dependente da Xunta e con acceso tamén virtual, aínda que non 360, atopamos unha das xoias da nosa tradición museográfica, o Museo do Pobo Galego. Sito no convento de San Domingos de Bonaval é un dos grandes museos etnográficos da Península. Dando a man á vangarda do CGAC e nun dos lugares máis fermosos da cidade de Compostela, o museo non só nos conta a historia da nosa cultura tradicional dende a época castrexa, senón que nel descansan tesouros como a máis famosa escaleira helicoidal do barroco.
As Torres dos Moscoso de Vimianzo
Outro dos grandes recursos que temos na nosa rede é o acceso virtual ó Castelo de Vimianzo. Este gran enclave dos Moscoso de Altamira e icona da Costa da Morte ten tamén a súa visita en 360 grao. Un tour virtual desenvolvido pola empresa Fotopanorama que mediante explicacións certeiras e coidados audios déixanos descubrir a historia do castelo, dende o derrube e reedificación á mans dos Irmandiños ata a súa recuperación pola Deputación Provincial.
A talladora Vulkan do Museo Naval de Ferrol
O Ferrol do século XVIII foi un dos maiores arsenais militares de toda Europa. Unha incrible obra da enxeñería da Ilustración posta ás ordes dunha das coroas máis poderosas do vello continente. Porto, baterías, arsenal e cidade, que renden candidatura a Patrimonio Mundial, poden entenderse mellor dende este museo. Ó acceso ós dous andares do edificio de Ferrerías, desenvolvido pola empresa Xi Fotografía, permítennos achegarnos á construción naval no século XVIII, ó pecio de A Magdalena ou á talladora Vulkan.
A cabina dun Boeing 747 no MUNCYT coruñés
O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, que ten unha das súas sedes o pé do paseo marítimo da Coruña, tamén ten a súa visita virtual en 360. Un dos museos máis familiares de Galicia, que permite descubrir o mundo da inventiva tecnolóxica humana, pode visitarse tamén sen saír da casa. Nun singular edificio poden acharse elementos tan singulares como a cabina dunha aeronave de Boeing.
O canón de arponeo de baleas do Museo Massó de Bueu
A comezos do século XIX o catalán Salvador Massó Palau desprazouse cos seus enxeñeiros á costa galega para poñer unha pequena salgadura. A mediados do século XX a industria era unha das maiores empresas de produtos do mar de Europa que traballaba dende a conserva ata a caza da balea. No edificio da súa factoría da vila de Bueu a Xunta de Galicia instalou no ano 2002 un museo adicado a esta industria. Hoxe é tamén posible visitalo en 360 a través deste link.