fbpx
Cabeceira da catedral restaurada / foto catedraldesantiago.es

A catedral de Santiago estrea as súas obras de restauración

Tempo de lectura: 4 min.

Máis dunha década despois do seu inicio e con case 17 millóns de euros investidos, o pasado día 17 a catedral compostelá inauguraba as obras do interior do templo. Facíao nun acto no que estiveron presentes membros de todas as administracións implicadas e no que se afirmou que se deixou o templo “como ningunha xeración tivo a oportunidade de ver”.

No acto estiveron presentes o alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio e o deán da basílica compostelá, Segundo Pérez, entre outros.

Acto de presentación / foto santiagodecompostela.gal

Unha necesidade histórica

Se ben ó longo da historia recente a catedral foi obxecto de importantes obras de mantemento e restauración, rematando o século XX deixábase ver as carencias no mantemento dun dos templos máis importantes de Occidente. Filtracións, humidade, pinturas en moi mal estado ata desconchados no morteiro das bóvedas facían necesarias novas intervencións.

É por iso que, a comezos do presente século e co aumento progresivo do turismo na cidade, constatouse a necesidade de recuperar todos os seus valores. Foi por este motivo polo que se puxo en marcha o programa Descubrindo a Catedral, que arrincou cun traballo técnico rigoroso, o Plan Director de 2010.

Ó redor deste plan se proxectaron intervencións construtivas financiadas polo Ministerio de Fomento do Goberno de España, pola Xunta de Galicia, polo Consorcio de Santiago e pola propia Catedral. Engadiríase despois un convenio subscrito entre o Ministerio de Facenda e a Xunta e outro entre a Xunta e a Fundación Catedral. Todas as obras tiveron o marco do ano 2020 e para elas chegaron a sumarse preto de 17 millóns de euros.

Catedral de Santiago en obras / foto javierAlamoCC0

Á marxe disto, ademais, hai que engadir que con anterioridade, dende hai xa 12 anos, a Fundación Barrié de la Maza financiou a restauración do Pórtico da Gloria, no marco do seu Programa Catedral. Esta obra, case pioneira, rematada en 2019, completa a tarefa dunha rehabilitación integral do conxunto arquitectónico da catedral.

Unha enorme esforzo para todo o templo

Estas obras de restauración que cubriron case unha década, aproveitando o ciclo máis longo sen Ano Santo, abordaron as principais necesidades da catedral. O Plan comezou en 2009 coa renovación da Fachada da Azabachería á que seguiron a Fachada da Quintana coa restauración do Pórtico Real e actuacións na Porta Santa, no patio e reixa. Tamén na Torre do Reloxo, a Berenguela.

Restauráronse a Fachada oriental do claustro e a Torre do Tesouro, as cubertas da á oriental do claustro con elementos como a súa crestería, escudos, medallóns e reixas renacentistas. Tamén a Fachada da a Porta Santa e Patio de Abades ou a Panda norte do claustro. Sobre o templo renováronse as cubertas da nave principal mellorando a impermeabilización e renováronse as cubertas da Capela Maior e capelas da xirola. Tamén se renovou o cimborrio, recuperando as súas fiestras oxivais orixinais.

Cabeceira da catedral restaurada / foto santiagodecompostela.gal

No interior recuperáronse os zócalos da Capela Maior, os paramentos verticais da xirola, paramentos interiores e bóvedas de nave central. Tamén o transepto, naves laterais e triforio, restaurando o conxunto dos paramentos interiores e bóvedas do interior da basílica. Tamén outros elementos, tales como portadas, carpinterías, vidreiras e reixas. Restauráronse as pinturas da bóveda da capela maior, así como o baldaquino, altar de prata e reixas.

“Como ningunha xeración tivo a oportunidade de ver”

Durante a presentación Sánchez Bugallo indicou que os traballos realizados na Catedral “son enormes”. “Desde o seu inicio, houbo múltiples obras de intervención, pero case todas eran de substitución por un estilo por outro, duns materiais por outros ou de ampliacións”. Agora as obras de restauración “dannos a oportunidade de gozar dunha visión do templo que ningunha xeración anterior tivo oportunidade de ver”. “A rehabilitación que será compartida, a partir de agora, por millóns de persoas“.

O rexedor recordou que “estamos nun ano especialmente duro. Pensabamos que tiñamos diante de nós un escenario e unha perspectiva de Ano Santo e, por causa do coronavirus, estas perspectivas modificáronse radicalmente”. Pero, “cando eses turistas, e eses peregrinos veñan a Compostela, verán que estes meses non foron un tempo perdido, un tempo aproveitado para poderlles ofrecer unha catedral nunhas condicións absolutamente extraordinarias“.

Acto de presentación das obras / foto catedraldesantiago.es

Pode que che interese...