fbpx

E ti, de onde ves sendo?….Sabes que podemos coñecer Galicia polos apelidos?

Tempo de lectura: 2 min.

O territorio de Galicia podería dividirse en cinco sectores se se tivese en conta a distribución de apelidos. A densidade localizada de xente apelidada Fernández, López ou Rodríguez destaca nalgunhas zonas de Galicia, unha distribución que resulta interesade ao coincidir coas divisións eclesiásticas da comunidade. 

Así o constata a tese Técnicas estatísticas en xeolingüística. Modelización onomástica, unha investigación levada por María José Ginzo Villamayor e que a USC vén de presentar. Como a propia autora apunta, as “relacións estreitas e duradeiras no tempo entre os poboadores que habitaban estas áreas” son a causa das actuais rexións de apelidos descubertas.

“Os apelidos poden ser utilizados como unha fonte de información para caracterizar a poboación dunha rexión”, como explica Ginzo Villamayor, cuxa tese se centra na introdución de novas técnicas estatísticas para o tratamento de datos e modelización en xeolingüística e onomástica.

A través do estudo constatouse unha menor diversidade de apelidos no sur de Lugo e na provincia de Ourense, onde é máis común atopar apelidos iguais. Así, nestas zonas son habituais os apelidos patronímicos, que son aqueles que designan ascendencia, filiación ou linaxe. Coa súa tese, a autora céntrase non só na construción de rexións de apelidos en Galicia, senón tamén no estudo e modelización de patróns espazo-temporais dos apelidos.

Porén, esta rexionalización de apelidos non é un caso único de Galicia, pois o estudo tamén analizou información de Asturias, onde se detectaron catro rexións onomásticas, coincidintes neste caso coas diferentes áreas dialectais do principado. “Noutros países, outros autores teñen chegado a conclusións semellantes entre estrutura de apelidos e variedades lingüísticas, non ocorre así no caso do galego”, afirma a autora, quen recorda que en Cataluña, na Comunidade Valenciana e nas Illas Baleares tamén se observaron comportamentos semellantes ao caso asturiano.

A tese, dirixida pola profesora Rosa Crujeiras Casais e que obtivo a cualificación de Cum Laude, tamén afonda na clasificación de apelidos en función da súa motivación, morfoloxía ou semántica, facendo fincapé na dimensión espacial e espazo-temporal da evolución dos apelidos.

Pode que che interese...