fbpx

As pallozas dos Ancares, un patrimonio material que esmorece tras manterse milleiros de anos

Tempo de lectura: 2 min.

Plantar o centeo é o primeiro paso necesario para teitar unha palloza, un proceso tradicional complexo pero importante para preservar estas construcións de pedra e teito de palla típicas dos Ancares. Porén, a Xunta e a Deputación desatenden as peticións de axudas para poder levar a cabo estas tarefas, como denuncian dende a asociación Teitos de Piornedo.

Como critican dende Teitos de Piornedo, en decembro pediron á Consellaría de Cultura axudas para conservar as pallozas, recibindo unha resposta negativa, pois trátase de construcións de propiedade privada. “Soa a escusa, xa que son BIC e outras veces xa se arranxaron. Son monumentos singulares, pero ninguén se preocupa deles”, defende a portavoz do colectivo, Lola López.

“Teitar unha palloza é moi custoso. Pode oscilar entre os 50.00 e os 90.000 euros, dependendo do seu uso e tamaño. Hai que ter en conta tamén os salarios e a escaseza do colmo, que traemos de Arstoga”, explica López. O obxectivo do colectivo é recuperar os teitos de centeo, por iso dende a asociación organizaron un curso do que esperan que saian nove teitadores, os actuais alumnos.

Aínda así, trátase dunha labor complicada, un oficio que o experto Juan de Burbia ensina no curso, impulsado polo Centro para o Desenvolvemento Rural (CDR) dos Ancares. O proceso é lento e custoso, tendo en conta, xa dende un principio, as dificultades de plantar o centeo e facer a mallega. “Non se recolle suficiente centeo para as necesidades existentes, pero tratamos de recuperar e manter os eslavóns do proceso”, explica López, recordando como no 2017, a primeira colleita foi estragada polo xabaril e implicou a necesidade de pechar a finca.

“Facer os colmos e atalos cun brincallo para poñelos sobre o cango, a estrutura de madeira que os soporta”, son os seguintes pasos, como explica López. En total, en Piornedo hai 17 pallozas, por iso a Asociación pide a colaboración das administracións públicas. Máis información en El Progreso.

Pode que che interese...