Un dos hórreos máis visibles da Coruña vandalizado e sen recuperar dende case dous anos
Na avenida de Alfonso Molina, na estrada con máis tráfico de Galicia e ó pé dun dos centros comerciais máis visitados, atópase un dos hórreos máis visibles da cidade. O hórreo, declarado Ben de Interese Cultural e un dos máis singulares da cidade, atópase nun lamentable estado, vandalizado e cheo de pintadas dende fai case dous anos.
Trátase dun singular exemplar que foi trasladado ó lugar en 1985 cando, para a construción do centro comercial, e ó derrubarse as vivendas ás que pertencía, foi movido a un pequeno xardín que separa a avenida de acceso á cidade do comercio. Dende aquela é non só un dos hórreos máis visibles da urbe senón tamén unha peza única e testemuño da contorna rural que nos últimos séculos rodeou á Coruña.
- Hórreo en Alfonso Molina na cidade da Coruña / foto HdG
- Hórreo en Alfonso Molina na cidade da Coruña / foto HdG
- Hórreo en Alfonso Molina na cidade da Coruña / foto HdG
Unha obra de vandalismo de “Ryan”
E é que, despois de décadas como mostra ó pé do centro comercial, en novembro de 2018 apareceu cunha gran pintada. O falso graffiti apelaba ó alcume do seu “autor” Ryan pintado na súa cara leste, mirando á avenida, xunto co que semellaban ser dous intentos máis de sinatura.
Ademais, ó longo destes dous anos os graffitis no pano do hórreo fóronse multiplicando e agora o hórreo aparece adornado xa por dúas novas pintadas de grandes dimensións que acompañan na súa destrutiva fazaña á “Ryan”. As pintadas mantéñense dende aquela no lugar sen que ninguén interveña.

Hórreo en Alfonso Molina na Coruña vai dous anos / foto HdG
Abandonado pola administración e polos medios
A desfeita foi recollida polo noso medio nun momento no que varias pintadas cubriron diferentes espazos patrimoniais de Galicia, dende a propia catedral compostelá á colexiata da Coruña. Mais tarde foi recollido tamén por outros medios de comunicación no medio dun intenso debate ó redor das pintadas na cidade, pero que non tivo continuidade tras o cambio no goberno municipal.
Agora, tras o paso de dúas corporacións de signos políticos distintos o hórreo continua no seu estado de deterioro tras o acto vandálico. Nin o Concello da Coruña, encargado por lei de velar pola protección da peza, nin a Xunta de Galicia, coas competencias na vixilancia e inspección do patrimonio, procederon á súa recuperación. Tampouco, que se teña constancia, existe proxecto algún para recuperalo.